A Xustiza censura a privatización dos parques de bombeiros da Deputación de Ourense

Acto da Deputación no parque de bombeiros da Limia © Deputación de Ourense

A Xustiza confirma as eivas denunciadas na privatización dos parques comarcais de bombeiros levada a cabo pola Deputación de Ourense. O xulgado do contencioso-administrativo número 1 da capital provincial estimou parcialmente o recurso presentado pola CIG e aprecia "un vicio ou defecto formal" no procedemento administrativo seguido.

Así o anunciou este pasado xoves o propio sindicato, que debullou a decisión do maxistrado, na que se censura o xeito no que se levou a cabo a privatización dos parques comarcais de bombeiros  de Verín, A Limia, Valdeorras e O Carballiño por parte do Consorcio Provincial para o Servizo contra Incendios e Salvamento. Foi en 2016 cando se convocou un concurso público para esta externalización que, como destaca o xuíz, vulnerou os dereitos dos traballadores ao entender que non houbo negociación colectiva ao non subrogar a adxudicataria -a empresa Veicar- todo o persoal nin equiparar o seu salario ás mellores condicións económicas antes da fusión. 

A Xustiza aprecia "vicio ou defecto formal" ao negarse a negociación colectiva, non subrogarse todo o persoal nin equiparar o salario ás mellores condicións

O titular do xulgado do contencioso-administrativo, segundo destaca a CIG, declarou nula a convocatoria do concurso pola falta de negociación denunciada, deixando aberta a posibilidade de "instar a unha revisión de oficio de actos nulos contra o acordo final de adxudicación do concurso á empresa Veicar" e declarando a existencia de vinculación entre o persoal subrogado pola compañía e o Consorcio Provincial de Bombeiros de Ourense. O maxistrado non botou abaixo a externalización pero si indica a necesidade de facer unha revisión de oficio de todo o proceso. 

O maxistrado non botou abaixo a externalización pero si ve necesario facer unha revisión de oficio de todo o proceso

Ante esta situación, a unión local da CIG en Verín, xa anunciou que solicitará unha xuntanza coa Deputación para tentar "pechar un acordo extraprocesual, previo recoñecemento da condición de traballadores do Consorcio aos bombeiros contratados pola empresa adxudicataria". Ademais, advirte de que, no caso de que non prospere a saída negociada, instará á nulidade da adxudicación do concurso e reclamará por cesión ilegal de traballadores.

A CIG pide "recuperar para o ámbito público un servizo esencial que nunca debeu ser privatizado"

Ademais, a CIG asegura que o "razoábel e moi beneficioso para a cidadanía" sería que a Deputación aceptase "negociar unha saída pactada" e que aceptase "recuperar para o ámbito público un servizo esencial que nunca debeu ser privatizado".

Por outra banda, o grupo provincial do PSdeG considera que a decision do xuíz supón "un duro revés para o goberno do PP" na Deputación, que "leva defendendo un proceso contra-natura e vendendo como boa a perda da xestión pública dun servizo provincial". “Abonda ver a recente vaga de lumes que afectou a nosa provincia e moitos dos nosos concellos para comprobar o necesario que é termar do público e, así, poder garantir a calidade e eficiencia do servizo ademais da operatividade á hora de pedir responsabilidades”, asegurou Fraga Civeira, voceiro socialista. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.