A Xunta reduce o peso do traballo científico e da lingua galega na adxudicación de farmacias

Farmacia nunha vila galega © Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra

A Xunta ten en marcha dende o pasado decembro a súa reforma do sector das farmacias. O anunciado proceso aséntase en dúas novas normas que substituirán as aprobadas a principios de século polo Goberno de Manuel Fraga: a lei de ordenación farmacéutica e mais o decreto que regula a adxudicación de oficinas de farmacia, e que complementan o novo mapa farmacéutico, xa aprobado. A lei comezou o seu trámite como anteproxecto no derradeiro Consello da Xunta de 2017 e actualmente está en exposición pública xunto ao devandito decreto, que na versión proposta polo Executivo trae consigo cambios substanciais con mudanzas como o incremento do peso da experiencia profesional entre os criterios de adxudicación de oficinas de farmacia e ao tempo, unha notable perda de importancia do traballo científico e do coñecemento da lingua galega.

Segundo o anexo do novo decreto, en prazo de recepción de suxestións cidadás ata o 1 de febreiro, o vindeiro concurso de oficinas de farmacia que se convoque "respecta e ten en conta os criterios" da lei aínda vixente, a de 1999, pero "dá a experiencia profesional" a categoría de "primeiro elemento valorable". Ademais, defende, os prazos dos trámites son máis axustados.

A experiencia profesional duplica o seu valor no baremo, as publicacións científicas pasan de 10 a 4 puntos e o coñecemento do galego, de 10 a 5

Efectivamente, o valor da experiencia no sector pasa a ser transcendental, pasando de 30 a 60 puntos. Cada mes de servizo "como farmacéutico titular, cotitular, rexente, substituto ou adxunto" valerá 0,4 puntos -ata agora eran 0,04, ata un máximo de 5-. Sanidade prevé ademais outorgar 0,15 puntos por mes polo traballo farmacéutico en entidades sociais, os mesmos pola experiencia en centros de distribución de medicamentos , e 0,2 puntos polo exercicio en farmacia hospitalaria pública ou privada. O labor "relacionado cou medicamentos ou establecementos farmacéuticos" na Administración pública valerá 0,15 puntos por mes.

O punto da experiencia profesional pasa a incluír tamén a valoración dun elemento que ata agora era un mérito de seu, a docencia. Este traballo académico contaba con ata 12 puntos de valoración na regulamentación de 2001, que ponderaba a docencia universitaria e outros centros públicos e profesionais e mais a dirección de prácticas. O decreto agora en trámite limítase a valorar o "exercicio como docente" no apartado de experiencia con 0,4 por curso impartido "como farmacéutico docente en facultades nas que se imparta a licenciatura ou grao en farmacia".

Aínda que os "méritos académicos" -as cualificacións obtidas durante a carreira universitaria e o posgrao- aumentan levemente de valor no novo decreto -de 12 a 15 puntos-, o peso que gañan non compensa o que perde a área de publicacións e traballos científicos, agora ponderados con 10 puntos e que, segundo a proposta que defende a Xunta, valerán un máximo de 4. A perda de valor é semellante á que sofre o coñecemento da lingua galega, que pasa de 10 puntos no decreto de 2001 a 5 puntos para todas as persoas aspirantes que conten cun CELGA 4 ou equivalente. A formacion continua, pola súa banda, queda intacta na súa valoración global, cun máximo de 10 puntos.

A nova lei incrementará a capacidade asistencial das farmacias e limita a venda dalgúns produtos mentres esquiva a homeopatía, da que Feijóo dixo non "atreverse"  a "confirmar se é un produto sanitario"

Os criterios que prevé a Xunta para adxudicar oficinas de farmacia complétanse co apartado de fomento do emprego, que tamén sofre mudanzas e un incremento do seu peso máximo, de 0,5 a 1 punto. A contratación dun "farmacéutico adxunto" valía ata agora 0,5 puntos e agora valerá 1. O contrato dunha persoa que realice as funcións técnicas ou auxiliares pasa a valer medio punto, o dobre que na actualidade.

Estas mudanzas teñen como pano de fondo o trámite da devandita nova lei, coa que a Xunta prevé prohibir ou penalizar accións como a venda de "produtos distintos dos propios da canle farmacéutica" ou os agasallos á clientela. Mentres, o texto contempla incrementar as tarefas asistenciais dos profesionais do sector, como a dispensación de fármacos a domicilio e, tal e como avanzou o presidente da Xunta, esquiva introducir límite ningún aos produtos homeopáticos, dos que Feijóo dixo non "atreverse" a "confirmar se é un produto sanitario".

Feijóo e o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña, antes dunha comparecencia pública © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.