A Xunta saca a concurso a licenza de TDT privada á que renunciou V Televisión

Cámaras de televisión enfocan a Feijóo durante unha rolda de prensa en San Caetano CC-BY-SA Xunta

O pasado 21 de outubro, o Consello da Xunta aprobou as bases para sacar a concurso unha licenza de televisión autonómica privada. Na súa comparecencia posterior, o vicepresidente Alfonso Rueda -Feijóo viaxou nesa xornada a Madrid- non mencionou este acordo e o Goberno tampouco o incluíu na referencia pública sobre os asuntos tratados. O inicio do proceso foi público este 8 de novembro, coa súa preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A licenza de TDT privada que o Goberno galego saca a concurso é a mesma que ostentou Medios Digitales de Galicia ata finais de 2019, cando renunciou a ela e a Xunta aceptou a renuncia nun Consello tras o cal decidiu tamén evitar facelo público ata a publicación no DOG. Esta empresa foi constituída para a xestionar a canle por parte de La Voz de Galicia, S.A., que a explotou mediante a marca comercial V Televisión dende marzo de 2010 e ata xaneiro de 2018, cando a pechou.

Monitores de televisión recollen unha intervención de Feijóo no Parlamento, nunha imaxe de arquivo © Parlamento de Galicia

A primeira adxudicación desta canle remóntase ao 22 de xullo de 2005. Aquela día o Consello da Xunta presidido por Manuel Fraga e vicepresidido por Feijóo adxudicou as licenzas das que ían ser as dúas primeiras canles televisivas privadas de ámbito galego. As beneficiaras das adxudicacións daquel Goberno en funcións (faltaban apenas 10 días para que os populares tivesen que abandonar oficialmente o Executivo pola toma de posesión do novo Goberno de PSdeG e BNG) foran o Grupo Voz e Popular TV, do grupo da Cadena COPE.

As dúas licenzas de televisión autonómica privada foran adxudicadas polo Goberno de Fraga en funcións en xullo de 2005 ao Grupo Voz e a Popular TV. Ambas canles pecharon antes de chegaren a cumprir as condicións das concesións, que a Xunta evitou rescatar por dúas veces mediante senllas prórrogas

Segundo os proxectos que as adxudicatarias presentaran, a suma de ambas concesións ía traer consigo uns 100 millóns de investimentos e uns 180 postos de traballo. Ningún dos dous se cumpriu, polo que as empresas incorreron nos supostos que implicarían o rescate da concesión por parte da Xunta. O Goberno galego evitara estes rescates por dúas veces introducindo, a través das leis de acompañamento dos Orzamentos de 2015 e 2017, senllas prórrogas do prazo para "materializar os compromisos asumidos".

No caso da televisión da COPE, as prórrogas chegaron anos despois de que cesasen as súas emisións. V Televisión, pola súa banda, abandonou definitivamente a licenza e por iso, a partir desa renuncia, a Secretaría Xeral de Medios -departamento parte da estrutura da Presidencia da Xunta- desenvolve o novo concurso. Entre os criterios para valorar as ofertas (caso de rexistrarse algunha) figuran a experiencia no sector, o uso do galego (cun mínimo dun 50% nos espazos de produción propia) ou o plan financeiro e proposta de viabilidade.

Este novo concurso é, daquela, o novo capítulo tras o fracaso dos dous proxectos de TDT autonómica privada adxudicados polo Goberno de Fraga en funcións. A renuncia formal de Medios Digitales de Galicia obriga a Secretaría Xeral de Medios a sacala a concurso outra volta.

A estas canles falidas uníronse ao panorama de incumprimentos masivos do medio cento de licenzas da TDT local, neste caso outorgadas en tempos do bipartito entre unha quincena de empresas e grupos. Das apenas oito que chegaron a emitir, varias pecharon nos últimos anos -caso de TeleLugo, Santiago TV ou Correo TV- sen chegaren a adquirir a dimensión prometida en emprego, contidos ou uso do galego. Outras moitas, como as concedidas a grupos mediáticos como Prisa, La Capital ou Prensa Ibérica, nin sequera chegaran a abrir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.