A Xustiza avala a baixada de tarifas nos buses da Coruña polo "excesivo" beneficio da concesionaria

Bus urbano da Coruña © Concello da Coruña

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña vén de desestimar o recurso interposto pola Compañía de Tranvías contra os acordos de 2019 do anterior goberno local da Marea Atlántica que establecían a baixada das tarifas do bus urbano coruñés. 

Aquela rebaixa --de 1,30 euros a 1,20 na tarifa xeral e con viaxes de balde para menores de 13 anos ou reducións no bonobús-- foi rexeitada pola empresa concesionaria, que presentou un recurso e alegou que rachaba co convenio asinado co Concello, a quen acusaba de modificalo de maneira unilateral. A Xustiza desbota os seus argumentos nun ditame contundente que é recorrible en apelación nun prazo de quince días. 

O ex-alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, nun acto da Compañía de Tranvías © Concello da Coruña

A sentenza é clara ao advertir dun beneficio “extraordinario ou excepcional por excesivo” da Compañía de Tranvías, polo que a xuíza entende que, tendo en conta a duración do convenio de 38 anos, "entra dentro do razoable e proporcionado que o Concello poida revisar as tarifas”, máis aínda logo de que os importes fosen sempre evisaos "á alza" ata 2018.

O xulgado advirte dun beneficio “extraordinario ou excepcional por excesivo” da Compañía de Tranvías, polo que é "razoable" a redución das tarifas

A maxistrada advirte de que non houbo un cambio no contrato, senón que se axeitou ao dereito comunitario. O ditame aclara que no propio convenio entre ambas entidades se indica que a revisión de tarifas levarase a cabo segundo a "fórmula polinómica" que consta no artigo 20 do Regulamento de Funcionamento do Servizo que "prevé un beneficio dun 15%" para a empresa concesionaria, "moi inferior ao beneficio declarado pola propia Compañía". 

"Resulta que o beneficio industrial real declarado pola concesionaria é máis do dobre daquela cifra", unha circunstancia que, asegura a xuíza, "xustificaría por si soa a revisión das tarifas". 

"Detectouse un beneficio industrial extraordinario ou excepcional por excesivo e, tendo en conta a duración do convenio, 38 anos, entra dentro do razonable e proporcionado que o Concello poida revisar as tarifas cando estas, durante tantos anos, foron revisándose sempre á alza e sendo desproporcionado o equilibrio entre o beneficio da Compañía e o interese público dos cidadáns", di con contundencia a sentenza. 

“Isto tamén determina que non proceda compensación económica ningunha, pois o beneficio da Compañía de Tranvías pasa de ser extraordinario a razoable”, subliña.

A xuíza alerta do "desproporcionado equilibrio entre o beneficio da Compañía e o interese público dos cidadáns" e a súa incompatibilidade co dereito comunitario

O ditame insiste, ademais, en que a revisión das tarifas ten "o axeitado soporte xurídico", tanto no convenio da concesión como nos regulamentos de servizos das corporacións locais ou na Lei de Contratos do Estado. Tanto pola posibilidade de proceder a unha revisión das tarifas de carácter extraordinario como as potestades dun Concello para a "alteración das tarifas a cargo do público". 

"A circunstancia detonante da revisión extraordinaria acordada pola Xunta de Goberno Local o 28 de decembro de 2018 non é outro que o recoñecemento pola propia concesionaria, ano tras ano, dunha marxe de beneficios que resulta incompatible coas esixencias do dereito comunitario, e no último termo con interese público que debe preservar calquera Administración Pública", aclara a xuíza, que recorda que o beneficio antes de impostos da Compañía de Tranvías en 2016 é de case 6 millóns de euros (5,93).

Autobús urbano da cidade da Coruña © Concello da Coruña

Malia todo, en 2019 a Compañía de Tranvías pechara o exercicio, o primeiro no que o Concello reduciu as tarifas logo de 32 anos de subas e catro de conxelación, cun beneficio de 3,32 millóns. En 2018 fora de case 4 millóns (3,78). 

O ditame lembra a potestade de intervir nas tarifas de servizos públicos para "corrixir desequilibrios e evitar un beneficio excesivo a costa dos usuarios"

"Ante tal tesitura, resulta obrigado exercer a potestade que recoñece non só a normativa de aplicación ao contrato senón mesmo o propio convenio", insiste a sentenza, que advirte de que a posibilidade de "intervención nas tarifas a abonar polos usuarios de servizos públicos está recoñecida na xurisprudencia como un mecanismo para corrixir desequilibrios e evitar un beneficio excesivo a costa dos usuarios do servizo"

Respecto da alegación da Compañía de que a rebaixa debería conlevar algunha compensación, a maxistrada tamén é clara ao lembrarlle á empresa "un dato obxectivo moi revelador": "A rebaixa da tarifa provocou un notable incremento de usuarios, o que deriva nun incemento de ingresos á concesionaria". 

A CNMV xa advertira á concesionaria da necesidade de axustarse á normativa europea e evitar "ingresos e/ou vantaxes" excesivas

A Compañía de Tranvías intentou en varias ocasións bloquear a rebaixa nas tarifas ao considerar que o contrato de concesión asinado en 1986 establece unha revisión sempre cara arriba. En 2018, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) xa considerou que a concesión dos buses da Coruña debería axustarse á normativa europea e evitar que a a empresa se beneficiase de "ingresos e/ou vantaxes" que lle permiten exceder por moito as ganancias necesarias para cubrir os custos do servizo "máis uns beneficios razonables". Ademais, lembraba que o convenio de hai máis de 30 anos fora asinado sen concurso e debía ser revisado pola Comisión Europea por se a firma recibise "axudas de Estado ilegais". 

Coa revisión das tarifas aplicadas polo anterior goberno local, un viaxe pagado coa tarxeta bonobús pasou dos 85 céntimos aos 75, mentres que un ordinario quedou en 1,20 euros fronte aos 1,30 anteriores. Ademais, o bonobús social quedou en 33 céntimos, o universitario en 30, mentres que se estableceu a gratuidade dos percorridos dos menores de 13 anos e dos transbordos en calquera liña.

O director da Compañía de Tranvías da Coruña, Ignacio Prada, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada © Concello da Coruña

Desde a Marea Atlántica, unha vez coñecida a sentenza, celebraron o que, en palabras da portavoz municipal, María García, é unha "demostración de que o goberno de Xulio Ferreiro tiña razón nos seus argumentos, a pesar das dúbidas que a alcaldesa Inés Rey e o seu equipo levan dous anos expresando, dous anos en branco en canto a medidas de fomento do transporte público”.  

"A sentenza pon de manifesto que as condicións económicas do contrato de transporte público son moi prexudiciais para o Concello e a cidadanía"

Ademais, García esixiu “a implantación inmediata das novas tarifas con descontos para maiores de 65 anos e menores de 25”, tal e como recolle o acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE para o primeiro ano de mandato. “Agora xa non hai escusas para non cumprir”, rematou. 

Desde o Concello, a alcaldesa Inés Rey considera que o veredtio é "positivo" para os intereses municipais pero asúmeo con cautela posto que “a sentenza aínda non é firme”. "Sempre defendín estudar as posibles baixadas das tarifas para mellorar o transporte público, iso si, sempre desde o diálogo coa concesionaria, posto que facelo de forma unilateral pode chegar a paralizar novas melloras no servizo e xera incerteza para as arcas municipais", insistiu. 

O ex-concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, cre que a sentenza “pon de manifesto que as condicións económicas do contrato de transporte público son moi prexudiciais para o Concello e a cidadanía da Coruña, aínda que outros gobernos escollesen calar ante elas". 

A Marea Atlántica lembra que Tranvías "leva once meses de pandemia sen reforzar as liñas nas horas punta, e varios anos sen facer melloras na frota, coa escusa de que a baixada do billete reducía os seus beneficios". "A realidade é que en 2018 pechara o ano con 30 veces máis beneficios que a empresa de transportes de Vigo", conclúe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.