A Xustiza desmonta a 'revolución' do PP contra funcionariado do Concello de Santiago

Conde Roa, coa edil de Persoal, Amelia González © Concello de Santiago

A finais do ano 2011 o PP levaba menos de medio ano gobernando no Concello de Santiago. Con Gerardo Conde Roa na alcaldía e Ángel Espadas como responsable do seu gabinete, boa parte dos esforzos de ambos encamiñábanse, segundo se tira das revelacións do sumario da operación Pokémon, en prorrogar o contrato que o consistorio da capital ten coa empresa Aquagest, actualmente denominada Viaqua. Naqueles días Espadas explicáballes a Henry Laíño e José Luis Míguez, responsables da empresa en Galicia e Compostela, que a operación estaba practicamente feita e as únicas dificultades eran que o secretario e a interventora municipal "nos están torpedeando todo" e por iso xa traballaban para afastalos dos seus cargos. Ese relevo produciuse e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de anulalos.

Estes funcionarios non eran do agrado dos novos gobernantes populares nin tampouco dos xefes de Aquagest, considerados pola investigación líderes da trama na cidade. A interventora "e o puto secretario estannos parando todo o que temos encauzado", queixábanse nunha das conversas intervidas por Vixilancia Aduaneira por orde da xuíza Pilar de Lara. Esas queixas, segundo consta nas escoitas, transmitíronllas ao propio Espadas, que tentaba tranquilizalos anunciándolles a remuda. Para o posto de secretario a "primeira opción" era Francisco Cacharro, fillo do ex presidente da Deputación de Lugo, "que non quixo vir por unha cuestión persoal. "Pero traemos a outro que non é peor, eh?", sinalaba en conversa con Laíño.

Os presuntos líderes da Pokémon en Santiago lamentaban que o secretario e interventora, despois relevados, "torpedeaban" os seus plans

Xa na primavera de 2012, cando Conde Roa se vira forzado a dimitir pola súa fraude fiscal, Laíño comentaba a nova situación co concelleiro de Deportes santiagués, Adrián Varela, imputado na Pokémon como Conde Roa e Espadas. Daquela Varela comentaba que no seo do goberno local estaban "fastidiados" con todo o que estaba a acontecer, tamén porque "non dan feito no Concello, porque se cargaron ao secretario e á interventora". O novo alcalde, Ángel Currás, estaba "desbordado". Naquela altura o PSdeG local xa tentaba frear nos tribunais os relevos do secretario e da interventora, concretados a través da creación de dúas novas prazas idénticas e dunha terceira, para a tesouraría municipal. Segundo defendía a concelleira de Persoal, Amelia González, a única intención era a de "paliar irregularidades".

Un relevo contrario á lei, pero co aval da Xunta

O argumento esencial dos socialistas composteláns ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia consistiu en que o goberno daquela comandado por Conde Roa estaba infrinxindo o decreto de recortes co que o Goberno de España estableceu, entre outros aspectos, a prohibición de incorporar novo persoal ás Administracións locais. Así o advertiron nos seus informes o propio secretario e mais a viceinterventora municipal, segundo consta na sentenza. A única voz a favor chegou dende a Xunta, que tras a preceptiva consulta formulada polo Concello considerou que as incorporacións eran axeitadas, porque secretarios, interventores e tesoureiros son funcionarios estatais e, polo tanto, "a súa entrada na Administración non se produce a través da entidade local, senón a través da oferta de emprego público de cada comunidade autónoma".

O TSXG anula a creación de novas prazas de secretaría, intervención e tesouraría decidida polo Concello e apoiada polo Goberno galego

Pero ao xulgado non lle valeron os argumentos do Concello, que defendía a idoneidade de pasar a ter tres prazas de secretaría e outras tantas de intervención e tesouraría. Tampouco aceptou os intentos de que que se desestimasen os informes das persoas titulares das prazas por teren "interese" directo no caso e, ademais, "relación de confianza" co PSdeG local. "Resulta evidente que coa ampliación do plantel se está vulnerando" a prohibición estatal, "porque se incrementou o cadro de persoal ao figurar tres prazas por cada unha das funcións típicas dos habilitados nacionais onde anteriormente só había dúas". "Resulta evidente que co incremento de plantel acordado tivo lugar a incorporación de novo persoal, que é precisamente o que se prohíbe", evidencia o ditame.

Así as cousas, e evidenciando que "os argumentos esgrimidos" polo Concello "non xustifican" a "premura" coa que buscaron novo secretario e interventor, o alto tribunal galego estimou o recurso do PSdeG e anulou a creación destas tres prazas. Ademais do varapau xurídico-político, ao gabinete agora dirixido por Currás correspóndelle asumir as costas do proceso xudicial, "coa limitación de 1.500 euros en concepto de gastos de defensa da parte demandante".

Conde Roa entrégalle o bastón de mando a Currás © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.