A Xunta quere abrir o exercicio económico do 2012 para tramitar convenios de prensa cun custe de 340 mil euros

Dominio Público Praza Pública

A apertura do exercicio económico do 2012, cando aínda non se remataron as operacións de traspaso do exercicio anterior é unha medida excepcional que só se xustifica "naqueles casos de urxente e inaprazable necesidade". A directora da Axencia Galega de Infraestruturas reclama a apertura dunha aplicación orzamentaria xustificando a "urxente necesidade" de tramitar convenios de prensa con oito xornais galegos: "a apertura desta aplicación orzamentaria con anterioridade ao remate das operacións de traspaso ao exercicio 2012 débese á necesidade de tramitar convenios de prensa por valor de 340.000,00€".

Praza púxose en contacto coa Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para confirmar esta información, que nos foi comunicada de maneira anónima na noite do luns. Porén, dende ese departamento non se efectuou confirmación ou desmentido ningún ao respecto.

A directora desta Axencia, Ethel Vázquez, remitiu unha petición ao interventor do departamento que comanda Agustín Hernández acolléndose a unha cláusula que aparece no DOG do 30 de setembro. O Diario Oficial publicou, ese mesmo día, a orde de Facenda a través da cal se daba por pechado o orzamento correspondente a 2011. É un trámite habitual previo á formulación e aprobación das contas públicas do exercicio posterior. O artigo 19 desa orde, como constatou Praza, estipula que "unha vez pechado o exercicio de 2011, procederase ao traspaso ao exercicio de 2012 dos expedientes procedentes de exercicios anteriores". Isto é, que aqueles compromisos firmes de gasto asinados en 2011 pasan automaticamente ás contas de 2012. Pero hai unha opción que é a da urxencia que permite a non prorrogación destas partidas á seguinte lei de Orzamentos. Esta cláusula permite, baixo causa xustificada, que unha partida de gasto non teña que dilatarse no tempo.

Tal e como consta na documentación que posúe este diario, asinada pola propia Ethel Vázquez, a Axencia de Infraestruturas botou man da vía da urxencia para tramitar subvencións a medios de comunicación. Esta axencia, articulada a través da Lofaxga, non consta como tal na páxina de contratación pública da Xunta. Polo tanto non foi posible a este diario contrastar a adxudicación destas axudas.

 

Os medios beneficiados son os seguintes

La Voz de Galicia: 155.000 euros (70 mil para Canal Voz, 30 mil para Coporación Voz de Galicia, 25 mil para V Televisión e 30 mil para o xornal impreso)

Faro de Vigo: 30.000 euros

El Correo Gallego: 30.000 euros

La Región:  30.000 euros

Atlántico Diario (do Grupo La Región): 30.000 euros

El Progreso de Lugo: 30.000 euros

Diario de Pontevedra (tamén do grupo El Progreso): 25.000 euros

La Opinión de A Coruña: 20.000 euros

Relación dos convenios coas empresas xornalísticas Dominio Público Praza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.