A Xunta afonda no préstamo de libros de texto e constata o fracaso das súas axudas parciais

Feijóo, nunha visita a un colexio en Celanova CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

A súa instauración supuxo todo un símbolo político e a súa retirada, outro. O sistema de préstamo universal de libros de texto implantado polo bipartito de PSdeG e BNG e substituído no retorno do PP á Xunta por un modelo de axudas parciais alcumado como "gratuidade solidaria" veu sendo un dos principais cabalos de batalla na escola e na política galega dende o ano 2009. O sistema de cheques implantado polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo en aras da "austeridade" e a "solidariedade" acabou sendo máis caro que o préstamo mentres ANPAS, concellos e centros educativos organizaban bancos de libros para "suplir" o labor da Xunta. Con este pano de fondo a Consellería de Educación comezou en 2015 a ensaiar un plan de préstamo que, baixo a denominación Fondo Solidario, o vindeiro curso xa se estenderá a todo o ensino obrigatorio coa única excepción dos dous primeiros cursos de Primaria.

Educación vén de poñer en marcha a orde que, nun único texto, regulará no curso 2017-2018 as axudas parciais nos dous únicos cursos que perviven, así como o fondo de préstamo e mais as achegas para a compra de material escolar, que o Goberno galego eliminou en 2014 e recuperou tamén en 2015, xusto despois das eleccións municipais. Como nas dúas anteriores edicións, serán os centros educativos os que teñan que asumir o groso dun procedemento administrativo máis complexo que o do modelo do bipartito e que ten como primeira data sinalada o vindeiro día 23 de xuño, data límite para a entrega nos colexios dos libros prestados ou subvencionados no curso anterior e tamén prazo final para a presentación de solicitudes cara ao curso vindeiro.

O 23 de xuño é a data límite para a devolución dos libros e a presentación de solicitudes

Unha vez recollidos os libros as direccións de colexios e institutos teñen ata o 3 de xullo para introduciren nas aplicacións informáticas da Consellería -manexa unha para os manuais procedentes das axudas parciais e outra, do préstamo- os volumes recolleitos e xerar as listas dos que estarán dispoñibles. Paralelamente terán que tramitar tamén as solicitudes do alumnado, que recibirá os libros por orde da renda per cápita familiar, comezando pola máis baixa. Nos centros en que os libros dispoñibles non sexan dabondo, as direccións tamén serán responsables de mercar os volumes que "sexan necesarios para garantir" a cada estudante 4 libros de texto se a renda per cápita da súa familia superou os 5.400 euros en 2015 ou 6 libros se estivo por baixo dese limiar.

As axudas parciais xa só se limitan a primeiro e segundo de Primaria

A Consellería segue atribuíndo tamén aos centros, como en anos anteriores, a xestión das axudas parciais nos dous cursos nos que continúan, primeiro e segundo de Primaria. Os colexios terán que emitir e entregar os vales de 90 ou 170 euros en función da renda -250 para educación especial e alumnado con discapacidade de máis do 65%- e as familias, pola súa banda, son as encargadas de acudiren ás librarías para mercaren os libros e pagar o importe restante. Un procedemento semellante é o da axuda para maercar material escolar, de 50 euros por estudante de familias con renda inferior a 5.400 euros por persoa. 

Mudanza de discurso no Goberno

Campaña promocional das axudas parciais lanzada pola Xunta en 2009

Feijóo defendeu que o modelo de axudas parciais era máis barato e beneficioso a nivel académico, porque permitía crear "bibliotecas familiares nos fogares" cos manuais

O modelo de préstamo que a Xunta presenta agora como un "beneficio para o conxunto do sistema educativo" e que, segundo os datos da propia Consellería, moveu no actual curso máis de 465.000 libros, foi duramente criticado polo presidente e mais polo daquela titular de Educación, Jesús Vázquez, como base para a implantación das axudas parciais. A intención, explicara Feijóo en 2009, era "cambiar o sistema de préstamo" para "garantir" a "titularidade" dos libros. O préstamo, agregaban dende o Goberno, era "enganoso" e "provocaba un gasto moi elevado por parte da Administración", mentres que a axuda parcial á compra outorgaba "maiores vantaxes a alumnos e pais, permitindo a creación de bibliotecas familiares nos fogares e a mellor conservación dos libros" e mellorando o "rendemento académico". Esa acumulación de manuais escolares, teorizaba o presidente, provocaba que o estudantado sentise os libros como "seus".

Oito anos despois daquelas reflexións e tras moitas protestas as cifras do propio Goberno amosan que o modelo de cheques resultaba máis caro, alén de non cubrir a totalidade do custo dos libros. Así, por exemplo, a suma do orzamento para atender no curso 2017-2018 as axudas parciais e mais a reposición de libros de préstamo, uns 6,7 millóns de euros, é menos da metade do que a Xunta dedicaba a sufragar o modelo que o Executivo considerou máis "austero". No caso das achegas para material escolar a partida orzamentaria prevista é de 5,5 millóns, 1,8 millóns máis que no actual curso.

Banco de libros de texto CC-BY-SA Anpa San Francisco Xavier (A Coruña)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.