A Marea de Vigo bota a andar buscando a participación dos movementos sociais

Presentación da Marea de Vigo, este xoves Dominio Público Praza Pública

A Marea de Vigo celebrou este xoves na Praza do Pobo Galego a súa primeira xuntanza, de carácter aberto, na que participaron ao redor de 150 persoas, e que dá continuidade ao manifesto inicial da plataforma, feito público hai un mes. O acto foi presentado por Beatriz Suárez Briones, unha das asinantes deste manifesto, que foi lido por representantes da PAH e da Oficina de Dereitos Sociais de Coia.

A reunión foi a primeira dunha serie de asembleas abertas, que terán continuidade o vindeiro xoves, na parroquia do Cristo da Victoria, co obxectivo de definir unha metodoloxía de traballo para a conformación dun programa político e dunha candidatura para as eleccións municipais de 2015. Previamente, tamén está convocada para este luns unha reunión aberta no local da asociación Bou Eva (rúa Terzo de Fóra, 11), que servirá para definir algunhas das propostas que se debaterán na asemblea.

Os promotores da plataforma destaron a numerosa participación no acto, as intervencións positivas que saudaban a posta en marcha desta iniciativa e a "pluralidade" dos e das asistentes, entre os que se atopaban representantes de Anova, Esquerda Unida, Podemos, Equo ou Espazo Ecosocialista. Tamén estiveron presentes dous representantes da coruñesa Marea Atlántica. Na quenda de micrófono aberto que ocupou a maior parte do tempo da xuntanza, un dos asistentes amosou o seu temor a que a actividade desta plataforma fose "controlado" polos partidos políticos. Os promotores da Marea sinalaron, no entanto, o seu "empeño en involucrar os colectivos e movementos sociais, cun intenso traballo sectorial" e que esta plataforma sexa "un espazo novo", distinto dunha unión de partidos, no que coexistan persoas con militancia partidaria, con entidades sociais e outras participantes sen adscrición.

A Marea de Vigo quere ser unha "proposta de rebeldía democrática" co obxectivo de acabar cun "modelo inservible" de facer política, en palabras de Beatriz Suárez Briones. "Pularemos pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria", destacaba o seu manifesto fundacional, que alertaba de que "Vigo está devalando nun proceso de frustrante decadencia", denunciando que "o actual goberno municipal perpetúa a privatización da auga, dos transportes urbanos e de ría, dos servizos recaudatorios, dos aparcadoiros". O texto chamaba á organización da cidadanía e dos movementos sociais para "unhas eleccións municipais que deben servir para lograr un cambio radical".

 

Presentación da 'Marea Ártabra'

Este sábado ás 12 do mediodía presentarase publicamente na Galería Sargadelos de Ferrol a Marea Ártabra, a plataforma cidadá constituída nas últimas semanas en Ferrolterra e que tamén fixo público un manifesto fundacional que chama a realizar "un proceso asambleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais".

Presentación da Marea de Vigo, este xoves Dominio Público Praza Pública
Presentación da Marea de Vigo Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.