A Xustiza volve deixar o maquinista como único imputado polo accidente de Angrois

Vítimas do accidente, nas inmediacións do Congreso dos deputados CC-BY-SA Plataforma Víctimas Alvia 04155

O maquinista do Alvia volve ser o único imputado polo accidente ferroviario de Angrois. A Audiencia Provincial da Coruña vén de deixar sen efecto a imputación aos 12 membros do Adif que formaban parte da cúpula do administrador de infraestruturas ferroviarias no momento da inauguración da liña Ourense-Santiago na que se produciu o sinistro.

A Audiencia da Coruña deixa sen efecto todas as imputacións agás a do maquinista

O auto, que lle foi notificado este mércores ás partes, deixa así sen efecto todas as imputacións agás a do maquinista nunha causa que agora instrúe o xuíz Andrés Lago Louro, que substituíu a Luis Aláez, que fora o maxistrado que en maio imputara estes cargos de Adif antes de abandonar o Xulgado de Instrución número 3.

A decisión chega cinco meses despois de que o anterior xuíz que instruía o caso decidira imputar os cargos de Adif

Tal e como aclara o TSXG, os maxistrados pronúncianse así favorablemente en relación aos recursos que interpuxo a Avogacía do Estado e a Fiscalía cunha deliberación que chega cinco meses despois da decisión anterior do xuíz Aláez. Consideran que os informes periciais que cuestionaban a seguridade na curva de Angrois non son unha proba de cargo suficiente.

O xuíz Aláez cría que as medidas de seguridade foran insuficientes e que se deberían ter tomado máis para evitar o sinistro, pero a Audiencia non cre que haxa máis responsables que o maquinista do Alvia, ao igual que a Fiscalía. Esta mesma Audiencia da Coruña xa levantara outra imputación sobre estes directivos e outros de Adif.

A Audiencia entende que a ausencia de ERTMS "non é unha infracción dun deber legal" pero si unha conduta perigosa

A Audiencia entende agora que, entre outras cuestións, non hai base normativa que permita entender que a ausencia de instalación do sistema ERTMS na infraestrutura "constitúa unha infracción dun deber legal". Non obstante, os maxistrados entenden que a ausencia de ERTMS supón unha conduta perigosa, pero cren que se este risco "se mantén dentro dun nivel que poida considerarse permitido, non existe infracción do deber de dilixencia". Ademais, nos autos asegúrase que a eliminación destes sistema nos últimos quilómetros da liña non foi gratuíta ou carente de motivo, xa que respondía á "nova configuración e regulación do encravamento".

En canto ao maquinista, os maxistrados entenden que é "sinxelamente absurdo" que pola súa experiencia profesional nese tren "tivese algunha dúbida sobre cales eran as súas obrigas ou sobre que normativa había de cumprir e, sobre todo, a causa do accidente, o incumprimento polo condutor do deber establecido na normativa regulamentaria de chegar ao punto de cambio de velocidades a unha determinada velovidade, é un factor que non se ve afectado por ningunha desas supostas confusións".

Os maxistrados cren "absurdo" que o maquinista "tivese algunha dúbida sobre as súas obrigas ou normativas a cumprir" no tren

"Non hai indicios de que na determinación e regulación das circunstancias da circulación ferroviaria concorrentes cando se produciu o accidente concorra a infracción normativa, a ilegalidade ou a vulneración de pautas técnicas consolidadas recollidas pola normativa de Adif", din os autos, que son firmes e contra os que non cabe recurso.

É, xa que logo, a segunda vez que o tribunal levanta imputacións a cargos públicos. Na ocasión anterior, o maxistrado Aláez imputara 27 técnicos e directivos do administrador ferroviario, pero a Audiencia considerou que non tiña probas suficientes para consideralos responsables. Seguiuse investigando e o xuíz advertiu de que un maquinista xefe alertara do "risco" da curva de Angrois ano e medio antes do sinistro, polo que logo de recibir tres iformespericiais sobre varias deficiencias, volveu imputar os doce ex directivos que agora quedan exentos de imputación ningunha.

É a segunda vez que a Audiencia levanta imputacións contra cargos de Adif

A polémica decisión da Audiencia chega poucos días despois doutra polémica arredor do sinistro, despois de que o recentemente nomeado novo ministro de Xustiza, Rafael Catalá, fose duramente criticado polas vítimas do sinistro de Angrois, que o acusaron de "mentir" e incluso "presionar" algúns dos feridos naquel accidente. Diversas plataformas de vítimas manifestaran xa o seu malestar polas desimputacións anteriores de cargos de Adif.

Os doce cargos aos que agora a Audiencia retira a imputación son o ex presidente de Adif Antonio González Marín, o ex director de Seguridade na Circulación, Andrés Cortabitarte López; tres vogais daquel consello de administración de Adif -Juan Carlos Cáceres Díez, Mercedes Rodríguez Arranz e Félix Díaz Martínez.-, Juan Ángel Mairal Lacoma e Carlos Bartolomé Marín, vogais e ex xefes de gabinete de cargos de Fomento; Javier Hurtado Domínguez, vogal por Fomento e ex director de gabinete do exministro José Blanco; Carlos María Juárez Cólera, ex director de gabinete de Blanco en 2009 e logo director xeral de Infraestructuras Ferroviarias de Fomento; Mercedes Caballero Fernández, tamén vogal; Gerardo Luis Gavilanes Ginerés, outro vogal por Fomento; e o actual interventor xeral do Estado, José Carlos Alcalde.

Ningunha destas doce persoas chegou a prestar declaración, ao acollerse ao seu dereito a non declarar, ante o maxistrado instrutor da causa sobre un accidente que costou a vida a 79 persoas e provocou centos de feridos.

 >>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Homenaxe civil ás vítimas de Angrois © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.