A xuíza De Lara busca facturas dos dous gobernos anteriores no Concello de Santiago

Espadas, con dirixentes de empresas investigadas no caso, fotografado na Praza do Obradoiro Dominio Público Vixilancia Aduaneira

Axentes de Vigilancia Aduanera presentáronse este venres no Concello de Santiago para facerse con calquera tipo de documentación relacionada coa construtora compostelá Unika, para a que traballou Ángel Espadas, quen fora man dereita e xefe de Gabinete do alcalde popular Gerardo Conde Roa e que está sendo investigado por tráfico de influencias como presunto 'conseguidor' de contratos públicos. A operación policial, novamente en plena campaña electoral, foi ordenada este xoves pola xuíza de Lugo instrutora do caso Pokémon de presunta corrupción municipal, Pilar de Lara.

Os investigadores acudiron coa orde de levar calquera tipo de documento relacionado coa construtora Unika e outra empresa asociada "entre os anos 2009 a 2015"

Durante a hora que os axentes de Aduanas permaneceron no departamento de Intervención no edificio administrativo da rúa Galeras reclamaron, segundo o oficio xudicial que os habilitou para iso, “copia compulsada de todos os informes, dictámenes, resolucións, deliberacións, actas de reunións, publicacións, contratos, pagos e resolucións de concursos, así como calquera outra información dispoñible ou que sexa requirida polos funcionarios” da empresas Unika Proyectos y Obras SA, da súa unión temporal coa empresa Byco SA e desta última en solitario “entre os anos 2009 a 2015”.

A investigación cre que Espadas actuaba como "abrelatas" para unha concesionaria municipal

Segundo a investigación xudicial, tras a súa saída do Concello, Ángel Espadas traballou para a construtora compostelá Unika, cuxos responsables non están sendo investigados no caso. De acordo coa tese dos axentes, Espadas estaría en última instancia traballando como “abrelatas” para a concesionaria municipal Aquagest, que si ten varios directivos imputados.

Esta non é a primeira vez que os novos gobernos municipais dos concellos investigados polo caso Pokemon ou as súas múltiples derivadas teñen que entregar por orde xudicial documentación relativa a anteriores gobernos. O mesmo fixo hai uns meses o Concello da Coruña por outra investigación similar.

Espadas, con dirixentes de empresas investigadas no caso, fotografado na Praza do Obradoiro Dominio Público Vixilancia Aduaneira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.