O pasado xaneiro o Parlamento aprobou por unanimidade a toma en consideración -inicio da tramitación- da iniciativa lexislativa popular que, impulsada pola CIG, promove diversos cambios no mercado eléctrico, dende a instauración dunha tarifa propia para Galicia ata medidas para paliar a denominada "pobreza enerxética", isto é, evitar os cortes de subministros básicos como electricidade e gas a quen non lles poden facer fronte por motivos económicos. Ao contrario que o resto de iniciativas as ILP non decaen polo cambio de lexislatura e por iso, unha vez constituído o novo Parlamento, o PSdeG vén de reclamar a "reactivación" da proposta para lograr, entre outras, a instauración en Galicia da coñecida como "tregua invernal" aos cortes de luz.
A xuízo do voceiro socialista en materia de Industria, Abel Losada, os datos estatísticos que apuntan a que "hai en torno a 300.000 persoas en Galicia" que "teñen dificultades para afrontar as facturas da luz" e a perspectiva de "novas subas" nas tarifas deberan ser motivos dabondo para axilizar o proceso. A Xunta, agrega, debera asumir -ao contrario do sucedido na lexislatura pasada- cando menos medidas "en sintonía coa lexislación comunitaria encamiñada a protexer as persoas máis vulnerables", a comezar por "prohibir a desconexión" da rede por falta de pago "en momentos críticos".
O PSdeG reclama reactivar a ILP "contra a pobreza enerxética" promovida pola CIG e cuxa tramitación comezou co apoio da unanimidade do Parlamento
Os socialistas concretan as súas peticións nunha iniciativa parlamentaria na que, alén de reclamar "que se continúe coa máxima dixilencia posible" a tramitación da ILP, piden á Xunta que "habilite unha lixa de axudas" que "garanta que ningún fogar poida ser privado dun mínimo de cobertura enerxética" con luz ou gas "entre o 1 de novembro e o 31 de marzo de cada ano". Estes subsidios, indican, deberan facilitarse conxuntamente dende as consellerías de Economía e Política Social. Adicionalmente, o PSdeG insta o Goberno a, "en colaboración coa FEGAMP", impedir estes cortes tamén no subministro da auga.
A axilización desta lei está agora nas mans da Comisión de Industria do Parlamento. Segundo confirman fontes parlamentarias consultadas por Praza.gal, a Mesa da Cámara xa adoptou a preceptiva admisión a trámite por inicio da lexislatura o pasado día 27 de outubro, e a Xunta de Portavoces do 15 de novembro remitiuna á comisión correspondente. O seguinte paso será a achega de emendas por parte dos grupos e o texto final dependerá, en última instancia, do que decida o PP.
O "tícket enerxético" da Xunta
A petición dos socialistas chega poucos días despois de que, en resposta a unha interpelación de En Marea, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, fixese especial fincapé "no apoio da Xunta ás familias para combater a pobreza enerxética" mediante o denominado "tícket eléctrico social". Esta medida, anunciada no derradeiro día da campaña electoral das europeas de 2014 e ampliada cinco días antes das xerais de 2015, implica o pagamento "de dúas mensualidades" por ano "cun tope máximo de 200 euros" e recibiu críticas dende a oposición e organizacións sociais por, entre outros motivos, ser limitada no tempo e só poder ser solicitada a través de internet e previa solicitude dun certificado electrónico.
A axuda da Xunta recibiu críticas da oposición e de entidades sociais polo seu baixo importe e por ter que ser solicitado a través de internet
A finais de 2015 a Xunta anunciara tamén a sinatura dun acordo coas principais comerciadoras eléctricas para, segundo anunciou daquela o Goberno, "evitar o corte da luz por impago ás familias con menos recursos". Este programa, presentado polo Executivo como "pioneiro" malia estar xa vixente en territorios como a Comunitat Valenciana, Madrid ou Castela e León e tamén en varios concellos galegos como A Coruña ou Muras, consiste en que as empresas se comprometen, ante un impago, a informar as familias da posibilidade de acceder ao tícket eléctrico da Xunta antes de cortarlles a luz. Nese momento a familia tería que pedir a axuda a través de internet e a Consellería de Economía, pola súa banda, tramita a paralización do corte durante un mes.
A limitación temporal e económica destas medidas contrasta coas solicitadas pola oposición galega, pero tamén coas implantadas noutras comunidades autónomas como Catalunya, onde a medida foi parcialmente anulada polo Tribunal Constitucional. O alcance destes plans, así como do "bono social" do Goberno de España, agora ás portas dunha reformulación, é tamén menos ambicioso que os aplicados por gobernos como o de Portugal, onde dende o pasado xullo o executivo que dirixe António Costa aplica descontos automáticos por importe dun terzo da factura a todas as familias con rendas baixas -ingresos familiares de 5.808 euros ao ano, con incrementos do 50% por cada membro do fogar que non cobre nada- e, como informa eldiario.es, sanciona as compañías eléctricas que non cumpran coa medida.