O Goberno galego leva semanas promocionando os candidatos do PP con medios públicos
O próximo xoves, 14 de febreiro, a sede da Fundación Barrié na Coruña acollerá unha mesa redonda organizada pola Consellería de Sanidade para divulgar o seu proxecto Cidades Saudables na que unha dos cinco relatores será a candidata do PP na cidade, Beatriz Mato. Así o vén de evidenciar nas súas redes sociais o deputado autonómico e portavoz de sanidade do PSdeG Julio Torrado, quen se pregunta de xeito irónico se o PP está a empregar recursos públicos da Xunta para promocionar a súa candidata.
O acto da Coruña será presentado polo secretario xeral da Consellería de Sanidade e moderado pola ex-conselleira do ramo Rocío Mosquera, agora presidenta da polémica empresa pública sanitaria Galaria, en calidade de actual presidenta do Clúster Saúde de Galicia. Entre os cinco participantes na mesa redonda atópase o tamén popular alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e, no segundo lugar, cítase a Beatriz Mato, actualmente deputada autonómica. Dela, que foi conselleira de Traballo, Benestar e Medio Ambiente, saliéntase que é “enxeñeira industrial-especialidade organización empresarial e experiencia en política ambiental e social”. Nada se di dos seus cargos políticos nin da súa candidatura a alcaldesa da Coruña.
Este feito prodúcese despois de que Mato multiplicase os seus actos públicos na Coruña antes de deixar de ser conselleira, e agora que a Xunta leva semanas adaptando a súa axenda oficial aos intereses locais do PP e promocionando os candidatos populares, especialmente a Mato.