A liña do Eixo Atlántico funcionará ano e medio sen o ERTMS

Sistema ERTMS © http://trenesinside.wordpress.com/

A liña ferroviaria do Eixo Atlántico galego contará por fin con ERTMS, pero tardará máis dun ano en estar en marcha. O Boletín Oficial do Estado (BOE) vén de publicar este martes a licitación por parte de Adif do contrato para dotar deste sistema de seguridade a liña A Coruña-Vigo por uns 69 millóns de euros. O anuncio chega moitos meses despois do grave accidente de Angrois e tras a polémica, xa que os expertos insisten que o devandito sistema de seguridade tería evitado o sinistro. 

Adif licita por 69 millóns a instalación do ERTMS na liña A Coruña-Vigo

Non obstante, e logo da inauguración do novo Eixo Atlántico o pasado luns e da súa posta en marcha nas vindeiras semanas, este non contará co ERTMS ata, cando menos, ano e medio despois. O prazo máximo de execución das obras é de doce meses a partir da adxudicación, mentres que o das probas de validación e posta en servizo é de medio ano. E as empresas terán aínda ata o 1 de xuño para presentar as súas ofertas. 

Así, durante o seu primeiro ano e pico a liña circulará co sistema de seguridade das vías convencionais, o ASFA, que impide que os trens superen os 200 km/h. En 2017, cando estea operativo o ERTMS, as máquinas poderán xa superar esa velocidade. A instalación deste sistema chega mesmo antes do previsto, xa que non estaba pensado instalalo ata que toda a liña ata Madrid estivese rematada, pero o accidente fixo que se adiantasen os prazos, aínda que durante un tempo o percorrido entre A Coruña e Vigo non contará co devandito sistema. 

O primeiro ano e medio a liña de velocidade alta do Eixo Atlántico circulará co sistema ASFA e non co ERTMS

O ERTMS (Sistema Europeo de Xestión do Tráfico) é un sistema de mando e control de trens que foi adoptado pola UE para equiparar todas as novas liñas que se constrúen nos Estados comunitarios e ten como obxectivo que a sinalización e as comunicacións entre a vía e os equipos de a bordo sexan compatibles en toda Europa e se facilite a interoparabilidade. 

O ERTMS achega datos sobre a velocidade máxima en cada punto ou distancia ata a seguinte baliza, así como o cálculo e a supervisión da velocidade de circulación do tren en cada momento. Conta ademais con dúas variantes: o GSM-R que permite a comunicación por radio cos trens, e o ETCS, que impide que o tren supere a velocidade máxima permitida e que, segundo expertos e peritos, tería evitado o sinistro de Angrois onde faleceron 79 persoas. 

A oposición leva meses advertindo das deficiencias de seguridade coas que conta a liña do Eixo Atlántico a raíz daquel tráxico accidente do Alvia, que carecía do sistema. “A seguridade debería ser unha prioridade para Fomento após do sinistro ferroviario. Unha seguridade que presupoñíamos que sería a prioridade do Ministerio e que implicaría a adopción de medidas preventivas como a mellor garantía para evitar accidentes de tan terríbeis consecuencias”, dicía non hai moito a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, logo de presentar unha iniciativa parlamentaria na que solicitaba a Fomento que os trens circulasen co sistema ERTMS desde o principio. Non será así e haberá que agardar ata 2017. 

Sistema ERTMS © http://trenesinside.wordpress.com/
Ana Pastor, nun viaxe en tren entre Vilagarcía e Pontevedra © Ministerio de Fomento

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.