A xuíza da 'Pokémon' detén un edil de Santiago e rexistra a casa de Conde Roa

O Servizo de Vixilancia Aduaneira rexistra a vivenda de Conde Roa en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Enésimo terremoto político en Galicia a conta da operación Pokémon. Este xoves amenceu coa noticia de que a xuíza de Lugo Pilar de Lara vén de iniciar unha nova fase da operación Pokémon, denominada Manga, ordenando novenovas detencións, catro delas en territorio galego, outras tantas en Catalunya e unha máis en Asturias, así como diversos rexistros, o máis rechamante na casa do ex alcalde da capital de Galicia, Gerardo Conde Roa, quen abandonou o cargo apenas nove meses despois de acceder a el a causa da súa imputación por presunta fraude fiscal -non pagou o IVE que lle achegaran os clientes da súa construtora para abonar débedas propias-.

Executadas a través do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) -empregado por De Lara como corpo policial-, as novas actuacións xudiciais implicaron unha detención que vén desestabilizar aínda máis o goberno local de Compostela, axitado dende hai meses por un cóctel de imputacións xudiciais e enfrontamentos internos. O edil de Seguridade da cidade, Albino Vázquez (PP) foi prendido polo SVA igual que Ángel Espadas, o que fora xefe de gabinete do ex alcalde Conde Roa tras ser apartado das listas dos conservadores por ser sorprendido ao volante do seu coche durmido e baixo os efectos do alcol.

A nómina de persoas detidas en Galicia complétase, segundo as informacións do Xulgado de Instrución nº1 de Lugo, con Jesús Fuentes, "asesor cultural e organizador de eventos" considerado na cidade como próximo ao PP e baixo cuxa responsabilidade estivo o caótico concerto que Bruce Springsteen ofreceu en Compostela no ano 2009, e con José Luis Míguez, xerente compostelán da empresa Aquagest. Pola banda catalá do operativo foron detidos o alcalde de Sant Hilari Sacalm, Robert Fauria (CiU), o responsable de Servizos á Cidadanía do Consell Comarcal de La Selva e mais o administrador e o apoderado da empresa GRS. En Asturias o detido foi Joaquín Fernández, propietario dunha empresa de consultoría e enxeñaría e membro do PP.

Entre os detidos galegos está tamén Ángel Espadas, o ex asesor de Conde Roa ao que a policía atopou durmido e ebrio no seu coche

As últimas previsións do xulgado sinalan que os nove detidos comezarán a pasar á disposición da xuíza a partir das nove da mañá do venres, a comezar polas persoas detidas en Galicia e rematando polas de Catalunya. Aínda que polo momento non son coñecidos "os cargos que se imputan en cada un deles", dende os xulgados lugueses sinalan que "en case todos os casos os delitos serían os mesmos: suborno, tráfico de influencias, revelación de segredos ou uso de información privilexiada e prevaricación -no caso dos funcionarios públicos-. "Algún" deles ademais é investigado por "falsidade documental e branqueo de capitais".

Feijóo: "O que pasa en Santiago non é normal"

Os detidos pasan á disposición da xuíza este venres para responder por delitos como suborno, tráfico de influencias ou revelación de segredos

Case ao mesmo tempo que o SVA marchaba con caixas de documentos da casa de Conde Roa e facía o propio nos departamentos de contratación, tráfico e informática e na secretaría do Concello de Santiago a Alberto Núñez Feijóo tocáballe comparecer ante a prensa co gallo da reunión semanal do Consello da Xunta. Visiblemente contrariado polos acontecementos e nun contexto no que o presidente está a tentar desligarse das diversas sobras de corrupción que lle afectan ao seu partido, Feijóo deixaba caer que neste caso non terá tanta condescendencia como tras a imputación do alcalde santiagués, Ángel Currás, na propia operación Pokémon. "O que está a acontecer en Santiago non é normal", reiterou ata en catro ocasións o xefe do Executivo.

Feijóo, que asegura que foi informado "de que pode haber actuacións noutra cidade de Galicia" polo mesmo caso, afirma estar "moi atento" para "tomar as medidas que proceda" cos seus compañeiros de filas en Santiago. Agora toca que se realicen as "declaracións", a Xustiza "estará actuando e serán necesarias explicacións e desculpas", porque "o que está ocorrendo a ningún cidadán de Compostela nin de Galicia lle parece normal". "O que lle podo asegurar é que entendo que ten que haber explicacións amplas e desculpas concretas", reiterou, cando foi cuestionado sobre se este caso o "repugna" de igual maneira que os apaños contables de Luis Bárcenas, tal e como asegurou na recente sesión de control do Parlamento.

Esta nova vaga de detencións e rexistros prodúcese nun momento en que o número de persoas presuntamente implicadas e chamadas a declarar en calidade de imputadas supera xa a trintena. O último en engadirse a esta lista foi o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes (PP), pero na mesma relación están os seus homólogos de Santiago, Ángel Currás (PP) e Lugo, Xosé Clemente López Orozco (PSdeG). O propio caso Pokémon custoulles xa o cargo a outros dous rexedores, os de Ourense, Francisco Rodríguez (PSdeG) e Boqueixón, Adolfo Gacio (PP) e deu lugar á dimisión dun concelleiro do BNG en Ourense.

O Servizo de Vixilancia Aduaneira rexistra a vivenda de Conde Roa en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.