A xuíza detecta sobresoldos no PP de Ourense e atribúeos á 'caixa B' do partido

Baltar e Feijóo, no congreso do PP de Ourense en 2010 CC-BY-SA PPdeG

A investigación sobre a presunta 'caixa B' do PP de Ourense segue a alargarse. Apenas dúas semanas despois de que a xuíza Pilar de Lara tombase o recurso co que José Luis Baltar tentou frear o proceso a maxistrada vén de ordenar novas dilixencias. Faino tras examinar un informe do Servizo de Vixilanica Aduaneira elaborado a partir da documentación "facilitada" o pasado febreiro por Emilio Pascual, ex xerente do partido e testemuña na causa. Os papeis, lonxe de afastar as sospeitas, reafirman a xuíza na hipótese de que a formación funcionou cunha 'caixa B' que, considera, serviu para financiar gastos electorais e tamén sobresoldos, gratificacións que ata agora non mencionara.

Segundo sinala nun auto ditado este martes e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública a documentación achegada por Pascual ten, esencialmente, dous compoñentes. Por unha banda, "recibos asinados por distintas persoas, encargadas ou representantes de empresas" que acreditan "entregas de cartos en efectivo" por parte do PP. Por outra, a "suposta contabilidade B, na que se reflectirían as supostas entregas de cartos realizadas por José Luis Baltar a Emilio Pascual". Os cartos, segundo a investigación, procedían de achegas de empresas e servían para "proceder ao pago en efectivo de diversos servizos".

Tras examinar os documentos "resultaría que, como declara Emilio Pascual", di a xuíza, o PP de Ourense realizou "de forma habitual" eses pagos en efectivo "a empresas que lle prestan servizos", algo que xa foi "recoñecido polos seus representantes legais". Ademais, recolle no auto, "tería estado retribuíndo gratificacións extraordinarias aos empregados" do partido "mediante pagos en metálico, tal e como estes mesmos recoñeceron", sinala. Todos estes pagamentos "eran realizados por Emilio Pascual" na súa calidade de xerente e, segundo a súa declaración, faríanse cos cartos que Baltar pai lle entregaba con esta finalidade e "sempre baixo as súas instrucións".

De Lara conclúe que o PP ourensán realizou "de forma habitual" pagos "en efectivo" para pagar servizos a empresas e "gratificacións extraordinarias aos empregados" do partido

Neste contexto, De Lara tamén reflicte algunhas das cantidades que sairían do que ela mesma denomina como suposta "caixa B". Segundo o que Pascual presenta como contabilidade paralela, "na que se reflicten as datas e importes monetarios entregados por José Luis Baltar", "tales sumas ascenderían" a 48.850 euros en 2007, 104.250 en 2008 e 57.285 en 2009. En total, máis de 200.000 euros nuns anos nos que o partido xa estaba encabezado en Galicia pola súa actual dirección. Segundo os investigadores "na maioría das ocasións" cadran as "datas e cantidades" da documentación examinada e dos pagos "aos distintos provedores e prestadores de servizos.

A xuíza reclámalle formalmente ao PP de Ourense a súa contabilidade para comprobar se figura nela máis de 200.000 euros que atribúe á 'caixa B'

Estas novas conclusións "corroboran", segundo a xuíza, a "veracidade do testemuño" do ex xerente e "viría dotar de ceteza a hipótese acerca da recadación" por parte do ex barón popular, quen "disporía de elevadas cantidades de diñeiro en efectivo, de procedencia polo momento non concretada", que permitirían este fluxo de cobros e pagos en metálico "á marxe da contabilidade oficial do partido, dando lugar a unha estrutura paralela de xestión económica". Para De Lara estas conclusións son especialmente relevantes no marco do caso Pokémon, toda vez que a investigación da suposta trama corrupta recolle un "suposto pago de cartos realizado pola empresa Véndex ao señor Baltar" en maio de 2011 dentro do que un dos imputados, José María Tutor, deu en chamar "la ruta del bacalao".

Así as cousas, e "a fin de verificar definitivamente que os cartos cos que se pagaron tales servizos e se gratificou os empregados do PP de Ourense" procedía das "entregas de cartos realizadas" por Baltar "á marxe do ingresado nas contas do partido" a xuíza ve "absolutamente necesario comprobar" a "contabilidade íntegra do PP de Ourense" e a "identificación e extracto dos movementos" das súas contas bancarias para comprobar nelas se "tales fluxos de efectivo aparecen reflectidos nas mesmas". Deste xeito, De Lara reclámalle formalmente as súas contas aos populares ourensáns e autoriza a Vixilancia Aduaneira para consultar os datos fiscais e tributarios de sete empresas e catro persoas.

Baltar e Feijóo, no congreso do PP de Ourense en 2010 © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.