A participación en Galicia baixa punto e medio ás seis da tarde

Sesión plenaria do Parlamento Europeo en Estrasburgo CC-BY-NC-ND Parlamento Europeo

Galicia, ata as seis da tarde, participou menos nestas eleccións europeas que nas de hai cinco anos. A participación dos cidadáns galegos chamados ás urnas no país para estes comicios situouse ás 18 horas nun 33,79%, unha cifra máis dun punto e medio inferior aos de 2009, cando o 35,31% dos electores xa depositaran o seu voto a esa hora, tal e como sinalan os datos do Ministerio do Interior. 

A participación en Galicia ás seis da tarde baixa punto e medio con respecto a 2009 e descende sobre todo nas provincias do interior

O dato de Galicia é lixeiramente inferior ao da media estatal a esa mesma hora, e que se situaba no 34,08%, superando así a participacion no conxunto de España de 2009, cando votara o 33,79%. Esta lixeira suba no Estado débese, fundamentalmente, á espectacular mobilización que en Cataluña está a provocar o proceso soberanista, ao aumentar a participación en case nove puntos, situándose no 35,4% fronte ao 26,7% de 2009. 

Por territorios, en Galicia a participación baixa considerablemente nas provincias do interior, fundamentalmente en Ourense onde o descenso é de case seis puntos (do 42,38% de 2009 ao 36,48% de hoxe). En Lugo tamén descende en case catro puntos (do 37,11 ao 33,53%), mentres que na Coruña e en Pontevedra os datos son case idénticos aos de hai cinco anos, situándose a paricipación en preto do 32,5% na primeira e no 34,55% na seguda. 

Ás seis da tarde, aumentara a participación en tan só 47 concellos do país con respecto a 2009, destacando o aumento que se produciu nas comarcas de Santiago, A Coruña, Ferrolterra e a área metropolitana de Vigo.

Porque hoxe é votar ou agardar polo que decida quen vote. Son as dúas opcións que este domingo ten diante de si a cidadanía de 17 dos 21 estados da Unión Europea nos que hoxe se celebran eleccións. Nos catro restantes -Bélxica, Chipre, Grecia e Luxemburgo- votar non é unha opción, porque é obrigatorio. Dende as primeiras horas da xornada e ata as once da noite, hora á que pechan os colexios electorais en Italia, as urnas estarán abertas para configurar o novo Parlamento Europeo. Dende esa hora comezarán a coñecerse os resultados das votacións que, xunto ás exercidas dende o xoves polo electorado dos Países Baixos, Reino Unido, Irlanda, República Checa, Malta, Eslovaquia e Letonia, condicionan parte do futuro político duns 400 millóns de persoas.

Con contadas excepcións, se algo teñen en común estes comicios nos diferentes Estados e territorios da Unión é a sombra da abstención. A desafección, a crise económica, os recortes da troika e a percepción de que os asuntos europeos son algo afastado constitúen un cóctel que tamén afecta de cheo a Galicia, onde as europeas non conseguen achegar ás 3.618 urnas a máis da metade do censo dende 1994. A respecto das últimas eleccións, nas que a abstención galega se achegou ao 57%, o censo medrou un 2,1%. As persoas que o integran terán para elixir 39 candidaturas, catro máis que hai cinco anos.

Dende as once da noite coñeceranse os resultados das eleccións, que este domingo se celebran en 21 estados

Dende o Parlamento Europeo, ao que a Xunta Electoral lle impediu animar abertamente a votar no Estado español, asegúrase que "estas son as eleccións europeas máis importantes" de todas as que se teñen celebrado, e non só porque "permitan os votantes xulgar os esforzos realizados polos líderes da UE para atallar a crise da zona euro" e "expresar a súa opinión sobre os plans para intensificar a integración económica e política". Tamén son as primeiras eleccións dende que o Tratado de Lisboa lle outorgou en 2009 novas competencias á Eurocámara.

Os votos tamén condicionan a Comisión

Entre as principais novidades destas eleccións é que, por primeira vez, a voz do novo Parlamento Europeo, que se constituirá o 1 de xullo, terá que ser escoitada para renovar a Presidencia da Comisión Europea. Aínda que non se trata dunha elección indirecta ao xeito, por exemplo, do presidente da Xunta -os deputados e deputadas escólleno entre os membros da Cámara-, o certo é que a persoa que sexa proposta polos estados membros para suceder a José Manuel Durão Barroso terá que obter o apoio parlamentario. Segundo o Tratado, isto supón que a Eurocámara "elixe" o presidente ou presidenta.

O Tratado de Lisboa implica que o Parlamento teña que refrendar a persoa proposta para presidir a Comisión

Dos trece grupos políticos da Unión catro designaron candidato e un, candidato e candidata para a Presidencia. Pola banda do Partido Popular Europeo o candidato é Jean-Claude Juncker, ex primeiro ministro de Luxemburgo e anterior presidente do Eurogrupo. Os socialistas europeos apoian a Martin Schulz, quen presidiu a Eurocámara na segunda metade da lexislatura que remata. O candidato dos Liberais e Demócratas é Guy Verhofstadt, ex primeiro ministro belga. O grupo dos Verdes e da Alianza Libre Europea, ao que apoia o BNG, opta polo líder agrarista francés José Bové e a alemá Ska Keller, e a Esquerda Europea, na que se integra AGEe, presenta o grego Alexis Tsipras, líder de Syriza. Unha vez elixida a Presidencia, os gobernos estatais propoñen a lista de comisarios e comisarias, un por cada país e o Parlamento debe refrendalos ou rexeitalos.

Primeiro test dun longo ciclo electoral

Malia á previsible baixa participación os resultados das eleccións europeas traerán consigo unha lectura política en clave interna. No caso galega estas eleccións supoñen o primeiro test electoral para as forzas políticas tras as autonómicas de 2012, nas que o PP perdeu máis de 100.000 votos pero gañou tres escanos. Estas son as primeiras eleccións con José Ramón Gómez Besteiro á fronte do PSdeG e Xavier Vence como líder do BNG e tamén son unha proba para a resistencia electoral da coalición de Alternativa Galega de Esquerda e mais para o PP despois de tres anos do Goberno de Mariano Rajoy en Madrid e cinco do de Alberto Núñez Feijóo en Galicia.

A seguinte estación do ciclo electoral serán as municipais de 2015

Os resultados que obteñan as principais candidaturas, que en Galicia teñen como referentes a Francisco Millán Mon, José Blanco, Ana Miranda, Lidia Senra e Paulo Carlos López, serán o punto de partida para un longo período electoral que ten a súa segunda parada nas municipais da primavera de 2015 e, se nada muda, nas xerais que se terán que celebrar a finais do mesmo ano. Xa en 2016 completarase o ciclo de eleccións coa renovación do Parlamento galego.

Votación na Eurocámara CC-BY-NC-ND Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.