A Xunta atribúese un programa de conciliación do Ministerio de Igualdade

Presentación do Plan Corresponsables de conciliación en bibliotecas e museos que a Xunta se atribuíu malia ser iniciativa do Ministerio de Igualdad CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego presenta como propio o Plan Corresponsables para actividades en bibliotecas e museos mentres estes admiten que as actividades están financiadas polo Estado

Despois de que a pandemia da COVID-19 deixase aínda máis en evidencia as dificultades de moitas familias para conciliar a vida laboral co coidado de fillos e fillas o Ministerio de Igualdad puxo en marcha o denominado Plan Corresponsables para impulsar todo tipo de recursos de conciliación para menores de 16 anos. Co financiamento do ministerio a Xunta vén de poñer en marcha campamentos de verán en bibliotecas e museos da súa titularidade de toda Galicia, pero está a presentalos como propios malia que os centros implicados admiten que as actividades forman parte do programa estatal.

Cartel dunha das actividades publicitado por un dos centros culturais implicados coa identificación expresa do ministerio que obviou a Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

A pasada semana os conselleiros de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, organizaron un acto de presentación da iniciativa na biblioteca Ánxel Casal de Santiago. As verbas empregadas polo Goberno galego tentaron presentar a iniciativa como propia, con expresións como que “a Xunta pon en marcha” o programa, que é unha “iniciativa impulsada ao abeiro dun convenio de colaboración” entre as dúas consellerías, que son actuacións que “Galicia está a desenvolver” ou que supoñen “un paso máis na implantación dunha visión integral das políticas públicas en materia de igualdade e de conciliación que desenvolve a Xunta, que opta por transversalizar numerosas actuacións para que cheguen da maneira efectiva á cidadanía”.

Nada di a Xunta no seu comunicado oficial sobre a orixe e o financiamento da iniciativa, do Ministerio de Igualdade. Porén, os propios centros culturais nos que se desenvolverá así o admiten. A propia biblioteca Ánxel Casal, na que os conselleiros presentaron o programa como propio da Xunta, sinala na súa web que o campamento cultural de verán que acollerá “forma parte do Plan Corresponsables, financiado polo Ministerio de Igualdad (Gobierno de España) en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Secretaría Xeral de Igualdade”. 

Os conselleiros de Educación e Cultura, Román Rodríguez, e Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na presentación do plan na biblioteca Ánxel Casal de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.