A Xunta fica como única valedora da permanencia de ENCE na ría de Pontevedra

Planta de Ence en Pontevedra © Google Street View

O pasado febreiro un regatista foi descualificado dunha proba náutica impulsada pola Deputación de Pontevedra. O motivo non era deportivo, senón político: a súa embarcación chámase No a celulosas, e tal nome loce nas súas velas. A institución daquela dirixida polo PP de Rafael Louzán, valedor da permanencia da factoría de ENCE en Lourizán, non consentiu que tal mensaxe surcase a ría. Este episodio, se cadra menor, foi dabondo simbólico no que atinxe ao apoio da Deputación á pasteira. O cambio político que as eleccións municipais propiciaron na institución provincial, que o PP controlou durante case tres décadas, vén de provocar un xiro de 180 graos no que atinxe a ENCE, aliñándose así co Concello pontevedrés e deixando a Xunta como única institución pública galega valedora de que a fábrica fique onde está durante sesenta anos máis.

Despois de que, ao abeiro da reforma da lei de costas, o Goberno central iniciase os trámites para prorrogar a concesión da factoría -que inicialmente caducaba en 2018-, a nova Xunta de Goberno do ente provincial vén de ubicarse formalmente na "posición mantida polo goberno de Pontevedra". Para o gabinete, formado por PSdeG e BNG, o mantemento do complexo industrial na súa actual ubicación "supón un ataque frontal á poboación da ría" e unha "agresión ambiental, social e económica ao futuro" da contorna. Neste contexto, indica a declaración aprobada, a Xunta non pode "evadir as súas responsabilidades" abeirándose en que o informe ambiental que debe emitir ao respecto "non é vinculante".

A Deputación de Pontevedra reclama que a Xunta emita informe desfavorable sobre a permanencia e que o Goberno de España non a decida xusto antes das eleccións xerais

Así as cousas, o goberno da Deputación insta a Xunta a "emitir informe desfavorábel sobre a prórroga de ENCE, por ser incompatíbel coas determinacións" do Plan de Ordenación do Litoral e das Directrices de Ordenación do Territorio, aprobadas polo actual goberno. Asemade, reclama que o goberno galego anule a autorización ambiental integrada de ELNOSA, "anulada por sentenza do TSXG", e esixe que o Goberno central "non prorrogue a concesión de ENCE nin de ELNOSA", por "significar unha inxerencia nas competencias da Xunta de Galiza en ordenación do territorio", ademais de "perpetuar por décadas" a presenza de ENCE a escasos meses das eleccións xerais.

O PP eríxese en defensor "da clase traballadora" e Silva lémbralle a súa viraxe

A aposta da Deputación pontevedresa polo traslado de ENCE foi respondida de xeito irado dende o PP local e provincial. Segundo informa Pontevedra Viva, a través do deputado provincial Ángel Moldes os conservadores aseguraron non ter "complexo" na defensa de ENCE, porque significa "defender a clase traballadora". "Se van facer unha manifestación para a súa desaparición, tamén haberá unha contramanifestación a favor da súa permanencia", advirte. Pola súa banda, o voceiro popular no Concello, Jacobo Moreira, le a posición da Deputación en clave localista: "lo dijimos desde el principio, esta presidenta viene a tratar de que Pontevedra vaya perdiendo peso y capitalidad y Vigo vaya creciendo", sentencia.

Silva lembra que entre 2009 e 2013 o PP prometeu en diversas ocasións impulsar o traslado de ENCE

Para a presidenta da Deputación, a Carmela Silva, as verbas de Moreira son "ridículas". Asemade, a socialista coida que o concelleiro popular debera "estar encantado" coa nova posición da Deputación, xa que significa "apoiar o mesmo que el demandou" durante anos. Abonda con "escribir en Google 'posición PP ENCE ELNOSA'", di, para comprobar que o partido da dereita defendeu o traslado durante anos. Nesta liña, Silva lembra que en 2009 o propio Alberto Núñez Feijóo proclamou a súa decisión "persoal" de executar o traslado, promesa que incluíu nos seus dous programas electorais, e que Moreira chegou a instar en 2013 o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, a "liderar a saída de ENCE da ría". "O PSdeG sempre mativo a mesma posición e o BNG, tamén", di Silva. Por iso "o que fai esta presidenta é apoiar unha reivindicación non só da cidade de Pontevedra, senón tamén doutras localidades. É obrigado facelo así", conclúe.

Silva amosa unha nota na web do PP a prol do traslado de ENCE © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.