A Xunta evita acusar a cargos eclesiásticos involucrados nun caso de corrupción con arte sacra

Vista da reitoral de Paraños e da súa parcela en 2003, antes de que Gómez-Gil empezase a utilizala CC-BY-SA Praza Pública

Oito anos despois, o caso Retablo -tal e como o bautizou a policía- está listo para ir a xuízo. Só falta o último escrito do fiscal e que a Audiencia Provincial da Coruña resolva o recurso dunha acusación popular. O sumario apunta a unha rede de corrupción que restauraba arte sacra en Galicia e na que, segundo os atestados policiais, aparecen involucrados dous funcionarios do Goberno galego, media ducia de empresas de rehabilitación de patrimonio artístico, varios sacerdotes e até o ex bispo da Diocese de Tui, José Diéguez Reboredo, apartado do seu cargo cando estalou o escándalo.

Aparecen involucrados dous funcionarios do Goberno galego, media ducia de empresas de rehabilitación de patrimonio artístico, varios sacerdotes e até o ex bispo da Diocese de Tui

A investigación iniciouse en 2008 e por ela pasaron tres xuíces distintos para indagar sobre os delitos de suborno, tráfico de influencias, fraude e negociacións prohibidas a funcionarios. Tras estudar os 15 tomos, o actual instrutor, o maxistrado Andrés Lago Louro, decidiu o pasado xuño manter a imputación a sete acusados (dous funcionarios da Xunta e cinco traballadores de empresas de rehabilitación) e exculpar a tres cargos eclesiásticos (o ex bispo de Tui, o ecónomo desa Diocese, Benito Estévez, e o anterior cura da aldea de Paraños (Pontevedra), Juan Sobrino, por entender que as escoitas que autorizou outro xuíz no inicio do caso foron ilegais.

Precisamente, esas picadas telefónicas anuladas eran as que evidenciaban a colaboración de varios párrocos galegos cos xefes da trama até o punto de que un deles, Crisanto, o cura de Lérez, chegou a alertar de que a policía lles seguía os pasos.

O Goberno de Feijóo, que se persoou como acusación na súa condición de dobre prexudicado -están en cuestión as axudas públicas tramitadas por eses dous traballadores e ademais hai patrimonio artístico danado polas intervencións-, tamén decidiu exculpar os membros da Igrexa e mesmo a un dos dous funcionarios imputados: o arquitecto da sociedade pública Xacobeo, José Manuel Pichel Pichel.

Nunha conversa interceptada pola policía, Pichel ofrécelle a un aparellador amigo obras na rede de albergues do Camiño de Santiago. "Vouvos repartir Galicia, vouvos dar unha herdanza de puta madre", proponlle Pichel ao seu colega nunha charla telefónica o 29 de setembro de 2009.

Varias testemuñas sinalaron a Pichel como unha das persoas que lles esixía diñeiro e agasallos a cambio das adxudicacións, pero o escrito de acusación do Goberno galego obvia tanto a este traballador como aos tres membros da Igrexa

Varias testemuñas sinalaron a Pichel como unha das persoas que lles esixía diñeiro e agasallos a cambio das adxudicacións, pero o escrito de acusación do Goberno galego obvia tanto a este traballador como aos tres membros da Igrexa, a quen si sinala a acusación particular. Nos seus últimos escritos, a Fiscalía decidiu manter a imputación ao ex ecónomo da Diocese de Tui e ao cura de Paraños por presuntamente regalarlle unha casa reitoral a un dos funcionarios que os axudaban coas subvencións, pero exclúe da trama ao ex bispo.

Agasallos de todo tipo

Nos máis de 3.000 folios que acumula a causa abundan a documentación e as declaracións de testemuñas sobre os presuntos subornos que os dous principais acusados, Carlos Gómez-Gil Aizpurúa e José Manuel Pichel Pichel, ambos traballadores da Xunta, recibían das empresas de rehabilitación a cambio de outorgar subvencións desde o Goberno galego e a súa empresa pública Xacobeo a ordes relixiosas que logo encargaban os traballos a esas firmas amigas.

Ese triángulo é o que apuntou o informe da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía (UDEF): os dous empregados da Xunta condicionaban axudas públicas a ordes relixiosas para restaurar igrexas e mosteiros ou construír albergues de peregrinos, a cambio de que a Igrexa contratase os traballos con empresas afíns.

Como contrapartida, os dous funcionarios públicos recibían desas empresas de rehabilitación ingresos económicos, diñeiro en metálico e agasallos en especie

Como contrapartida, os dous funcionarios públicos recibían desas empresas de rehabilitación ingresos económicos, diñeiro en metálico e agasallos en especie (desde unha vaca a dispositivos electrónicos e complementos para o coche, ademais de reformas nas vivendas dos supostos xefes) sufragadas polas empresas beneficiadas nas obras. Carlos Gómez-Gil, un dos principais acusados, non puido xustificar ante o xuíz ingresos sucesivos en contas familiares por 122.000 euros.

Retablos arruinados

Polo camiño quedaron varios retablos de igrexas e monumentos do sur de Galicia, arruinados segundo os informes periciais do Goberno galego polas chapuzas que cometeron as empresas da rede. O caso ten de todo. Até un restaurador arrepentido, Manuel Montes Carballa, imputado tamén, que decidiu tirar da manta e contar a presión á que o sometían os funcionarios imputados esixíndolle agasallos e favores para poder recibir contratos.

Polo camiño quedaron varios retablos de igrexas e monumentos do sur de Galicia, arruinados segundo os informes periciais do Goberno galego polas chapuzas que cometeron as empresas da rede

Nunhas conversas interceptada pola policía, o xefe da rede, Carlos Gómez-Gil, pídelle a unha empresaria, Olga Quintela, tamén imputada e acusada de suborno, que infle en 3.000 euros o prezo de restauración de varias imaxes dun retablo.

A investigación naceu cunha casa reitoral propiedade da Igrexa na aldea de Paraños (Pontevedra) que pasou a mans do principal acusado, Carlos Gómez-Gil, supostamente a cambio de 60.000 euros. Antes de que o comprador pagase o primeiro prazo, a vivenda e a leira foron arranxadas por empresas de restauración (que segundo as declaracións dos seus donos fixeron gratis as obras a cambio de contratos). Xa convertida en chalé con piscina, saíu á venda en Internet por 680.000 euros.

Iso provocou a indignación dos fregueses, que contribuíran a sufragala a través de peditorios, e decidiron denuncialo no xulgado. Hoxe exercen a acusación particular. Segundo os atestados policiais, o suposto comprador non pagou nada e a vivenda e a leira foron"dádivas" do Bispado de Tui ao funcionario da Xunta polos favores prestados, en forma de informes que condicionaban as subvencións públicas. Ese era tamén o criterio do penúltimo xuíz do caso, que variou coa chegada do último instrutor, partidario de excluír aos membros da Igrexa do escándalo.

A última palabra sobre a inculpación dos tres membros da Igrexa tena agora a Audiencia Provincial da Coruña, que debe resolver o recurso dos veciños de Paraños para sentar no banco aos membros da Diocese de Tui

O letrado da Xunta adheriuse ao seu criterio. No seu escrito de acusación, solicita sete anos de cárcere para o seu ex traballador Carlos Gómez-Gil, ao que imputa suborno, fraude e exaccións fiscais, e dúas para cada un do cinco empresarios de restauración de arte tamén por suborno. A última palabra sobre a inculpación dos tres membros da Igrexa tena agora a Audiencia Provincial da Coruña, que debe resolver o recurso dos veciños de Paraños para sentar no banco aos membros da Diocese de Tui. 

A casa reitoral en 2003, antes de que o líder da trama comezase a utilizala CC-BY-SA Asociación Veciñal de Paraños

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.