A xuíza encarga unha proba de voz para aclarar os contactos de Rey Varela con Véndex

Pleno no Concello de Ferrol © Concello de Ferrol

O pasado 30 de xuño o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acudiu aos xulgados de Lugo para declarar en calidade de imputado no marco do caso Pokémon. A xuíza Pilar de Lara sustenta as súas sospeitas de presuntas condutas delitivas nun informe de Vixilancia Aduaneira que lle "atribúen" ao rexedor ferrolán conversas con delegado de Véndex en Galicia, José María Tutor, de quen os axentes sospeitan que lle entregou 3.000 euros ao alcalde pouco despois de gañar as eleccións de 2011. Na súa declaración ante De Lara Rey Varlea asegurou "non recoñecer a súa voz" e "atribuíulle tales conversas" a José Manuel Vilaboy", un membro do PP local que desempeñou cargos como a coordinación de campañas electorais. A maxistrada disponse agora a tentar comprobar se isto é certo.

A través dunha providencia ditada este mércores e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública De Lara explica que esa descarga de presuntas responsabilidades en José Manuel Vilaboy non só a fixo Rey Varela, senón tamén o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, que tivo que declarar como testemuña. Ambos indicarían que o alcume de Josman non se corresponde co alcalde, como indica Vixilancia Aduaneira, senón co devandito Vilaboy. Dado que Tutor "se acolleu ao seu dereito de gardar silencio" a xuíza pídelle á Policía Nacional que pratique unha "proba pericial fonométrica de recoñecemento de voz de José Manuel Rey Varela" para comprobar se, efectivamente, é el quen figura nas gravacións telefónicas intervidas pola investigación.

Rey Varela e Calvo aseguran que 'Josman' é un colaborador do PP ferrolán, cuxa identidade e funcións investiga agora a xuíza

De Lara sinala que o departamento policial deberá botar man de "entrevistas, roldas de prensa e calquera aparición pública" de Rey Varela, "así como das declaracións sumariais" do pasado luns para cotexar a voz do popular, que mesmo podería ser sometido a unha gravación específica. Para isto, Vixilancia Aduaneira terá que elaborar unha recompilación de entrevistas e un DVD coas "gravacións das conversas controvertidas".

Ademais da proba de voz De Lara encárgalle a Vixilancia Aduaneira que elabore un informe sobre José Manuel Vilaboy para coñcer a súa actividade laboral, "se figura afiliado ao PP de Ferrol" e, "no seu caso", se tivo "cargos ou postos" na organización política, concretamente "se ocupa ou ocupou en maio de 2011 algún cargo de representación política ou institucional" e se "participou na campaña elctoral de maio de 2011 e en que consistiu a súa participación". O PP ferrolán, pola súa banda, terá que dar conta de se Vilaboy é militante, "remitindo no seu caso copia compulsada da ficha de afiliación", se tivo cargos de responsabilidade, se colaborou en campañas electorais e, se era así, "de quen dependía ou recibía as instrucións".

Pleno no Concello de Ferrol © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.