A Xunta recorta as axudas aos sindicatos un 25% por baixo da era Fraga

Acto no Consello Galego de Relacións Laborais © Ana Varela

No ano 1991, na metade da primeira lexislatura de Manuel Fraga como presidente, a Xunta creaba unha liña de axudas para a "creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social" no seo das principais centrais sindicais do país. En 1992 o Executivo e os sindicatos acordaban un plan de formación de cadros, delegados e gabinetes. Estas achegas formalizáronse en 1994 a través dun decreto, que tamén lles outorgaba aos sindicatos o dereito de obteren "axudas compensatorias" para financiar os seus servizos de "asistencia, representatividade e defensa dos traballadores". Os sucesivos gobernos foron asentando e ampliando estas axudas, que tocaron teito en tempos da coalición de PSdeG e BNG e que o gabinete que agora preside Alberto Núñez Feijóo recortou ata un 25% por baixo dos derradeiro gabinete de Fraga, que el mesmo vicepresidía.

O Diario Oficial de Galicia publica este luns a orde que regula as subvencións ás centrais sindicais para o ano 2014, dotada pola Consellería de Traballo e Benestar con 1,17 millóns de euros, en virtude do disposto nos Orzamentos Xerais para 2014. Esta cantidade está case un 50% por baixo dos 2,3 millóns de euros cos que o bipartito financiou estes subsidios en 2008 e 2009. Socialistas e nacionalistas chegaran a esta cantidade despois de atopar en 2005 as axudas dotadas con 1,5 millóns. En 2006 fixéronas ascender aos 2,2 e en 2007, aos 2,3.

As axudas perderon a metade da súa dotación dende o retorno do PP á Xunta

A tendencia á alza mudou en 2010, coas primeiras contas públicas de Feijóo. Non obstante, naquela altura a tesoirada foi menor e as axudas seguiron por riba dos 2 millóns de euros. En 2011 Traballo xa aplicou a tesoira con máis contundencia e a rebaixa chegou a 1,9 millóns. En 2012 o departamento de Beatriz Mato dotou inicialmente as axudas con 1,8 millóns de euros, se ben antes de concedelas mudou o rumbo e, aludindo á necesidade de "poder cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria da Facenda da comunidade autónoma", decidiu un novo recorte, ata os 1,3 millóns. Xa en 2013 o desplome continuou, quedando os subsidios en 1,24 millóns, cantidade que segue baixando neste 2014 ata os devanditos 1,17.

Protestas dos sindicatos

O recorte a estas axudas foi obxecto de abondosas críticas por parte das centrais sindicais, que nos últimos anos se viron obrigadas a realizar importantes axustes nas súas actividades e mesmo nos seus cadros de persoal. A través do ditame preceptivo que o Consello Galego de Relacións Laborais emite anualmente sobre esta orde de axudas, UGT, CCOO e a CIG salientan que se "vén observando un descenso continuado dos importes globais das axudas" que é "moi superior á media do descenso do orzamento xeral".

Os sindicatos salientan que as axudas caen por riba do recorte medio dos Orzamentos

Os cartos cos que conta a Xunta "reducíronse nun 12,02%" entre 2010 e 2014 e as axudas aos sindicatos caeron máis da metade, destacan. Ademais, os sindicatos sinalan que "non comprenden a desaparición das axudas" aos gabinetes de asesoramento en materia de economía social, uns órganos que "poden constituír un importante elemento anticrise mediante o asesoramento en temas como o autoemprego".

Obxeccións da patronal

A orde de axudas tampouco é do agrado da Confederación de Empresarios de Galicia, pero por un motivo ben diferente. Como xa fixera en 2013, a patronal considera que ao non ter posibilidade de concorrer a esta convocatoria a Xunta "conculca os principios de igualdade e praidade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais". "As asociacións empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente", argumentan, polo que "deben ser apoiadas e fomentadas pola Administracón Laboral", neste caso a Xunta e esixen "un ámbito de axudas" que as sitúe "exactamente ao mesmo nivel" que os sindicatos.

O Goberno financiou con 18 millóns as 'embaixadas' comerciais da patronal, que pide unha liña de axudas

Nesta protesta a CEG obvia, non obstante, que nos últimos anos contou cunha importante inxección de fondos públicos a través da creación das Plataformas Empresariais no Exterior de Galicia (Pexga), unha rede de embaixadas comerciais creada na pasada lexislatura presentada pola Xunta como unha aposta pola "cooperación, especialmente con organismos intermedios, como mellor vía para prestar máis e mellores servizos, tanto en orixe como en destino, e acelerar deste xeito a internacionalización do tecido empresarial multiplicando a eficiencia de recursos". O Goberno galego decidiu poñer a xestión desta rede nas mans da patronal e para isto puxo sobre a mesa ata 18 millóns de euros.

Logotipos sindicais nunha manifestación CC-BY-SA Daniel Candal

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.