O presidente di agora que o 90% do Camiño do Litoral "non precisa adaptacións significativas" porque coincide con treitos xa transitables e calcula o custo total en 2 millóns de euros
O pasado 22 de abril, un día antes do último debate de política xeral no Parlamento, o presidente Rueda avanzou que un dos anuncios que lanzaría nel sería "unha senda que conecte toda a nosa costa dende A Guarda a Ribadeo". O proxecto, agora denominado Camiño do Litoral, supuña cumprir cunha década de demora unha obriga que o propio Goberno galego se deu a si mesmo ao aprobar en 2011 o Plan de Ordenación do Litoral, no que o anterior goberno de PSdeG e BNG incluíra unha similar Senda dos Faros.
Este luns Rueda rebaixou a ambición do proxecto e asegurou que o 90% da ruta xa existe e a Xunta só vai actuar en 130 quilómetros. Isto é, o 10% do total da costa galega.
Segundo admitiu este luns o propio presidente da Xunta, a súa promesa dunha senda litoral de 1.300 quilómetros só require actuar nuns 130 quilómetros xa que "o 90% non precisa actuacións significativas porque xa coincide con rutas xa consolidadas" como camiños tradicionais, paseos, beirarrúas ou pasarelas de madeira. Só 130 quilómetros "si precisan de obras menores para darlle continuidade a eses treitos", como traballos de limpeza ou roza ou mellorar as condicións de seguridade ou continuidade da senda.
Esas actuacións contan cun orzamento de 1,7 millóns de euros, ao que hai que engadir outros 200.000 euros para sinalización da ruta cunha mesma identidade visual e outros 100.000 euros para unha aplicación móbil con información sobre a senda.
O Plan de Ordenación do Litoral elaborado por PSdeG e BNG e aprobado en 2011 por Feijóo daba á Xunta dous anos para planificar unha senda que dese acceso a todo o litoral galego como a que agora retoma Rueda
O obxectivo da Xunta é que o Camiño do Litoral "entre en servizo neste ano 2026" configurado como unha sucesión de 53 etapas que comecen e rematen en vilas con servizos suficientes. Unha ruta que agora o Goberno galego vai someter a consulta pública para recibir suxestións da cidadanía.
O Camiño do Litoral supón así asumir cunha década de demora o proxecto da Senda dos Faros planificada polo bipartito e aprobada por Feijóo, que pretendía "fomentar o descubrimento do litoral" cunha "rede de sendeiros claramente delimitados, accesibles e seguros, para o uso e gozo da sociedade", segundo se publicou no DOG. Aquela disposición adicional normativa incluída no diario oficial cun prazo de inicio de dous anos remitía ao desenvolvemento da iniciativa que se facía na memoria do Plan de Ordenación do Litoral aínda hoxe vixente. Nese documento admitíase que "son numerosos os percorridos xa establecidos no litoral galego", tanto sendas como paseos marítimos, e propúñanse os faros como elemento unificador dos mesmos.
Hai década e media a Xunta de Feijóo admitía que a senda agora retomada por Rueda dependía de "distintas administracións"
O plan tamén admitía que "a senda discorre por un ámbito onde distintas administracións, tanto municipais como autonómicas e estatais, teñen competencias", polo que sinalaba que "é necesario o establecemento de mecanismos adecuados de coordinación e colaboración".
A esas dificultades hai que engadir o feito de que hai treitos da costa que, máis alá da consideración constitucional de que o litoral debe ser público, son de imposible acceso pola súa configuración orográfica ou por estar ocupados por concesións.