A xuíza da Pokémon investiga a desaparición dun informe sobre a adxudicación da ORA na Coruña

Zona de aparcamento nunha rúa da Coruña © Concello da Coruña

Máis desaparicións. Escasos días despois de que unha funcionaria xubilada do Concello da Coruña denunciase a "manipulación" dun ordenador investigado no caso Pokémon que implicou, segundo o seu testemuño, o borrado de información relevante para o caso a xuíza Pilar de Lara investiga agora a desaparición dun informe elaborado pola mesma funcionaria e referente á adxudicación dos servizos de ORA e guindastre en 2005, durante o goberno de Francisco Vázquez.

Nun auto emitido este luns e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública a maxistrada instrutora dá orde de integrar na investigación unha copia do informe que a devandita funcionaria, na súa condición de responsable de transportes, abordou a "valoración das ofertas presentadas" para este concurso, que acabaría recaendo nunha empresa do grupo Véndex. Ese informe foi a base para a adxudicación definitiva do servizo á empresa presuntamente corrupta, a cal ingresou por el uns 3 millóns de euros anuais, e foi levado aos tribunais pola anterior concesionaria, Setex Aparkisa.

A xuíza dálle cinco días ao concello para indicar sobre "onde estivo ubicado" e quen manexou o informe sobre a adxudicación da ORA e o guindastre

Segundo De Lara no seu auto esta copia do informe atópase "na documentación orixinal do expediente do concurso" que o actual goberno coruñés lles entregou aos axentes de Vixilancia Aduaneira cando acudiron a rexistrar as súas instalacións. Non obstante, a investigación manexa unha copia porque "desapareceu o orixinal do mencionado expediente, tal e como obra nas anotacións a lapis recollidas no citado informe", indica.

Dadas as circunstancias, o Concello da Coruña ten cinco días a contar dende este luns para "informar" ao xulgado de Lugo sobre "os lugares onde estivo ubicado" este expediente "dende o momento da emisión" do informe en cuestión. Deberá, asemade, indicar "a identidade de todos e cada un dos funcionarios e empregados que estiveron en posesión do devandito expediente e con acceso ao mesmo".

De Lara abre dilixencias tras recibir documentos sobre un presunto delito de prevaricación no Concello coruñés

No mesmo auto a xuíza Pilar de Lara indica tamén que se dispón a abrir dilixencias a respecto doutro presunto delito no consistorio coruñés. Isto sucede despois de que un home que responde ás iniciais A.S.V., afectado pola Operación Zeta, lle achegase "un escrito e documentación" nos que "comunica a comisión dun presunto delito de prevaricación cometido no Concello da Coruña". Dado que estes feitos "carecen de relación" co caso Pokémon a xuíza decide a apertura de dilixencias e, a continuación, inhibirase para que aborden o asunto os xulgados da Coruña.

Zona de aparcamento nunha rúa da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.