A UE nega ás vítimas do Alvia a documentación sobre o procedemento de infracción aberto a España

Vítimas de Angrois e representantes do BNG coa comisaria de Transporte, Violeta Bulc CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión Europea négalles ás vítimas do accidente do Alvia o acceso á documentación dun dos procedementos de infracción aberto a España por incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria. A plataforma de vítimas do sinistro de Angrois recorreu xa a decisión do organismo comunitario para que “revise a súa posición e faga públicos os documentos”. 

A UE argumenta que desvelar os documentos “afectaría ao clima de confianza mutua entre as autoridades de España e a Comisión” e que non ve “ningún interese público superior en divulgalos"

Foi o pasado 6 de marzo cando o colectivo das vítimas recibiu a resposta á súa demanda por parte de Henrik Hololei, director xeral da Comisión de Mobilidade e Transportes da UE, negándolles que puidesen acceder a estes documentos en base a unhas excepcións contempladas no regulamento de acceso público á información. 

A Comisión Europea alude, entre outras cousas, a que os informes demandados forman parte do intercambio de información que están a levar a cabo coa Administración española a raíz do procedemento de infracción aberto ao Estado por incumprir as obrigas en seguridade ferroviaria e que desvelalos “afectaría ao clima de confianza mutua entre as autoridades de España e a Comisión”. Ademais, indica tamén que non ve “ningún interese público superior en divulgar” o demandado. 

A plataforma, no entanto, solicita precisamente o acceso aos documentos acolléndose a ese “interese público superior que supón a seguridade, a salvagarda da vida e a integridade física no transporte ferroviario”, polo que reclaman á Secretaría Xeral de Transparencia da UE que “revise a posición da Comisión e faga chegar ás vítimas a documentación solicitada”. 

A asociación de vítimas, no recurso enviado e ao que tivo acceso Praza.gal, alega que o regulamento comunitario determina precisamente que se denegará o acceso a este tipo de documentos “agás que a súa divulgación revista un interese público superior”. Entenden que se atopan ante un caso, precisamente, excepcional ao tratarse de “garantir a seguridade das persoas no transporte ferroviario español e europeo” e que “non hai maior interese público” que velar pola “vida e integridade física das persoas”. 

As vítimas alegan que divulgar a documentación ten o "interese público superior" que prevé o regulamento da UE ao referirse á "seguridade, a salvagarda da vida e a integridade física no transporte”

“Pretender protexer outros intereses a costa de ocultar os seus riscos en materia de seguridade non é unha conduta acorde ao dereito á seguridade, aínda menos de negársenos ser testemuñas de como a autoridade nacional soluciona os buratos de cumprimento que lle supuxeron a apertura dun procedemento de infracción”, din as vítimas, que aseguran que á “inseguridade” sobre o cumprimento das normas de seguridade en España “únese agora a desconfianza nas autoridades europeas”.

Vítimas do accidente, ás portas do xulgado de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

“Prefírese a ocultación porque parece que prima a confianza entre autoridades políticas sobre a confianza na cidadanía e a súa seguridade”, insisten no recurso enviado, no que advirten de que “dispor desa información” permitiríalles “participar con garantías e en igualdade de condicións, por calquera dos mecanismos democráticos dos que se dota unha sociedade avanzada, na construción dun sistema férreo máis seguro”. 

Así, a plataforma asegura que a Administración española “fixo caso omiso dos informes e advertencias públicos da Comisión Europea en relación ao incumprimento das directivas de seguridade ferroviaria”, mesmo despois da traxedia de Angrois, e expoñen varios accidentes “onde desde as autoridades se segue a culpar unicamente ao despiste do maquinista ou a erros humanos”, como no caso dos sinistros ocorridos no Porriño en 2016 ou o pasado 8 de febreiro de 2019 en Barcelona.

“Prefírese a ocultación porque parece que prima a confianza entre autoridades políticas sobre a confianza na cidadanía e a súa seguridade”

As vítimas lamentan que se siga centrando a responsabilidade do accidente de Angrois no maquinista e que o Goberno de España e a CIAF “se neguen a reabrir a investigación malia incumprir a directiva de seguridade”. 

“Tanto as vítimas como a cidadanía descoñecemos se a lexislación que non se cumpría en 2011 segue sen cumprirse en 2019”, lembran, para asegurar que non teñen “forma” de saber máis “se non é ao abeiro dos nosos dereitos como cidadáns europeos de esixir ao Goberno de España unha rendición de contas”. 

Cargos políticos visitan a zona do accidente de Angrois en xullo de 2013 © Goberno de España

A plataforma censura a actitude de Fomento, Renfe e Adif á hora de analizar os riscos ou o que é unha integración segura dunha obra e insisten en que é “imprescindible” ter acceso aos informes do procedemento para “poder exercer a presión necesaria e fundamental nunha democracia” e para que as autoridades “muden a postura e comecen a cumprir coa directiva de Seguridade”.

“O noso único obxectivo é garantir a seguridade, que se cumpra a normativa, que non haxa máis papeis ocultos, que calquera tren de cidadáns europeos poida circular por unha infraestrutura española segura e facer todo o posible para evitar máis vítimas”, remata o recurso, que insiste no “interese público superior” para defender o acceso á documentación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.