A Junta de Andalucía subvenciona unha asociación en Vigo ao considerala "afectada" pola "inmersión lingüística" en galego

Feijóo, con Pablo Casado e Juan Manuel Moreno Bonilla na campaña electoral de Andalucía en 2012 © PP

A mediados de 2019, o Goberno andaluz de PP e Ciudadanos rubricaba un acordo con Vox para lograr o apoio do partido de extrema dereita aos Orzamentos desa comunidade autónoma. Entre as condicións da formación ultra para dar o seu visto e prace ás contas do Executivo que preside Juan Manuel Moreno Bonilla figuraba a modificación das condicións das axudas que a Junta viña concedendo ás comunidades andaluzas no exterior para impulsar a súa actividade. Segundo o acordado, deberían "permitir especificamente" financiar "programas e actividades" para "paliar os problemas que orixinan nos descendentes dos membros destas comunidades os procesos de inmersión lingüística".

A reforma das subvencións ás comunidades andaluzas no exterior para "permitir especificamente" financiar actividades que "palíen os problemas que orixinan nos descendentes (...) os procesos de inmersión lingüística" foi unha das medidas pactadas polo PP de Andalucía con Vox

A medida fora publicitada polo partido de extrema dereita como unha reacción a unha suposta problemática co catalán padecida polas persoas de orixe andaluza que viven en Catalunya. No entanto, cando a proposta se concretou nunha orde de subvencións, en maio de 2020, esta abriuse ás comunidades andaluzas asentadas "en territorios con lingua oficial distinta ao castelán ou con outra cooficial co castelán" e tivo entre as súas consecuencias, tal e como informa Infolibre, o reparto de subvencións a entidades en Catalunya, Euskadi, Comunitat Valenciana e tamén en Galicia. Concretamente, a unha asociación con sede en Vigo, a Casa de Andalucía de Vigo, que anteriormente recibira axudas ordinarias da Junta en materia cultural, semellantes á algunhas das que a Xunta impulsa para as comunidades galegas no exterior.

Bases das subvencións para "afectados pola inmersión lingüística", aprobadas en 2020, e nova convocatoria das axudas neste xullo de 2021 CC-BY-SA Praza Pública

Nas bases das subvencións, o Goberno que encabeza Juan Manuel Moreno Bonilla (PP) di ser "consciente" da "realidade sociocultural de determinados territorios de acollida en relación con procesos crecentes de obrigada inmersión en aspectos culturais e lingüísticos de todo o conxunto da poboación que nela reside". Isto, asegura, ten como "posible consecuencia" unha "perda paulatina do acervo cultural e lingüístico dos andaluces e andaluzas que viven nestes territorios" e "especialmente, dos seus descendentes".

Por todo isto, deu en convocar "subvencións destinadas a accións culturais e actividades dirixidas aos descendentes dos andaluces e andaluzas afectados por procesos de inmersión lingüística" que "promovan o mantemento, promoción e difusión das súas raíces culturais e lingüísticas" a través das comunidades andaluzas no exterior. Sobre aquelas bases, no verán do ano pasado a Junta convocou as subvencións, dotadas con 100.000 euros

A Casa de Andalucía de Vigo, que anteriormente recibira apoio da Junta para actividades culturais, é agora beneficiaria das achegas para "andaluces afectados por inmersión lingüística" por situarse nun territorio cunha lingua "cooficial co castelán"

Nesa convocatoria, segundo a base de datos de subvencións do Goberno andaluz, a Casa de Andalucía de Vigo obtivo 1.100 euros. Na propia base de datos, a Junta especifica que é un importe concedido para accións culturais e actividades para "andaluces afectados por inmersión lingüística". Anteriormente, recibira cantidades semellantes para o seu funcionamento ou actividades cotiás, sen mención ningunha ao idioma.

Tras aquela primeira convocatoria, que o Goberno andaluz flexibilizou nos prazos por mor da pandemia, a pasada semana chegaba unha nova edición das subvencións, outra volta dotadas con 100.000 euros. Outra volta, o obxecto é sufragar "accións culturais e actividades dirixidas aos descendentes dos andaluces e andaluzas afectados por procesos de inmersión lingüística".

Como na anterior convocatoria, entre os "conceptos subvencionables" a través desta axudas figuran "concursos de redacción sobre a cultura e as tradicións de Andalucía", actividades de "lectura comunitaria de clásicos andaluces", actividades de "cante e baile", xogos infantís, libros ou audiovisuais que promovan "o uso da modalidade lingüística andaluza nas súas diferentes falas". As actividades, especifica, "serán realizadas en castelán".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.