A urxencia electoral leva a inaugurar o AVE León-Valladolid coas carencias de seguridade de Angrois

Rajoy e Pastor, durante os actos de inaguración © Goberno de España

Na mañá deste martes 29 de setembro o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, participan na inauguración da liña de alta velocidade ferroviaria que unirá León, Palencia e Valladolid. Unha liña, que como denuncia a Plataforma Alvia 04155, que agrupa as vítimas do accidente de Angrois e os seus familiares, bota a andar con algunha das eivas de seguridade que provocaron a traxedia de Compostela. Unha urxencia, salientan, motivada pola proximidade das eleccións de decembro. Entre outras cousas, este AVE comezará a operar sen o sistema de sinalización ERTMS e ata o ano 2016 só disporá do sistema ASFA, polo que a súa velocidade estará limitada a 200 quilómetros por hora. Na investigación sobre as causas do accidente de Angrois púxose de manifesto que o sistema ERTMS tería evitado a catástrofe.

Na investigación sobre as causas do accidente de Angrois púxose de manifesto que o sistema ERTMS tería evitado a catástrofe

A instalación do ERTMS foi adxudicada en xuño de 2014, pero o sistema non estará listo ata dentro de medio ano, pois debe superar unha serie de probas e axustes que se prolongan ao longo de varios meses. Con todo, o Ministerio de Fomento decidiu adiantar a inauguración da liña a antes das eleccións xerais de decembro. Ao igual que sucedera coa liña Ourense-Santiago, o AVE León-Valladolid comezará a funcionar sen ser exactamente un AVE, pois a súa velocidade estará limitada. A liña presenta así mesmo outras características que a afastan do que é habitual nos traxectos de alta velocidade, pois percorre máis de 80 quilómetros por unha vía única para os dous sentidos, unha medida de aforro que está a ser aplicada por Fomento noutras liñas. O sistema ERTMS é o propio da alta velocidade e permite controlar a velocidade dos trens en todo momento. Pola contra, o sistema ASFA, que comezou a operar nos anos 70 do pasado século só aplica os controis cando o vehículo atravesa unha serie de balizas situadas na vía.

A Plataforma Alvia 04155 denuncia os paralelismos existentes coas "présas e modificacións" na inauguración do treito Ourense-Santiago que "provocaron unha merma na seguridade" da liña. Ademais da ausencia do sistema ERTMS, a plataforma lembra que "do mesmo xeito que na liña Ourense-Santiago se decidiu a última hora a supresión de distintas medidas de seguridade por cuestións orzamentarias e electorais" nesta nova liña "eliminouse a dobre vía na chegada a León, tamén por falta de orzamento e, tememos, que co conseguinte risco para a seguridade".

"Non hai dúbida de que o Ministerio de Fomento ten présa por inaugurar esta liña canto antes e isto puido provocar unha toma de decisións precipitadas ou erróneas"

"A inauguración desta liña podería ter sido prohibida pola Xunta Electoral Central en caso de celebrarse en outubro ou novembro, pola proximidade das eleccións xerais", sinala a plataforma. "Non hai dúbida de que o Ministerio de Fomento ten présa por inaugurar esta liña canto antes e isto puido provocar unha toma de decisións precipitadas ou erróneas", engade. A entidade de vítimas denuncia que "unha vez máis semella que a improvisación, a demagoxia política e a chapuza imperan sobre os criterios rigorosos e profesionais" e que "os políticos poñen por riba de todo os seus intereses" tratando "de enganar os cidadáns".

Sistema ERTMS © http://trenesinside.wordpress.com/
Baliza do sistema ASFA CC-BY-SA Santiago Martínez Aznar
Rajoy, na cabina dun tren durante a viaxe inaugural deste martes © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.