PP, Vox e Ciudadanos converten as manifestacións de apoio ao ensino concertado nunha plataforma para as súas teses lingüísticas

Cargos de PP e Ciudadanos na protesta contra a Lei Celaá fronte á Casa das Palabras de Vigo © Ciudadanos

Casado asegura que en Galicia “o castelán seguirá sendo a lingua vehicular” diga o que diga a nova Lei Celaá de educación

A Casa das Palabras ou Museo Verbum de Vigo, dedicado ás linguaxes, foi o lugar elixido para a saída e remate dunha das cinco manifestacións en vehículos que no mediodía deste domingo recorreron tamén A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense convocadas en contra da Lei Celaá de Educación pola Plataforma Más Plurales, que agrupa a diversos colectivos en defensa da educación concertada. O seu manifesto céntrase na defensa do financiamento público dese tipo de centros privados e aínda que non inclúe ningunha referencia ao ensino de linguas, ese eido foi no que centraron os seus discursos PP, Vox e Ciudadanos ao sumarse este domingo ás marchas convocadas pola plataforma. 

As marchas de protesta celebradas nas cidades galegas contaron coa presenza de diversos cargos públicos do PP galego, que leva semanas axitando a bandeira da "imposición lingüística", pero foi o líder estatal do partido, Pablo Casado, quen lanzou desde Madrid a principal mensaxe para Galicia, onde asegurou que “o castelán seguirá a ser a lingua vehicular” no ensino aínda que a nova lei deixe de dicilo expresamente. 

Imaxe da mobilización en Ourense difundida por Jesús Vázquez, concelleiro e senador do PP e ex-conselleiro de Educación, no momento en que soa a canción segundo a cal a lei quere integrar alumnado con discapacidade con "niños normales"

A líder de Ciudadanos en Galicia di defender “o dereito a estudar tamén en español en Galicia”

Tamén na lingua puxo o foco a líder de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino, quen asegura que a lei foi “modificada expresamente para sacar do seu articulado o castelán, para despoxarnos a todos os españois da obrigatoriedade de que o español sexa usado en todas as escolas como lingua vehicular”. “Non imos permitir que o castelán deixe de ser lingua vehicular en Galicia”, asegurou Pino, quen di defender “o dereito a estudar tamén en español en Galicia”. E na mesma liña centrou Vox na lingua o motivo da súa participación nas marchas en defensa do ensino privado.

Coincidindo coa asistencia dos populares ás manifestacións, o PP galego divulgou o seu vídeo de Nadal no que atribúe  a crispación ao resto de partidos políticos e Feijóo pide celebrar as festas "sen cores políticas"

Coincidindo coas manifestacións contra a Lei Celaá, aprobada no Congreso por 177 votos a favor e 148 en contra, o PP de Galicia divulgou este domingo o seu habitual vídeo de felicitación de Nadal, no que atribúe crispación ao resto de partidos políticos. No vídeo, que se inicia cunha montaxe en castelán de diversas intervencións de líderes de varios partidos, o presidente da formación en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, felicita as festas en dúas versións, unha en galego e outra en castelán, desexando que se celebren “sen cores políticas”

Hai un ano o anterior vídeo de Nadal do PP galego, no que participou o actor Luís Zahera cun guión no que dicía aburrirlle a política, foi empregado como referencia no vídeo institucional de Fin de Ano da Xunta, que Feijóo empregou para cargar contra o Goberno central desde un instituto público no que gabou o “bilingüismo cordial” de Galicia”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.