A oposición de Neda tamén pide explicacións por dietas como as que investiga a Xustiza en Valga

Casa do Concello de Neda CC-BY-SA PepedoCouto

A oposición en Neda tamén dubida da legalidade de dietas semellantes ás que a Xustiza investiga en Valga. Movemento Veciñal de Neda (Moveneda) solicitou xa á Secretaría do Concello e a Intervención un informe sobre a "legalidade e os fundamentos de dereito" nos que se basean as denominadas comisións de coordinación de delegados de área, formada polos concelleiros do goberno local, que perciben dietas pola súa asistencia a un órgano creado á marxe dos establecidos legalmente e cuxa existencia -con diferentes denominacións- ponse en dúbida xa en varios municipios galegos. 

Moveneda pide a Secretaría e Intervención do Concello un informe sobre a legalidade das comisións exclusivas para membros do goberno

A Fiscalía vén de pedir tamén un informe sobre a legalidade destas comisións exclusivas para edís con responsabilidade de goberno en Valga, na causa pola que o xulgado de Caldas investiga sete dos nove concelleiros da localidade por presunta prevaricación e malversación de fondos. A maxistrada, a petición do Ministerio Fiscal, solicitou ao Colexio  Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local de Pontevedra que "emita un informe como perito sobre esta cuestión xurídica". Pretende aclarar de vez se é legal a creación de órganos alleos aos establecidos legalmente e que os denunciantes entenden que non son posibles de non axustarse á proporcionalidade dos representantes no pleno. Ademais, pretende determinar tamén se as dietas que se establecen para os edís cumpren coa normativa. 

Á espera de que a sentenza do caso de Valga aclare a situación, son xa varios os concellos nos que a oposición denunciou a existencia de controvertidas comisións e polémicas dietas. Cabanas, Noia, Curtis, Outes e agora Neda. Neste último caso, a comisión de delegados está vixente desde que o ex-rexedor Ignacio Cabezón accedera á alcaldía hai dez anos con Terra Galega para logo ocupar o mesmo posto polo PP. Neste novo mandato -no que goberna un tripartito de PSdeG, BNG e Converxencia Galega con alcalde socialista- mantense a súa existencia, pero coas dietas rebaixadas con respecto ao anterior e cunha periodicidade semanal e non quincenal. 

As comisións de coordinación para o goberno local están vixentes desde hai dez anos en Neda

Xa no pleno de organización, poucos días despois das eleccións de maio de 2015, o alcalde Ángel Alvariño, ante a pregunta de Moveneda, xustificou o mantemento desta comisión e argumentou que a coordinación das concellerías producíase neste órgano e non na xunta de goberno local porque nesta última "non están todos os concelleiros que compoñen o goberno municipal e ostentan delegacións da alcaldía". Na xunta de goberno están catro edís de goberno máis o alcalde, mentres que na devandita comisión acoden os seis edís do executivo e o rexedor.

As xuntas de goberno celébranse todos os luns media hora antes destas comisións de coordinación. Mentres que polas primeiras non se cobran dietas, polas segundas o alcalde percibe 249 euros por asistencia, mentres que cada concelleiro cobra 167 euros. Son, en total, 1.251 euros por cada xuntanza e un gasto anual duns 60.000 euros, segundo cuantifica Moveneda. Un dos seus concelleiros, Juan Carlos Pita, lembra que estes pagos e a existencia da comisión foron referendadas no pleno pero advirte que "non  hai regulación legal que as sustente, nin tan sequera un regulamento orgánico no Concello que as aprobe". Para esta formación, o gasto é "excesivo" nun municipio de pouco máis de 5.000 habitantes.

Os concelleiros de goberno cobran 167 euros por cada asistencia á comisión e o alcalde, 249; o gasto anual é duns 30.000 euros

Como ocorre noutros concellos con comisións semellantes, as dietas polo órgano creado á marxe dos establecidos é superior ao do resto de comisión ou ás de asistencia a pleno. Polos plenos, cada concelleiro percibe 116,4 euros, mentres que polas comisións informativas o importe ascende a 46,5. 

O executivo local xustifica as dietas das comisións de coordinación porque entende que non só pagan a asistencia a esas xuntanzas senón o traballo dos edís de goberno nun Concello onde non hai dedicacións exclusivas. Neste caso, ademais, e ao contrario que noutros concellos con xuntanzas semellantes, o secretario e a interventora son os que levantan acta delas. Con todo, desde Moveneda lémbrase que son reunións "curtas e sobre temas banais". 

 

Varios concellos con dietas semellantes

Desde que se fixera pública a investigación xudicial en Valga, en varios concellos de Galicia descubriuse a existencia tamén destas polémicas comisións de coordinación, cada unha delas regulada daquela maneira e todas baixo a sombra da opacidade e a escasa transparencia. O grupo socialista de Valga insistiu varias veces en que "non están amparadas pola lei" e que só existen como "sobresoldos" dos concelleiros do goberno. A xuíza que leva o caso investiga a súa legalidade, dado que non inclúen proporcionalmente membros de todos os grupos da corporación, como si se esixe no resto de reunións establecidas legalmente.

A oposición en Valga, Outes, Noia, Curtis, Cabanas e Neda pediu xa explicacións por unhas comisións que non consideran legais

Desde a localidade pontevedresa, pero tamén desde outras, denúncianse os pagos pola asistencia a unhas reunións de organización "como calquera outras", das que non se adoitan facer públicos os seus contidos e que, cando se fan, revelan a súa brevidade, a falta de concreción e o seu considerable custo. Unha destas comisións en Valga, tomada como exemplo, durou 40 minutos segundo a acta asinada polo secretario. Tratáronse catro temas e asistiron oito concelleiros a 60 euros cada un: 480 euros.

Todas celébranse á marxe das xuntas de goberno -na que unha parte do executivo xa se reúne reguladamente-, as comisións informativas e os plenos, onde a asistencia xa é retribuída pero con dietas sempre menores ás das reunións exclusivas dos concelleiros do executivo instauradas nalgúns municipios como Outes, Curtis ou Noia, onde o goberno do PP subiu un 150% o importe destas dietas tras acceder ao goberno logo dunha moción de censura. E non son os únicos: hai tan só quince días, a oposición na localidade de Cabanas denunciou dietas semellantes ás que se investigan en Valga e pedirá en pleno a súa regulación para evitar que sexan levadas ante a Fiscalía. Expertos consultados por Praza Pública dubidan moito da súa legalidade ou mesmo aseguran con contundencia que son ilegais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.