Foi unha sorpresa. O alcalde do Grove recibiu unha chamada de Moncloa hai poucos días insistíndolle na súa presenza nalgún dos actos do cumio que os gobernos de España e Alemaña celebraron este mércores na Coruña. Alí, na cea que compartían o chanceler alemán, o presidente do Goberno español, varios ministros e os seus equipos, estaba tamén José Antonio Cacabelos, rexedor grovense. Parolando animadamente cos máximos dirixentes de ambos países. Convidado por ambos.
Houbo unha razón fundamental: a morriña e a insistencia de Olaf Scholz. "Chamáronme e alá fun para facerlle unha pequena homenaxe", explica a Praza.gal José Antonio Cacabelos, que conta o motivo da súa presenza no cumio e a relación -descoñecida para a maioría- do chanceler alemán con Galicia e co Grove.

O alcalde do Grove foi convidado ao cumio hispano-alemán da Coruña logo da insistencia de Scholz lembrando o seu verán na vila hai 40 anos
"Nas diferentes reunións que mantivo con Pedro Sánchez nos últimos tempos, falando da celebración deste cumio e de Galicia, sempre lle lembraba os bos recordos que tiña dun verán que pasara estudando español nunha vila mariñeira galega... Era O Grove", explica. Tal era a nostalxia, que Scholz pediu ao Goberno de España incluír unha visita á localidade -que celebra a Festa do Marisco- na axenda prevista para o cumio, unha solicitude que se tornou imposible polos compromisos de ambos mandatarios e o apuro das reunións bilaterais. A cambio, pactaron, sería O Grove -ou o seu máximo representante- o que acudiría a el.
"O chanceler sempre falaba do Grove e pedíronme se podiamos facer algo", explica Cacabelos, que gardou toda a discreción posible ata o momento dun encontro que o obrigou a adiar compromisos anteriores. "Contaba que fora a un academia de español durante varios meses e que tiña moi bos recordos daquela época", explica.
O chanceler pasou varios meses estudando español no Grove hai 40 anos, unha actividade que trouxo moitos turistas mozos alemáns nos 80 e 90
Olaf Scholz foi un daqueles moitos alemáns que desde principios dos 80 e durante os 90 encheron a vila grovense durante o verán. "A academia Atlántica foi a primeira que impulsou esta iniciativa que xerou moita actividade: os alemáns viñan aquí, compartían piso durante algúns meses, estudaban tres horas diarias na academia e logo dedicábanse a facer turismo", lembra Cacabelos. Naqueles grupos de mozos e mozas había un futuro chanceler alemán no que ninguén reparara ata agora.
"Durante un tempo foi todo un fenómeno no Grove, onde todo o mundo se acorda daquilo como algo moi importante; aínda hoxe seguen vindo alemáns pero non como naquela época", explica o alcalde, que gozou da cea de gala posterior ao cumio hispano-alemán na Coruña e lembrou con Olaf Scholz aqueles momentos da súa mocidade: "Foi moi agradable, acordábase de moitos detalles, da ponte da Toxa, da paisaxe...".
O alcalde proporá nomear a Olaf Scholz fillo adoptivo do Grove e xa o convidou a gozar da vila proximamente e "compartir un albariño"
Precisamente, un cadro de Carlos Álvarez Besada coas vistas da ría e A Toxa, expresamente pintado para a ocasión, foi un dos agasallos que o Concello do Grove, da man do seu alcalde, deu o pasado mércores ao chanceler. O outro, unha réplica da escultura da familia mariscadora que preside a vila mariñeira. Pero hai máis.
"Dada a importancia da figura, vou propoñer iniciar o expediente para nomealo fillo adoptivo do Grove e poder manter así ese vínculo", explica o alcalde, que xa convidou a Olaf Scholz a visitar a vila así que teña tempo para volver gozar dela "e para compartir un albariño". Como cando, con 28 anos, decidiu vir aprender castelán a un pequeno municipio mariñeiro. Hai xa catro décadas.