A Xunta deixa a porta formalmente aberta ao cobramento das ambulancias

Unha ambulancia do 061, nun hospital galego © Sergas

Case cinco anos despois, a porta fica formalmente aberta. A finais do ano 2010, aínda con José Luis Rodríguez Zapatero en La Moncloa e aínda, tamén, lonxe do decreto de recortes sociais do gabinete de Mariano Rajoy, a Xunta comezaba cos trámites para redactar unha nova regulamentación para o transporte sanitario, para as ambulancias. Como informou daquela El País Galicia, os sindicatos sanitarios deron a voz de alarma por que, ao contrario que a regulación vixente, aprobada polo Goberno de Manuel Fraga, a nova non explicitaba que as ambulancias urxentes e asistenciais serían financiadas directamente polo Servizo Galego de Saúde. Este martes o Diario Oficial de Galicia publica o novo decreto e a referencia, como naquel proxecto inicial, segue sen aparecer.

Dende aquel inicio do proceso non foron poucos os avatares ligados aos recortes sanitarios en xeral e ao posible recorte do transporte sanitario en particular. O que máis horas de debate político e páxinas de xornais encheu foi, probablemente, o ligado ao transporte sanitario non urxente, as ambulancias que son empregadas, por exemplo, por doentes que se teñen que desprazar regularmente ao hospital para recibir un tratamento programado. O Ministerio de Sanidade, aínda con Ana Mato como titular, anunciou que implantaría un repagamento neste servizo. A Xunta, por boca de Alberto Núñez Feijóo, amosouse disposta a acatalo e así seguiu ata que, en xaneiro de 2014, o Goberno central desistiu da súa intención.

Sanidade exclúe do novo decreto a referencia explícita a que o Sergas financia o transporte en ambulancia cando é unha necesidade sanitaria

Mentres isto sucedía seguía vixente o decreto de transporte sanitario de 1998, en cuxo artigo 11 se especifica cando o servizo de ambulancia é considerada unha prestación sanitaria e tamén como se financia. "A avaliación da necesidade de prestación de transporte sanitairo corresponderalle ao facultativo que preste a asistencia e a súa indicación obedecerá unicamente a causas médicas", estipulaba. "O seu financiamento será por conta do Servizo Galego de Saúde sempre que non exista un terceiro obrigado ao pagamento", remataba, deixando así fóra do financiamento público os casos nos que, por exemplo, o pagamento debe ir por conta dunha mutua, ou noutro tipo de casos.

No novo decreto, que entrará en vigor este mércores, tamén define os casos nos que o transporte é considerado parte da asistencia sanitaria e detalla que "a carteira de servizos comúns de transporte sanitario" inclúe o transporte sanitario asistido e non asistido, en función de se a persoa enferma ou accidente require ou non "asistencia técnico-sanitaria en ruta". Ademais, como na norma de Fraga, indícase que "a prescrición corresponderalle ao/á facultativo/a que preste asistencia", competencia que, non obstante, agora tamén se estende á "inspección de servizos sanitarios". No entanto, non figura a referencia a que o financiamento lle corresponde ao Sergas.

Ambulancias non urxentes

As ambulancias non urxentes fican reguladas dun xeito idéntico ao estipulado polo goberno de Fraga en 1998

Fronte á ausencia de referencia ao modelo de pagamento, na que o sector vía xa en 2010 unha porta aberta ao repagamento, a regulamentación das ambulancias non urxentes queda redactada dun xeito idéntico ao aprobado en 1998. Así, seguen sen ter consideración de "prestacións sanitarias obrigatorias" os traslados "por asistencia continuada", isto é, o dos pacientes que teñen que ir regularmente a un centro sanitario "por motivos diagnósticos ou terapéuticos", os traslados por alta, o traslado de pacientes que van recibir un transplante ou dos propios órganos a transplantar, e mais o traslado de material biosanitario.

Como viña acontecendo ata agora, o Sergas sinala no decreto que financiará estes transportes, aínda que seguirá existindo a posibilidade de que deixe de facelo. Do mesmo xeito que no anterior decreto a Xunta indica que "a planificación, organización e supervisión, así como os gastos ocasionados" por este transporte "poderán ser asumirods polo Servizo Galego de Saúde", sempre que "concorran circunstancias que así o aconsellen" e sempre que, ademais, "exista crédito orzamentario dispoñible".

Unha ambulancia do 061, nun hospital galego © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.