A Xunta desbota compensar as axudas á vivenda retiradas por Rajoy

Boné, director do IGVS, durante a comisión CC-BY-SA Praza Pública

En xullo de 2012 o goberno de Mariano Rajoy aprobaba o que, ata agora foi o seu máis amplo paquete de recortes. Entre eles atopábase a supresión das axudas que contemplaba o Plan Estatal de Vivenda 2009-2012 para a "subsidiación de préstamos", segundo as cales o Estado achegaba unha parte das cotas hipotecarias a familias que adquirisen unha vivenda por primeira vez e que chegaban ata 100 euros por cada 10.000 do préstamo. Estas axudas, creadas e concedidas polo Executivo central, eran xestionadas pola Xunta a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo. A súa desaparición creoulles ás persoas beneficiarias un importante prexuízo económico que agora o Goberno galego desbota compensar.

Quen confirma ese rexeitamento é o director xeral do IGVS, Antonio Boné, que este xoves foi cuestionado ao respecto no Parlamento polo BNG. "Queremos saber que vai facer" a Xunta, cuestionou a nacionalista Carme Adán, quen instou a Boné a aclarar se o gabinete de Feijóo "vai actuar como Goberno" co obxectivo de que "as persoas que asinaron uns créditos hipotecarios baseándose en que ían dispoñer destas axudas non se vexan en situación de desamparo". 

"Adán conclúe que "o Goberno galego está de adorno", xa que "comenta" a desaparición das axudas pero non as "asume"

Na súa resposta Boné foi descritivo. O alto cargo da consellería de Infraestrututuras debullou ante os deputados e deputadas as características das axudas e o papel do IGVS nas mesmas, "emitindo resolucións nas que recoñece o dereito". En xullo de 2012, constata, o Estado "suspende as axudas" polo que "cando chega o momento de renovala intervén o IGVS para comprobar que seguen cumprindo os requisitos" pero "non lle queda máis remedio" que emitir unha resolución "con carácter denegatorio". "A Xunta mantivo en todo momento as súas axudas propias, pero nin está obrigada nin pode ocuparse das axudas doutras administracións". di.

"Vostedes si que o pasan mal e non as familias", ironiza Adán, en cuxa opinión as persoas afectadas poden comprobar que "o Goberno galego está de adorno", exercendo "como comentaristas" das decisións que chegan de Madrid. Boné describe "como se chega" a esta situación "pero non como se soluciona", algo que podería lograrse, asegura, se a Xunta "asumise" as axudas. Pero non só non o fai senón que ademais "reducen un 44% os fondos para vivenda pública". "Como temos que darlles traslado aos afectados" da súa resposta "témoslles que dicir que esta situación non vai co Goberno galego". "O IGVS está estudando o caso pero é ao Goberno central ao que lle compete decidir ao respecto", retrucou Boné, non sen antes lembrar que "o Goberno de Zapatero" tamén eliminou axudas á vivenda.

Boné, director do IGVS, durante a comisión CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.