A "fuxida" de Feijóo a Sudamérica en pleno recorte irrita a PSdeG e BNG

Feijóo, co presidente de Uruguai, acompañado por Guerra e Varela © Xunta

"Unha fuxida". É o diagnóstico que o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, e o candidato do BNG á Xunta, Francisco Jorquera, coinciden en realizar sobre a viaxe de case unha semana de duración que está a levar ao presidente da Xunta por ata cinco países de Sudamérica. Os líderes socialista e nacionalista non ven casual que o periplo de Alberto Núñez Feijóo, que continúa en Arxentina tras comezar en Uruguai, coincidise co anuncio e aprobación do duro paquete de recortes do Goberno central. Trátase, en opinión de Vázquez, de "ir fuxindo" e "de paso, a ver se pilla un puñado de votos, que tampouco os vai pillar".

Pachi Vázquez: "Por favor, que deixe de rirse dos galegos"

En opinión do xefe de filas do PSdeG "non pode ser que neste momento" o titular do Goberno galego "estea desaparecido". "Sei que é moi duro", asevera, pero Feijóo "ten que dar a cara" ou, pola contra, "recoñecer que non quere estar en Galicia cando as rúas se están mobilizando". "Que recoñeza que non ten solucións para este país", abonda Vázquez, en cuxa opinión a xustificación oficial da viaxe equivale faltarlle ao "respecto" á cidadanía de Galicia. "Se ven a foto de hoxe -sinalou ante os xornalistas- xa di por onde van os tiros", sinala, en referencia á imaxe de Feijóo co presidente uruguaio, José Mújica, que acompaña esta información. "A foto paréceme patética", asegura o socialista, xa que, na súa opinión, responde a un encontro no que ao presidente uruguaio se lle dixo "fala un momentiño con estes", pero do que a Xunta tirou o titular de que "se establece un diálogo co Mercosur". "Por favor, que deixe de rirse dos galegos", reclama.

Jorquera: "Que deixe de facer electoralismo en América con viaxes pagas con cartos públicos"

A "asumir a súa responsabilidades e dar a cara" ista tamén Jorquera a Feijóo. A xuízo do nacionalista o papel do presidente debera ser o de "explicar como lle vai afectar á sociedade galega o recortazo imposto polo Goberno Rajoy", para o que debe "deixar de facer electoralismo en América con viaxes pagas con cartos públicos". No marco dun reparto informativo en Arteixo Jorquera considerou que Galicia "agarda aínda por explicacións" da Xunta tanto polos recortes como pola súa "vergoñenta" posición no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), no que mentres comunidades como Castilla y León ou Extremadura "tamén gobernadas polo PP, mantiveron unha posición digna", Galicia "deu luz verde a medidas tremendamente lesivas" ao votar favorablemente ao novo teito de déficit. Pero "Feijóo, en vez de dar explicacións, en vez de dar a cara, optou por fuxir e por embarcarse nunha viaxe de claros tintes preeleitorais, pagada con fondos públicos", censura.

Mentres PSdeG e BNG reclaman explicacións Feijóo continúa a súa viaxe que, tras o encontro con Mújica, incluíu a sinatura dun convenio no Fogar Español de Montevideo e unha visita a instalacións industriais nas que se congratulou de que "tres barcazas" uruguaias vaian ser construídas por un estaleiro galego. Segundo a información subministrada pola Xunta -na caravana presidencial non viaxa ningún medio de comunicación galego- a viaxe contiúa este sábado e domingo na Arxentina onde, entre outros actos, Feijóo participará nun xantar no Centro Galicia de Bos Aires xunto a parte da "colectividade galega" da cidade.

Pachi Vázquez, nun acto público recente CC-BY-NC-SA PSdeG
Jorquera, nun reparto informativo en Arteixo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.