A Xunta evita prohibir as catro touradas que quedan en Galicia

Touro sacrificado en Triacastela © Touradas fóra de Pontevedra

"É unha batalla gañada", unha vitoria da que só se descoñece o momento concreto en que acontecerá. Hai case media década A Coruña acollía unha conferencia internacional pola abolición da tauromaquia na que os abolicionistas amosaban a súa esperanza sobre a fin das touradas nunha das cidades que era símbolo da resistencia destes espectáculos a desaparecer grazas, fundamentalmente, ao apoio directo ou indirecto dos cartos públicos. Cinco anos despois a retirada dos fondos do Concello provocou que as touradas coruñesas sexan, como en case toda Galicia, un evento do pasado, un espectáculo residual do que no último ano só houbo catro mostras pero que a Xunta se resiste a prohibir. Tampouco o fará coa lei de protección dos animais que, tras ser aprobada polo Goberno como anteproxecto hai máis dun ano, a Consellería de Medio Ambiente prevé remitir proximamente ao Parlamento.

Segundo a conselleira Beatriz Mato, a previsión do gabinete de Alberto Núñez Feijóo pasa por remitir á Cámara no actual período de sesións -daquela, non despois de mediados de xullo- o proxecto de Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia. Como xa advertira o propio presidente, a norma exclúe dende o propio título os espectáculos taurinos, pero tamén o fai no articulado. Así, o artigo 2 do anteproxecto advirte de que ningún dos preceptos da nova norma "será de aplicación aos animais que sexan obxecto de regulación específica" e cita, "entre outros", aos "animais empregados en calquera espectáculo taurino, incluídos os encerros".

A futura lei buscará o "máximo nivel de protección e benestar dos animais" e admite que o maltrato "non significa só violencia extrema", pero deixará fóra as touradas

Producirase así o paradoxo de que, se é aprobada sen cambios, as touradas non se verán afectadas en absoluto por unha lei que inclúe entre os seus fins "acadar o máximo nivel de protección e benestar dos animais", atendendo á súa "condición de seres vivos dotados de sensibilidade", así como "compatibilizar o benestar dos animais co seu desfrute e mantemento polas persoas", di o anteproxecto. A lei tamén marcará como obxectivo "sensibilizar" para que a cidadanía sexa consciente de que "maltratar" un animal "non significa só violencia extrema", senón tamén "someter os animais a condicións hixiénicas e sanitarias moi cuestionables" ou o seu "emprego en espectáculos prohibidos ou noutros nos que non é posible garantir o cumprimento dunhas condicións mínimas de benestar, com ocorre nos espectáculos circenses".

Catro touradas en todo o ano

Galicia avanza cara a este contraditorio panorama nun contexto no que a propia Xunta admite o esmorecemento práctico dos espectáculos taurinos, agás contadas excepcións como a da praza de Pontevedra ou a tourada que se prepara para o vindeiro xuño no Páramo. Na liña do avanzado nos sucesivos anuarios estatísticos do Ministerio de Cultura, o Goberno galego reflicte o devalo das touradas no país nos últimos anos, proceso acelerado dende as últimas eleccións municipais, coa fin dos apoios públicos por parte de institucións como o Concello da Coruña ou a Deputación de Pontevedra. Así, nunha recente resposta parlamentaria a unha batería de iniciativas de En Marea a Vicepresidencia e Consellería da Presidencia detalla que os 9 espectáculos taurinos celebrados en 2014 pasaron a sete en 2015 e só catro en 2016.

A Xunta escúdase nos concellos para evitar a prohibición e argumenta que forman parte da "oferta cultural tradicional" nalgunhas localidades

En resposta ao mesmo grupo o Goberno non só deixa claro que non prevé prohibir as touradas, senón que ademais traslada a responsabilidade sobre a súa celebración aos concellos, que poden promovelas e decidir apoialas ou non, pero carecen de competencia para prohibilas. "A realización deste tipo de espectáculos ou actividades insírese no exclusivo ámbito de decisión dos gobernos locais e algúns concellos de Galicia adoitan incluílas como parte da oferta cultural tradicicional dentro da programación dos festexos locais ou patronais", indica outra resposta da Vicepresidencia, que se escuda no "principio de autonomía local" para esquivar a prohibición duns eventos aos que, resalta, "non concede subvención ou axuda ningunha".

Neste escenario, cabe agardar que a única decisión da Xunta a respecto das touradas nos vindeiros tempos sexa a referida a limitar a presenza de menores de idade nas mesmas. Na liña do acordo acadado no Paralmento, o Goberno ratifica que ve "necesario regular o acceso" deste sector da poboación a "determinados" eventos. Esa regulamentación, avanza, chegará na próxima lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

Sancións a espectadores en Pontevedra

A Policía tramitou catro sancións a espectadores das touradas na praza pontevedresa polo seu "comportamento"

Cando entre en vigor a nova norma continuará, daquela, sen haber impedimentos legais para a celebración de touradas como as que aínda sobreviven na praza de touros de Pontevedra, ás que se refiren especificamente as devanditas iniciativas parlamentarias. Na súa resposta o Executivo explica que no período polo que preguntou En Marea (2010-2016) "non se iniciou ningún expediente sancionador na feira taurina de Pontevedra relacionado coa autorización" para a celebración do evento "ou no que atinxe ao desenvolvemento do espectáculo propiamente dito", pero si houbo algunhas sancións ao público.

Nomeadamente, a Vicepresidencia certifica que, "con base nas denuncias formuladas" pola Policía, nese período "tramitáronse catro expedientes sancionadores por infraccións relacionadas co comportamento dalgúns espectadores que presenciaban o espectáculo". A Xunta, lembra a resposta, controla "estas actividades" en aspectos como "as condicións de seguridade da praza, a idoneidade do equipo material e persoal médico ou as certificacións veterinarias sobre a adecuación das condicións hixiénico-sanitarias".

Touradas no Coliseum da Coruña no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.