A presentación oficial da coalición do BNG con ERC e EH-Bildu para as europeas será en Santiago

Ana Miranda, durante un pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo CC-BY-NC-SA BNG

O BNG botará a andar formalmente a súa precampaña cara ás eleccións europeas a vindeira semana en Santiago. A capital galega será o escenario do primeiro acto oficial da coalición coa que o Bloque concorrerá aos comicios do 26 de maio, nos que Ana Miranda volverá ser a referente galega nunha candidatura compartida con Esquerra Republicana de Catalunya e EH-Bildu que terá como número 1 a Oriol Junqueras, actualmente encarcerado.

Ana Miranda volverá ser a candidata do BNG na coalición para as europeas, que encabezará Oriol Junqueras

Miranda compartirá protagonismo con Diana Riba (ERC) e Josu Juaristi (EH Bildu, con quen xa rotou no escano na actual lexislatura europea) nun acto no que Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, intervirá no nome da "forza política anfitrioa" tras o aval de "máis do 90%" da militancia a esta alianza. A candidatura, resaltan dende o Bloque, vai alén da "conxuntura electoral", xa que é  "unha aposta estratéxica para o nacionalismo galego".

A "defensa de Galiza como nación, do dereito do pobo galego a decidir libremente, dos intereses do país, da súa capacidade produtiva e de xeración de riqueza", resaltan, serán os eixos dunha candidatura que tamén "defende os principios democráticos, de soberanía dos pobos, de paz, dos dereitos humanos e dereitos fundamentais, da igualdade, da xustiza e da cooperación entre os pobos".

Miranda, con Raül Romeva e Oriol Junqueras, ambos ex-compañeiros na Eurocámara CC-BY-SA BNG

O feito de que nas eleccións europeas a circunscrición sexa estatal obriga a alianzas coma estas. Ao ir da man de ERC e EH-Bildu, afirma a dirección do BNG, teñen a "garantía de defensa dos intereses dos galegos e galegas na Eurocámara sen condicionamentos alleos". Ademais, segundo veñen avanzando nas últimas semanas, a propia campaña terá características propias en cada un dos territorios, como en anteriores eleccións.

A coalición traballa na marca xeral Agora Repúblicas, se ben agárdase unha campaña con perfil propio para Galicia, Euskadi e Catalunya

Nesta liña, agárdase unha campaña en clave galega dentro da xeral deseñada para toda a coalición que, como informa Arturo Puente para eldiario.es, traballa na marca xeral Agora Repúblicas. O deseño da campaña pasa por poñer o foco na situación dos líderes independentistas cataláns encarcerados, especialmente en Catalunya, pero tamén en acentual o perfil de esquerdas cara a outros puntos do Estado, toda vez que non teñen por que recibir votos unicamente dende Galicia, Euskadi ou Catalunya.

O equipo que está a deseñar a campaña da coalición agarda poder superar o millón de votos e os catro representantes na Eurocámara. Ana Miranda opta a ser eurodeputada por terceira lexislatura. Na actual algúns dos eixos máis destacados da súa actuación no Parlamento Europeo pasaron polas xestións a prol da investigación do accidente de Angrois, actuando como mediadora das vítimas ante a Axencia Ferroviaria Europea, ou o impulso á reapertura das pescudas sobre a contaminación das rías galegas, asunto que volverá ser tratado na vindeira semana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.