A Xunta segue a promocionar o ciclo de FP de Emerxencias dous meses despois de cancelalo

Información sobre a FP de Emerxencias no sitio web da AGASP, nunha captura tomada o 16 de setembro de 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

O pasado mes de xullo, e por sorpresa, a Xunta anunciaba a cancelación do ciclo de grao medio de FP en Emerxencias e Protección Civil. Impartido desde 2015 nun único instituto do país, na Estrada e en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), foi suspendido malia que para o curso que agora comeza xa estaban preinscritas 76 persoas. 

A web da Agasp segue a promocionar e publicitar o ciclo medio de FP en Emerxencias e Protección Civil, malia que foi anulado sen previo aviso en xullo

Entre duras críticas de sindicatos, oposición e afectados, a Consellería de Educación advertiu dunha “suspensión transitoria” por “cuestións de carácter técnico e organizativo derivadas das necesidades da Agasp”. Agora, e malia que non hai opción de iniciar o ciclo e ó se imparte o segundo curso para quen xa completara o primeiro, a Xunta continúa a ofrecelo a través da web da Agasp. O ciclo mesmo aparece entre as opciópns a elixir na portada da nova web da Academia, o que provocou o malestar dalgúns técnicos e antigo alumnado. “É unha falta de respecto”, di algún dos afectados. 

Consultada a Consellería de Vicepresidencia sobre o feito de que continúe publicitándose o ciclo, Praza.gal aínda non recibiu resposta. 

O ciclo de Emerxencias e Protección Civil, de dous anos de duración, comezou a funcionar no curso 2015-16 a través dun convenio entre Educación e Vicepresidencia, da que depende a Agasp. Con 30 prazas por curso, a súa demanda viña superando a oferta. En 2017 a primeira promoción rematou o ciclo cun total de 27 técnicos formados. Este ano saíu del a terceira promoción e para o próximo curso xa había 76 persoas preinscritas para o primeiro ano de formación, dos que 46 solicitaban ese ciclo como primeira opción e o resto como segunda ou seguintes opcións tras outros ciclos distintos. 

Alfonso Rueda, nun acto na Agasp © Xunta

A Xunta atribúe a cancelación á necesidade de espazo nas instalacións para formar policías locais tras aprobar o Estado o adianto na xubilación de parte do persoal en decembro

Hai dúas semanas, o BNG preguntou no Parlamento pola cancelación do ciclo e esixiu o seu mantemento, logo de atribuír a decisión a “discrepancias internas entre a Consellería de Vicepresidencia e a Consellería de Educación”. Aquelas “cuestións de carácter técnico” das que falara a Xunta eran, segundo aclarou o Goberno galego na Cámara, a falta de espazo na Academia para o alumnado. 

Segundo advertiu a deputada do Bloque, Olalla Rodil, a Xunta xustificou a decisión no feito de que o Goberno central aprobase en decembro o adianto da xubilación de policías locais e na necesidade de formar persoal extra nas instalacións, o que provocaría a falta de sitio. Con todo, como sinalou Rodil, a Administración permitiu que o alumnado se inscribise “para despois pecharlle a porta nos fuciños” e sete meses despois de coñecer a decisión do Estado. 

Desde a Xunta asegúrase que o obxectivo é “reorganizar” o ciclo, pero non é quen de confirmar unha data para a súa volta, aínda que a súa promoción e publicidade mantense na web da Agasp. “Un título fundamental para a profesionalización das emerxencias no noso país, en stand by até novo aviso”, denunciou Rodil, que criticou que non se dese “unha mísera explicación” nin ao profesorado nin ao alumnado nin ao Concello da Estrada da cancelación.

O PP votou no Parlamento en contra de recuperar o ciclo mentres o PP da Estrada apoiaba unha moción que reclamaba o mesmo no Concello

Ademais, a deputada de Común da Esquerda, Luca Chao, tamén censurou a decisión da Xunta e lembrou que o grupo municial do PP do Concello da Estrada apoiou unha moción que reclamaba a recuperación dese ciclo, mentres o grupo parlamentario do PP na Cámara galega votou no Parlamento en contra desa posibilidade.

Chao advertiu de que o ciclo estaba a ter un éxito notable, cunha demanda de prazas que superaba a oferta “de maneira clara e rotunda”. “Coa supresión do título, o Goberno do PP traizoa tanto os traballadores como as alumnas, que terán que buscar, sen apenas tempo, unha alternativa para o vindeiro curso”, dixo. 

Información sobre a oferta de ciclos na portada da web da Agasp © Xunta

A supresión do ciclo produciuse despois de que o pasado 19 de decembro a propia conselleira de Educación, Carmen Pomar, en resposta a unha pregunta parlamentaria do PSdeG, gabase o acordo entre a súa consellería e a Agasp que permitía impartir esa formación como “de utilidade para o conxunto da sociedade galega”

Naquela iniciativa parlamentaria, os socialistas pedían á Xunta que se tivese en conta esa titulación como mérito á hora de acceder a empregos públicos relacionados con ela. A resposta daquela da conselleira foi a de asegurar que o Goberno galego estaba comprometido con esa situación pero que a competencia en cuestións de Protección Civil é municipal, e que lle estaba a trasladar aos concellos galegos “a conveniencia” de que “teñan en consideración o título de técnico de Emerxencias e Protección Civil nos seus procesos selectivos”.

A supresión do título foi criticada pola Asociación de Técnicos de Emerxencias e Protección Civil, de recente creación por parte das primeiras promocións saídas dese ciclo. Reclamou á Xunta que garantise a continuidade do alumnado que xa cursou o primeiro ano de formación e preguntábase que ía ser dos que aspiraban a entrar agora nese primeiro curso sen indicar outros posibles ciclos como alternativas. Os técnicos lamentan que o Goberno galego deixe agora de apostar por unha formación que consideraba útil e que noutras comunidades ten tamén rango de ciclo superior, e non só ciclo medio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.