A xestora do PSdeG sae en defensa de Sánchez e Feijóo congratúlase da quebra do PSOE

Sánchez, nun acto da campaña do 25S CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSOE vive unha situación crítica, practicamente sen precedentes alén do afastamento de Josep Borrell como aspirante á Presidencia do Goberno de España a finais dos anos 90 do século pasado, aínda que co matiz nada menor que o daquela candidato, tamén elixido en primarias, non era o líder orgánico do partido -o secretario xeral seguía a ser Joaquín Almunia-. Mesmo antes das dezasete dimisións na Executiva Federal dos socialistas para propiciar a caída de Pedro Sánchez, o presidente da Xunta en funcións e candidato á reelección congratulábase abertamente da quebra do partido socialista e líaa en clave de vaga expansiva dos resultados do 25S mentres, na dirección interina do PSdeG, se tenta enviar folgos ao líder que tenta resistir.

Alberto Núñez Feijóo reuniu este mércores a cúpula do partido para facer balance duns resultados "tan bos como excepcionais" e tamén dos seus "efectos", a comezar polos "movementos intensos" no seo do PSOE. Segundo quen continuará á fronte da Xunta o que sucede no ata agora principal partido da oposición española é unha inxección de "sentidiño galaico" que "está a mover os alicerces do PSOE, e para ben, para ben de España e da política". Porque o debilitamento ou caída de Sánchez pode permitir, vén concluír, que Mariano Rajoy poida ovlver se investido. "Non podemos seguir esperando".

Feijóo: "Estanse a mover os alicerces do PSOE para ben de España e da política"

Mentres os populares galegos observan con pracidez a profunda crise socialista, dende a xestora do PSdeG, o órgano interino que ten encomendada a dirección do partido dende a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro, a súa presidenta, Pilar Cancela, saía abertamente en defensa de Pedro Sánchez. O movemento dos dimisionarios non é máis, para Cancela, ca unha "tolemia" que avanza cara ao "suicidio" político do PSOE. Os cargos que tentan propiciar a caída de Sánchez, sinalou a deputada en declaracións á TVG, están inmersos nunha "fuxida cara a adiante" para evitar que "se fale nos órganos internos do partido" pero, sobre todo, cre, para "roubarlle á militancia a capacidade de decisión".

Cancela ve o sucedido "un suicidio" e rexeita que o PSOE torne "nun partido de centro moderado"

"Non é o momento máis oportuno nin a ocorrencia máis oportuna", di a socialista, que se pregunta "dende cando lle temos medo ao exercicio democrático". "Algúns e algunhas -afirma- esquecen que neste partido se deu un salto fundamental, que a dirección e os candidatos os decide a militancia e que foi a militancia a que elixiu este secretario xeral". Ao cabo, advirte, do que se está "a falar" é "de se o PSOE se converte nun partido de centro moderado ou volvemos ser un partido de esquerda, que é o que nos pide a militancia". "Se co noso voto debemos facilitar un goberno do señor Rajoy, eu seguirei dicindo que non", conclúe.

Caballero, cos críticos

A dirección provisional do PSdeG non está co golpe a Sánchez, pero os seus impulsores si atopan apoio nun dos cargos enfrontados co órgano que encabeza Cancela, o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Tras afastarse abertamente da campaña electoral de Xoaquín Fernández Leiceaga, Caballero sinalou a primeira hora deste xoves en declacións á Cadena SER que, na súa opinión, as dimisións do mércores provocan que a Executiva de Sánchez fique "disolta" e que, polo tanto, "entre tres e catro meses" haxa que celebrar un Congreso extraordinario que aborde as solucións "a eleccións continuadas con perdas dramáticas de votos".

O alcalde de Vigo alíñase coa operación para desbancar a Sánchez e nega "que uns lle queiran dar voz aos militantes e outros, non"

O rexedor vigués alíñase cos críticos, entre outras cuestións, porque "as bases do partido na provincia" votaron o 25S "unha lista que foi cambiada nos despachos de Ferraz", e rebate a Cancela afirmando que "non vale dicir que uns lle queren dar voz aos militantes e outros, non". Mentres ese congreso non chega, Caballero abre a porta a que neste período transitorio os socialistas permitan un novo Goberno do PP no Estado. "Eu levo dicindo toda a vida que [Rajoy] é o meu adversario directo", sinala, pero "a cuestión é se o non a Rajoy agora leva a máis Rajoy en decembro", en referencia ás posibles terceiras eleccions xerais.

 

Feijóo, este mércores en Santiago CC-BY-SA PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.