A corporación quere medir mensualmente “como a sociedade galega percibe de xeito positivo ou negativo o valor social da TVG, así como a influencia da súa mensaxe”
A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) fai público e vén entregando cada ano no Parlamento un informe ou memoria co que ela mesma considera que fai para cumprir a obriga de servizo público pola que foi creada. Pero agora vai encargar un estudo externo sobre o que a sociedade galega cre que fai ao respecto.
O estudo, que debe analizar diversos aspectos relacionados co servizo público da CRTVG, incluirá enquisas mensuais a un mesmo grupo dun mínimo de 300 persoas representativas da sociedade para, entre outras cuestións, analizar “como a sociedade galega percibe de xeito positivo ou negativo o valor social da TVG, así como a influencia da súa mensaxe”. Os traballos desenvolveranse ao longo dun ano e teñen un orzamento inicial de licitación de 42.000 euros.
A memoria coa que a CRTVG xustifica o contrato que agora saca a concurso sinala que a Lei 9/2011 de Servizo Público de Comunicación Audiovisual de Galicia, e o Mandato Marco do ente de 2015, establecen a obriga da CRTVG de “cumprir coa misión de servizo público de comunicación audiovisual que lle sexa encomendada”, polo que “é preciso establecer un mecanismo de medición do grao de cumprimento” desa misión. O mecanismo elixido pola corporación é a contratación dunha consultora externa experta en sondaxes e estudos sociais que analice datos de audiencia, contidos emitidos “e un mostreo de opinión baseada na metodoloxía ‘panel’”, isto é, nun grupo de persoas estable ao que se enquisa periodicamente.
A empresa que resulte adxudicataria deberá elaborar un documento mensual durante doce meses sobre “indicadores relacionados coa audiencia, coa utilidade social, coa imaxe de marca, coa notoriedade social e económica, e cos fundamentos de servizo público”, e ademais outro documento final sobre a “identidade e actividade” da CRTVG relacionadas co seu goberno corporativo, recursos humanos e proxección social.
A visión de Galicia sobre o servizo público da TVG sairá dun grupo dun mínimo de 300 persoas representativas da sociedade, pero tamén se analizará "a percepción de grupos de interese"
O estudo mensual sobre o servizo público, que debe ter en conta datos de audiencia, basearase nun “panel estatístico representativo formado por un mínimo de 300 individuos e cun cuestionario de como mínimo 4 preguntas fixas de escala (1 a 5) que serán propostas polo licitador”. Ademais da antedita análise sobre como a sociedade galega percibe de xeito positivo ou negativo o valor social da TVG e a influencia da súa mensaxe, tamén debe analizarse “a percepción dos valores que transmite a CRTVG que ten a sociedade galega”.
“Débense establecer variables de análise que traballen cos conceptos de proximidade, diversidade, confianza, pluralidade e rigorosidade en todos os contidos” e o estudo “tamén debe incluír un apartado, elaborado con metodoloxías cualitativas, sobre a percepción de grupos de interese sobre a CRTVG”, din os pregos de condicións.
Dentro do estudo mensual sobre o servizo público da CRTVG a consultora tamén deberá realizar unha análise dun “mínimo de 20 horas mensuais da programación da TVG, para determinar a pluralidade e o volume de contidos sociais que forman parte da grella da TVG”.
Praza.gal preguntou á CRTVG por este novo contrato e en particular pola novidade de que se faga agora algo así por primeira vez indicando que vén determinado pola lei de 2011 ou polo Mandato Marco de 2015. A corporación non contesta nada ao respecto e limítase a reiterar os argumentos expostos na memoria xustificativa do contrato.
"É manifesta a nosa preocupación pola percepción que existe agora mesmo dos medios de comunicación públicos", di a CRTVG
Segundo a resposta, “na CRTVG somos partícipes do debate que se está establecendo na Unión Europea sobre as novas misións e visións do servizo público de comunicación. É manifesta a nosa preocupación pola percepción que existe agora mesmo dos medios de comunicación públicos, e por iso a CRTVG foi un dos primeiros asinantes do Public Service Media Manifesto e participou activamente na consulta pública sobre a proposta que está elaborando a Comisión Europea sobre o Media Freedom Act”. Nese contexto, explica a corporación, decidiuse encargar o estudo cualitativo “sobre a percepción que ten a sociedade galega sobre o servizo público que presta a CRTVG”.