A Xunta apela a un pacto lingüístico a partir dunha iniciativa do PP

Valentín García co conselleiro Jesús Vázquez © Ana Varela

O pasado 24 de maio os voceiros do Parlamento de Galicia recibían unha carta do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A intención perseguida polo alto cargo da Consellería de Educación era "convidar" os grupos políticos a "iniciar un proceso de diálogo para a vertebración dunha política común arredor da lingua galega". O que podería semellar un cambio de rumbo na acción do gabinete Feijóo a respecto do idioma non é tal, ou cando menos non completamente. García non propón un acordo ex novo, partir de cero para reconstruír o consenso perdido. Ben ao contrario, Política Lingüística propón artellar o consenso arredor dunha iniciativa aprobada no propio Parlamento unicamente cos votos do PP.

Na información difundida por Educación figura que o secretario xeral remitiu a súa carta "con motivo da recente aprobación da proposición non de lei sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en materia de política lingüística". Esa PNL, levada a pleno polos conservadores na semana das Letras Galegas, ten como primeiro punto "propiciar que a aplicación do decreto 79/2010 para o plurilingüismo (...) de acordo coas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sirva para consolidar a fin da confrontación política sobre as linguas cooficiais nos centros escolares". Isto é, a oposición tería que aceptar os preceptos do controvertido decreto -Feijóo mesmo avanzou que seguiría adiante con algunhas das partes da norma consideradas ilegais, caso das enquisas ás familias- para participar da "postura política de máximo consenso posible" que reclama a propia proposición.

O feito de que a Xunta parta dunha iniciativa do PP e, por extensión, do seu propio decreto, sementa o receo na oposición antes de comezar a falar. "O punto de partida ten que ser o consenso e iso significa que els volvan ao consenso", sinala o voceiro do PSdeG en materia de lingua, Francisco Caamaño, quen en declaracións a Praza Pública lembra que o último gran acordo sobre o idioma é o Plan Xeral de Normalización do ano 2004. "Primeiro, Plan Xeral, porque é o consenso que eles romperon; segundo, suspensión ou inaplicación do decreto do plurilingüismo", resume o socialista, para quen hai "todo" o espazo para "o diálogo" e "o consenso", "pero a partiro do Plan Xeral e da suspensión dun decreto declarado ilegal".

A iniciativa dos conservadores parte da aplicación do decreto do plurilingüismo

A desconfianza ao respecto é tamén a que reina nas filas de AGE, cuxo voceiro na materia, Xabier Ron, xa respondeu por carta a mensaxe da Consellería. "Non é nada tranquilizador que o seu escrito tome como punto de partida a PNL aprobada no último pleno, que foi contestada por todos os grupos da oposición, entre outras circunstancias, porque nela se agocha a defensa do chamado decreto do plurilingüismo", constata. Dado que o decreto "se fixo de costas a toda a comunidade educativa" e "a súa aplicación tivo e ten graves repercusións para a normalización da lingua galega", o "primeiro" que "se debe poñer enriba da mesa" é, para Ron, "a retirada do decreto do plurilingüismo" e tomar, como "punto de partida", o Plan Xeral de Normalización.

Como PSdeG e AGE, tamén o BNG apela ao PXNL e á derrogación do decreto plurilingüe para, en verbas da súa voceira de lingua, Ana Pontón, ter un "punto básico para que se poida dar un proceso de diálogo". O Plan Xeral, explica Ana Pontón en conversa con Praza, "segue tendo vixencia e sobre esa base imos facer a nosa proposta" no encontro con Valentín García, a quen o Bloque xa lle respondeu tamén por carta. A formación nacionalista acudirá á xuntanza pero farao "con escepticismo", por "toda a política lingüística que fixo o PP, dinamitando todos os consensos, non dialogando con ninguén" e pola propia PNL dos populares, unha "tomadura de pelo". 

Diálogo bilateral e desconfianza

Os grupos da oposición coinciden en reclamar a derrogación do decreto e basear o diálogo no Plan Xeral de Normalización

Ademais do fondo da cuestión, as dúbidas da oposición tamén atinxen ás formas coas que Valentín García propón o inicio das conversas. "Nós non imos caer en trampas de diálogos unilaterais", advirte o socialista Caamaño, quen non rexeita "un primeiro contacto" a dúas bandas para "escoitar", pero partindo de que "as nosas premisas están ditas e reiteradas no Parlamento, por iso votamos en contra da iniciativa do PP". "Soa a proposta trampa, pero nós imos escoitar", resume.

Pola banda da AGE Xabier Ron non ve "como pode beneficiar a máxima transparencia o feito de que estas xuntanzas sexan bilaterais" e por iso, ao seu xuízo, debera producirse un único encontro, do secretario xeral con todos os grupos. No caso do Bloque Ana Pontón ten a "impresión de que todo isto" non ten por tras "unha vontade real de ningún acordo, senón máis ben unha estratexia de marketing da Xunta". En todo caso, di, o Bloque non ten "ningún problema en escoitar". "Que nos envíen un documento sobre as propostas das que queren falar, queremos analizalas", conclúe.

Caamaño, nun debate parlamentario CC-BY-SA Praza Pública
Xabier Ron, de AGE CC-BY-NC-SA AGE
Ana Pontón CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.