A Fiscalía pide 4 anos de cadea por ruídos aos donos da discoteca contra a que non actuou o Concello de Baiona cando Almuiña era alcalde

Entrada da discoteca Villa Rosa, en Baiona, en primeira liña de costa e rodeada de edificios residenciais CC-BY-SA Praza Pública

Hai tres anos o Concello foi condenado pola súa inacción cando en 2014, sendo rexedor o agora conselleiro, non abriu expediente sobre o local tras unha denuncia presentada por uns veciños

O xulgado de Instrución número 4 de Vigo vén de decidir a apertura de xuízo oral penal contra a discoteca Villa Rosa de Baiona e os seus propietarios por delitos contra o medio ambiente, lesións e desobediencia. Polos dous primeiros a Fiscalía pide catro anos de cadea, catro anos de inhabilitación para o exercicio da hostalería e a “clausura definitiva do local”. Hai tres anos o Concello de Baiona foi condenado na vía contencioso-administrativa pola súa inacción fronte a esta discoteca cando en 2014, sendo alcalde o agora conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, “non incoou expediente sancionador” tras recibir unha denuncia de ruídos dos mesmos veciños que agora logran o xuízo penal.

A discoteca Villa Rosa abriu as súas portas en 2003 nun antigo palacete cunha ampla terraza exterior en primeira liña de costa de Baiona. Os seus propietarios, Ezequiel S.G. e Ezequiel S.S., pai e irmán de quen foi concelleira de Urbanismo da vila co PP durante unha década, Ana Simóns Sánchez, que deixou o cargo en 2017.

Ezequiel S. foi ademais presidente dos empresarios locais e xunto co seu fillo é propietario de media ducia de empresas da comarca dedicadas ao turismo, a hostalería e a xeriatría. Desde o inicio da súa actividade a discoteca vén acumulando denuncias por ruído, algunhas das cales acabaron en sanción económica por parte do Concello e outras no seu arquivamento.

A discoteca Villa Rosa, en Baiona, coa súa terraza exterior CC-BY-SA Praza Pública

A Fiscalía pide a "clausura definitiva do local" e indemnizacións para os veciños afectados polo ruído

En 2017 un xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo condenou o Concello de Baiona por non investigar unha denuncia formulada por un veciño en outubro de 2014 con medicións de ruído realizadas os días 16 e 17 de agosto daquel ano por unha empresa de enxeñaría acústica contratada por el. O xulgado sentenciou que o Concello non cumprira “o deber municipal de dar unha resposta expresa á denuncia” xa que, dicía, “non é obxecto de controversia que o Concello de Baiona non incoou expediente sancionador”, e obrigábao a facelo.

Agora, na vía penal, o xuíz instrutor decide a apertura de xuízo oral despois de que a Fiscalía presentase escrito de acusación contra a empresa e os seus propietarios por un delito contra o medio ambiente e un delito de lesións. Polo primeiro pide penas conxuntas de catro anos de cadea e inhabilitación especial para o sufraxio pasivo, dous anos e catro meses de multa cunha cota diaria de cen euros, “catro anos de inhabilitación especial para profesión ou oficio relacionado con negocios de hostalería para cada un dos acusados”, e polo segundo delito dous anos de multa cunha cota diaria de 500 euros e “clausura definitiva do local” para a empresa. A Fiscalía tamén reclama que paguen indemnizacións por responsabilidade civil e prexuízos morais aos veciños denunciantes así como que asuman os seus “gastos médicos, farmacéuticos, de transporte e similares que se acrediten”.

Pola súa banda, a acusación particular exercida polos veciños denunciantes solicitan penas máis elevadas por un delito de contaminación acústica, dous de lesións e engaden outro de desobediencia grave.

Nos dormitorios dos denunciantes os ruídos “en varios casos se aproximan ao dobre” do “límite permitido legalmente”, salientou no seu momento a Audiencia Provincial de Pontevedra

As investigacións penais pola inactividade inicial do Concello de Baiona fronte á discoteca Villa Rosa chegaron no seu momento ata o propio alcalde daquela, Jesús Vázquez Almuiña, no cargo desde 2004 tras unha moción de censura contra o PSdeG e ata outubro de 2015, cando foi nomeado conselleiro de Sanidade por Feijóo. Ese nomeamento implicou o seu aforamento o que fixo que o xulgado de instrución pedise que a investigación contra el a continuase o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o único con capacidade para chamar a declarar como imputado a un conselleiro.

O tribunal rexeitouno e devolveu o caso ao xulgado pedíndolle que antes realizase máis indagacións, pero o seguinte paso do instrutor foi propor o sobresemento argumentando entre outras cuestións que o exceso de ruídos suporía unha infracción administrativa e non penal. A Fiscalía recorreu e a Audiencia Provincial de Pontevedra deulle a razón en 2018 e ordenou ao xulgado continuar a investigación penal salientando que informes periciais presentes na causa sinalaban que os ruídos “en varios casos nos dormitorios [dos denunciantes] se aproximan ao dobre” do “límite permitido legalmente”. A Audiencia tamén salientaba que había denuncias da propia Policía Local de Baiona que dan conta de “música ambiental perceptible claramente desde o exterior” da discoteca.

O fiscal xefe de Galicia co conselleiro de Sanidade e ex-alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, na sinatura dun convenio Dominio Público Xunta de Galicia

"Neste caso, o Concello foi denunciado tanto polo veciño, por non actuar, como pola discoteca, por si facelo", defendeuse Almuiña no seu momento

O xulgado continuou coa instrución da causa penal pero esta quedou arquivada respecto de Almuiña, decisión que segundo unha fonte coñecedora do caso os denunciantes teñen recorrida ante o Tribunal Constitucional. Cando no seu momento o xulgado instrutor pediu que o caso o levase o TSXG por ver indicios de delito en Almuiña, este argumentou que actuara sempre de acordo co que lle indicaron os técnicos municipais. “Neste caso, o Concello foi denunciado tanto polo veciño, por non actuar, como pola discoteca, por si facelo”, dixo o agora conselleiro.

Algo que ratifica a sentenza de hai tres anos, que ao igual que daba a razón aos veciños fronte ao Concello por non actuar, desestimaba un recurso formulado pola empresa contra a decisión municipal de suspender en maio de 2015 a actividade da discoteca tanto no seu interior como na súa terraza exterior (incumprida polos propietarios, que a mantiveron en funcionamento) e confirmaba a legalidade do posterior precinto e impedimento definitivo do uso de espazos exteriores como discoteca acordado pola administración local.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.