Primeiro acordo pechado e con moito menos ruído ambiental que hai catro anos. O vindeiro venres botará a andar o Parlamento da X Lexislatura galega cunha sesión para a que a nova oposición tiña que chegar cunha tarefa resolta. O empate a 14 escanos entre a segunda e a terceira forza en votos o pasado 25S -En Marea obtivo 273.523 sufraxios e o PSdeG, 256.381- obrigaba a un entendemento pola banda da esquerda para asignar os dous dos cinco membros da Mesa, órgano reitor da Cámara, que non corresponden ao PP. Os grupos que encabezan Luís Villares e Xoaquín Fernández Leiceaga veñen de pechar un acordo tras unha serie de xuntanzas e contactos nos que tamén participou o BNG.
No transcurso do primeiro pleno da nova lexislatura as deputadas e deputados elixirán a Presidencia, posto para o que é preciso maioría absoluta e que, daquela, corresponde automaticamente ao PP. A continuación, nunha segunda votación, desígnanse as vicepresidencias primeira e segunda e, nunha terceira, a secretaría e mais a vicesecretaría. En ambas roldas o primeiro posto -vicepresidencia primeira e secretaría- é para a persoa que xunte máis votos e o segundo -vicepresidencia segunda e vicesecretaría-, para a segunda máis votada. Como fixa o Regulamento, en caso de empate celebraranse votacións sucesivas ata que este fique desfeito.
O empate a 14 escanos entre En Marea e PSdeG obrigaba a chegar á sesión do vernes co pacto pechado
Así as cousas, a igualdade numérica entre En Marea e PSdeG obrigaba a unha negociación na que tamén se contase co Bloque, formación que xa aclarara a través da súa líder, Ana Pontón, que non tiña intención de reclamar ningún destes postos a cambio dos seus seis votos. Segundo o acordo acadado a vicepresidencia segunda será, como xa sucedera noutras lexislaturas, para a segunda forza máis votada nas eleccións, neste caso En Marea, que elixiu para este órgano á deputada Eva Solla. Para a vicesecretaría os socialistas apostan por Concepción Burgo, que xa vén realizando este labor dende 2012.
Todo semella indicar que o PP volverá apostar por Miguel Santalices como presidente do Parlamento
Neste escenario só resta saber os nomes dos tres postos do PP que, segundo avanzou Alberto Núñez Feijóo o pasado martes tras a primeira xuntanza do grupo conservador, serán públicos este xoves. Non obstante, todo semella indicar que o ourensán Miguel Santalices seguirá á fronte da Presidencia, posto ao que accedeu a comezos de 2016 tras a marcha de Pilar Rojo ao Congreso. Os outros dous postos que deben cubrir os populares estaban ata agora asignados a José Manuel Balseiro, na vicepresidencia primeira, e Marta Rodríguez Arias, na secretaría.
En Marea accedeu a que o PSdeG manteña os escanos da marxe esquerda do hemiciclo, que adoita ocupar a segunda forza da Cámara
Santalices, precisamente, é quen como presidente da IX Lexislatura é o encargado de organizar a primeira sesión da X, e por iso as forzas da esquerda xa lle transmitiron o resultado do seu acordo. Este primeiro pacto implicará, ademais, unha recolocación dos grupos da oposición no hemiciclo. Aínda que En Marea apostou inicialmente por ocupar os escanos situados máis á esquerda, os que tradicionalmente son para a segunda forza parlamentaria, os de Villares deron en acceder á petición socialista de manteren eses escanos.
Así as cousas, En Marea sentará na franxa de escanos que nos últimos mandatos ocupou o BNG, os paralelos ao corredor que separa as dúas metades do hemiciclo. Os socialistas ficarán onde estaban, aínda que cun espazo minguado -pasaron de 18 a 14 escanos- e os 6 representantes do Bloque, con Pontón á fronte, ubicaranse entre os outros dous grupos da oposición. O PP, como adoito, ocupará a bancada da dereita.