A fundación do PP logra medio millón de euros de cooperación ao desenvolvemento

Rajoy e Aznar, nun acto de FAES © Fundación FAES

Non son bos tempos para o apoio público á cooperación para o desenvolvemento. As organizacións non gobernamentais ven, ano tras ano, como os orzamentos das diferentes administracións para esta fin sofren importantes recortes. Así, por exemplo, o Estado minguou estas partidas en case un 24% no último ano e en Galicia a Xunta retallou dende 2009 ata o 70% e está a incumprir o seu propio plan, unha vez recortado. Neste escenario o Goberno central mantén intactos os cartos que reparte entre as fundacións dependentes dalgúns partidos políticos e que saen, precisamente, dos fondos de cooperación para o desenvolvemento. Son 900.000 euros dos que o 60% van parar á Fundación para el Análisis y los Estudios Sociales (FAES), ligada ao PP e presidida por José María Aznar.

Co obxectivo, sobre o papel, de promover "actividades relacionadas coa promoción da democracia e a consolidación dos sistemas de partidos políticos" o Ministerio de Exteriores basea o seu reparto en dous criterios: a representación parlamentaria de cada partido no Congreso e no Senado e unha valoración técnica de ata 100 puntos sobre o "contido da actividade", a "calidade da proposta" e a súa "coherencia" co Plan Director da Cooperación Española. Con estes criterios na man a FAES vén de obter, segundo publica o BOE deste luns, un total de 548.548 euros.

Considerada núcleo duro do sector máis conservador do PP, os cartos de cooperación servirán para financiar catro programas da FAES. O máis caro é o de "promoción das reformas políticas e económicas nos países en desenvolvemento", con 220.000 euros, segudido do "programa para o fortalecemento dos partidos políticos nos países en desenvolvemento", con 125.000 euros. A continuación sitúase o plan de "consolidación dos procesos democráticso e do Estado de dereito", con 110.000 euros e o "programa de divulgación dos valores da cooperación internacional entre os países doadores". As propostas da fundación de Aznar lograron unha valoración de 65 puntos sobre 100, a segunda mellor de todas as presentadas.

A FAES logra o 60% dos 900.000 euros que reparte o Ministerio, partida que non sufriu recortes

A segunda fundación máis beneficiada, aínda que a unha notable distancia da FAES, é a Pablo Iglesias, dependente do PSOE. Cunha valoración técnica de 64 puntos a entidade dos socialistas logrou 251.060 euros para financiar tres programas. Máis da metade deses cartos, 130.000 euros, irán parar ao "programa de consolidación dos sistemas de partidos políticos". O resto distribúese entre "xornadas e conferencias internacionais (71.060 euros) e o "programa de promoción da democracia", con 50.000 euros.

A Fundación do BNG obtén pouco máis de 2.500 euros para organizar encontros internacionais

As outras dez fundacións que obteñen fondos desta convocatoria de subvencións están a unha notabilísima distancia de PP e PSOE. Así, por exemplo, a fundación CATDEM, dependente de Convergència Democrática de Catalunya, logrou a mellor valoración técnica (67 puntos) e é financiada con pouco máis de 30.000 euros para organizar proxectos sobre "liderado cívico e político e desenvolvemento en Colombia" e sobre a participación das mulleres e da mocidade na "construción dun novo Mediterráneo". A fundación do PSC, a do PNV e a de UDC son as únicas que tamén superan os 10.000 euros. A Fundación Galiza Sempre, do BNG, está no noveno posto no reparto e queda con 2.581 euros para os seus "encontros internacionais 2014".

Rajoy e Aznar, nun acto de FAES © Fundación FAES

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.