A Xunta ultima a chegada de persoal médico de fóra da UE mentres agroman as denuncias de precariedade no Sergas

Intervención cirúrxica nun hospital público galego © Sergas

Dende os primeiros días de febreiro está en marcha o trámite parlamentario da reforma sanitaria que impulsa a Xunta. A que será a sexta modificación da lei de saúde do ano 2008 por parte do Goberno do PP muda o mapa das áreas sanitarias, pero tamén introduce cobertura legal para os convenios con empresas sanitarias privadas ou reduce a información a sindicatos e pacientes sobre os contratos do Servizo Galego de Saúde. O PP galego vén defendendo con intensidade a reforma e reducindo a mentiras as críticas contra ela, tamén as expresadas por milleiros de persoas nas rúas de Santiago dous días antes de que o proxecto salvase o primeiro trámite no Parlamento. Así e todo, é o propio PP o que vai introducir reformas na reforma; cambios pola vía das emendas para, por exemplo, inserir na lei mecanismos para a incorporarción ao Sergas de persoal médico de fóra da Unión Europea.

Entre as críticas que os conservadores reducen a "falsidades" figura de xeito recorrente a da precariedade laboral na sanidade pública, que ten como mostra máis evidente os contratos encadeados ou a inestabilidade laboral de profesionais da medicina ou da enfermaría que, por exemplo, asinan unha nova contratación cada mes, realizan xornadas laborais de apenas tres horas ou reciben avisos para saber en que centro traballarán con marxes de apenas uns poucos minutos. Con este pano de fondo e mentres seguen a agromar denuncias de precariedade na sanidade pública o PP vai engadir un novo apartado o texto formulado polo Goberno para que ter a nacionalidade dalgún Estado membro da UE non sexa requisito imprescindible para traballar no Sergas.

O PP emenda a reforma sanitaria do Goberno galego para incorporar ao Sergas persoal de fóra da UE "por razóns de interese xeral e necesidades obxectivas"

Así, segundo unha das emendas presentadas polo PP texto que comezou trámite co apoio só do PP, "a selecciónd e persoal" do Sergas "realizarase de conformidade cos requisitos e sistemas establecidos poal normativa básica vixente e a autonómica de desenvolvemento". Pero "non obstante", advirte, a Xunta vaise acoller á reforma do Estatuto Básico do Empregado Público aprobado en 2015 polo Goberno de Rajoy -cando aínda tiña maioría absoluta-, que permite "eximir do requisito da nacionalidade" -española ou doutro Estado da UE- para o acceso de emprego público se esa exención é fixada por lei "por razóns de interese xeral e necesidades obxectivas". Ese é o mecanismo que usan os populares para que persoas de fóra da Unión poidan "acceder á condición de persoal estatutario das categorías profesionais de licenciado sanitario" no Sergas.

Porta aberta á "man de obra barata"

Esta 'autoemenda' do PP xa xerou as primeiras reaccións entre a representación do persoal sanitario público. Así, a CIG-Saúde sinala a través da súa secretaria nacional, María Xosé Abuín, que "o PP, en lugar de garantir condicións dignas" para o persoal médico "independentemente da súa nacionalidade", o que pretende é "contar cunha bolsa de profesionais como man de obra barata no sistema sanitario". 

"Defendemos o dereito ao traballo de todas as persoas independentemente de onde nazan, pero o PP non busca persoal en condicións dignas, senón institucionalizar formas de contratación precaria para persoal de fóra da UE", di a CIG Saúde

"Na actualidade, para traballar no Sergas é requisito de acceso ser do Estado español ou de calquera dos Estados membros da UE", o que "debería implicar garantir condicións laborais acordes co posto e a titulación requirida", resalta Abuín. No entanto, "o Sergas mantén en condicións precarias ao seu persoal, o que está provocando a súa emigración" para evitar un modelo de "contratos por horas, días ou meses, sen recoñecemento da carreira profesional", no canto de "cubrir as prazas con contratos de interinidade que despois se poidan converter en postos estábeis".

"Dende a CIG-Saúde defendemos o dereito ao traballo de todas as persoas, independentemente de onde nazan, mais queremos denunciar a hipocrisía do PP", resalta Abuín, porque "non busca persoal en condicións dignas". Ben ao contrario, afirma, "procura institucionalizar estas formas de contratación precaria pensando que o persoal que vén de fóra da UE está máis en disposición de aceptalas", o que para o sindicato é preludio dun novo "abuso en toda regra".

Outras emendas do PP á Xunta

As emendas do PP modifican o concepto de persoal directivo e elimina o concepto de "atención especializada", que pasa a ser "atención hospitalaria"

Ademais da chegada de persoal médico de fóra da UE as emendas do PP ao proxecto da Consellería de Sanidade tocan outros tres aspectos da reforma. Un deles é a introdución no texto legal da figura dos Consellos asesores de pacientes a nivel galego e de área sanitaria, aínda que coas limitacións xerais de información que trae consigo a propia reforma.

Alén disto, a nova lei trae consigo unha nova definición de "persoal directivo", que "en ningún caso" pode atinxir as persoas responsables dos "órganos da Consellería e das entidades instrumentais adscritas" a ela que teñan a consideración de alto cargo da Xunta. Ademais, as emendas do PP fan desaparecer da lei o termo "atención especializada", que pasa a denominarse en todo caso "atención hospitalaria".

Manifestación contra a reforma sanitaria que impulsa a Xunta CC-BY-SA GZ Foto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.