A concelleira de Participación da Coruña, Claudia Delso, terá que declarar como investigada -antiga imputación- o vindeiro 1 de marzo no xulgado número 8 da cidade no marco da instrución aberta o pasado outubro sobre a cesión do uso da vella prisión provincial ao Proxecto Cárcere, que viña desenvolvendo proxectos culturais e de memoria histórica na antiga instalación dende o ano 2010. O procedemento xudicial ten na súa orixe unha denuncia do PP local asumida pola Fiscalía, quen cre que a xuíza debe aclarar se existu "prevalencia do interese en ceder o uso do edificio" ao Proxecto Cárcere "por riba do cumprimento estrito da legalidade".
O procedemento xudicial ten na súa orixe unha denuncia do PP local contra a cesión de uso do vello cárcere provincial á asociación Proxecto Cárcere, despois asumida pola Fiscalía
Tras transcender aos medios a citación xudicial Delso, que aínda non a recibira este venres, amosou a túa "total disposición" e mesmo satisfacción por "poder ter esa declaración" e, "por fin, poder aclarar no xulgado todo o sucedido en relación á cesión de usos do antigo cárcere". Ao seu xuízo, cando declare ficará claro que non existe a suposta prevaricación que se investiga no procedemento, senón só "interese do PP por sementar dúbidas sobre a celebración dun concurso público restrinxido a entidades sen ánimo de lucro para a dinamización deste espazo".
Segundo consta no expediente administrativo da cesión, divulgado polo goberno local a finais de 2017, cando o Concello coruñés abriu o proceso para ceder os usos do vello cárcere, cedido polo Goberno central para usos socioculturais por dous anos prorrogables, concorreron dúas entidades. Unha era o Proxecto Cárcere, que levou 134 puntos. A outra, a do club de roller derby As Brigantias, que obtivo 46, indica a documentación, non suxeita a fiscalización da intervención por ser "sen contido económico", sinala o propio expediente.
Delso lamenta o "interese do PP por sementar dúbidas sobre un concurso restrinxido a entidades sen ánimo de lucro"
"O único que fixemos co cárcere foi desenvolver unha política distinta" e "responder a unha demanda da cidadanía, que dende hai anos reivindicaba a necesidade de recuperalo para uso cidadán", defende Delso, dende cuxo punto de vista tras a denuncia do PP que despois asumiu a Fisclaía "só se esconde unha campaña de difamación contra as políticas participativas". Nun sentido semellante o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, ve a citación da concelleira como algo "esperable cando existe unha denuncia con acusacións tan graves e desproporcionadas como as que fixo o PP". "Teño absoluta confianza en que despois da declaración todo quede absolutamente aclarado" xa que "o único que houbo foi un intento absolutamente legal de poñer o cárcere á disposición da cidadanía" mediante un "concurso público con garantías", subliña Ferreiro.
Xulio Ferreiro: "O único que houbo foi un intento absolutamente legal de poñer o cárcere á disposición da cidadanía nun concurso con garantías"
"Todo o demais non é máis ca o empeño do PP por ir contra as políticas participativas", coida o rexedor, quen afirma ademais que esta citación "non contravén o código ético" da Marea Atlántica, cuxa Coordinadora manifestou este xoves a súa "absoluta confianza" en Delso. "Confiamos en que o xulgado, unha vez rematadas as investigacións", poña "no seu sitio as acusacións do PP, que nun burdo intento de igualar a Marea Atlántica coas súas habituais prácticas irregulares trata de facer crer que existe prevaricación nun procedemento sen contraprestación económica e limitado a entidades sen ánimo de lucro", conclúe a formación, que impulsou ademais unha acción de apoio á concelleira nas redes sociais baixo o lema #EuConClaudia.
Os populares, pola súa banda, acusan o goberno local de "xogar ao vitimismo". Segundo a súa presidenta local e candidata, a ex-conselleira Beatriz Mato, a xuíza "chamouna a declarar como investigada" porque "aprecia algo máis ca indicios de delito no tema do cárcere" e por iso afirma que no PP van estar "atentos a se Xulio Ferreiro cumpre agora ou non con aquilo do que presume, código ético en man".