A Xunta culmina a compra de carteis de “hospital público” por medio millón tras meses enleada na contratación

Recreacións da propia Xunta dos carteis de “hospital público” en catro dos dez centros de Vigo, Santiago, Ourense e Pontevedra CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Sergas vén de adxudicar os últimos luminosos tras lanzar en marzo un concurso que tivo que reiniciar por intentar aceleralo de xeito ilegal e no que despois foi obrigado a readmitir a unha empresa eliminada

Tras anos de críticas de sindicatos e oposición pola “privatización” de servizos públicos, entre eles a sanidade, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, polo modelo público-privado de construción e xestión do novo hospital da cidade, o Goberno galego decidiu hai uns meses iniciar a compra de grandes carteis luminosos coa lenda “hospital público” para colocar en varios complexos sanitarios de toda Galicia. O Sergas vén de culminar agora ese proceso, ao que destina medio millón de euros e no que insistiu malia verse salpicado por todo tipo de atrancos.

Feijóo defendeu o custe dos letreiros dicindo que saen máis baratos que o soldo de alcaldes que menten

Foi a finais de 2017 cando a Xunta comezou a mercar carteis de “hospital público” para os seus centros sanitarios, destinando ata 150.000 euros a catro edificios da área sanitaria da Coruña. Malia as críticas recibidas, o Goberno galego decidiu o pasado marzo ampliar a iniciativa a outros dez centros de toda Galicia por outro medio millón de euros. O propio presidente Feijóo xustificou a iniciativa argumentando que máis caro que os carteis é o soldo de alcaldes que “menten”, en referencia, sen citalo, ao rexedor vigués e as súas críticas sobre a concesión do hospital da cidade.

O Sergas dera só 15 días para que as empresas interesadas lle fixesen ofertas cando por lei debían ser 35 e adiou informalas do estado do emprazamento dos rótulos ata despois de adxudicarlles o contrato

Pero ese proceso de contratación pronto comezou a rexistrar problemas. Malia establecer moi concretas condicións de visibilidade dos carteis, inicialmente a Xunta deu só 15 días ás posibles empresas interesadas para que lle formulasen ofertas, pero a lei establece un mínimo de 35 días para ese tipo de contratos, o que obrigou a rectificar e reiniciar o procedemento. Un concurso no que as empresas comunicaron que debido ao axustado dos prazos non tiñan tempo de poder visitar os dez hospitais para revisar o estado dos lugares onde se instalarían os carteis, polo que se solicitou á Xunta que informase ela mesma desa cuestión. O Goberno galego rexeitouno limitándose a sinalar, evidenciando novamente as súas présas, que “unha vez adxudicado o contrato e previo á montaxe dos rótulos poderase conseguir toda a información que sexa necesaria”.

Recreacións do aspecto dos novos letreiros nos hospitais de Ourense (arriba) e Santiago, incluídas na documentación do contrato CC-BY-SA Praza Pública

Todos os contratos contemplan prazos de execución para a instalación dos carteis dun máximo de seis meses, polo que todos deberan estar colocados antes das eleccións autonómicas do próximo ano

Posteriormente, unha vez recibidas as ofertas, e no período de valoración das mesmas, a Xunta decidiu eliminar unha das empresas candidatas por considerar que non cumpría cos requisitos de solvencia técnica esixidos. A empresa recorreu e o tribunal administrativo de contratación deulle a razón obrigando á Xunta a volver a tela en conta no proceso. Ese parón nun dos catro lotes en que se repartiron os dez centros sanitarios non impediu que o Goberno galego seguise adiante coa adxudicación dos tres lotes restantes, que se produciu a comezos de agosto e cuxos contratos se formalizaron a finais de setembro. Agora, unha vez retomada a valoración de ofertas dese cuarto lote, o correspondente á área sanitaria de Santiago, tras a resolución do tribunal administrativo, o Sergas vén de adxudicalo tamén o pasado luns. 

Á espera da formalización dese último contrato, todos eles contemplan prazos de execución para a instalación dos carteis de “hospital público” nos dez centros sanitarios dun máximo de seis meses. Todos eles, polo tanto, deberan estar instalados antes das eleccións autonómicas do próximo ano. 

Simulación do novo letreiro de "hospital público" no Cunqueiro de Vigo, incluída nos pregos do contrato CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.