Cando en maio a Audiencia Provincial da Coruña reabriu a investigación do accidente de Angrois que instrutor e fiscal querían pechar co maquinista como único acusado polos 80 mortos e 144 feridos, o tribunal ordenou que se investigase “se existiu e era normativa e tecnicamente necesaria unha avaliación integral do risco” no AVE Ourense-Santiago “que tivese en conta a situación de perigo concretamente existente na curva onde se produciu o accidente”. Este martes os peritos que suscitaron esa dúbida da Audiencia ratificaron ante o xuíz instrutor que o risco existente na curva era intolerable e que Adif nin o avaliou “concretamente” nin analizou de xeito “integral” todos os riscos da liña, como preguntaba o tribunal. A avogada do Estado que defende a Adif tentou transmitir coas súas preguntas que ningunha norma obrigaba a facelo.
Os expertos designados pola aseguradora de Renfe e por outro perito xudicial coinciden en que a xestora do AVE Ourense-Santiago non tivo en conta a posibilidade dun erro humano, que eles estiman máis que previsible
Este martes quen declararon no xulgado durante preto de seis horas foron Frans Heijnen, apoiado por James Catmur, expertos ferroviarios designados pola aseguradora de Renfe, a multinacional QBE, interesada en que Adif comparta responsabilidades co maquinista; e Enrique Castillo Ron, catedrático da Universidad de Cantabria experto en cálculo de riscos. Todos ratificaron ante o xuíz que Adif non realizou unha análise integral do risco da liña senón só dalgúns dos seus elementos, entre os que non se atopa a curva de Angrois nin o risco dun exceso de velocidade xusto alí, no punto máis perigoso. Un deles, Heijnen, chegara a cuantificar a posibilidade dun accidente catastrófico cada ano e, de feito, o sinistro produciuse un ano e un mes despois de que Adif autorizase que os Alvia circulasen por alí sen levar activo o control constante da velocidade ERTMS, propio do AVE. Este martes os expertos coincidiron en que tampouco se analizou o risco dun erro humano, como o que cometeu o maquinista, que, despistado logo de recibir unha chamada do interventor, non freou a tempo antes da curva e descarrilou sen que existise ningún sistema de seguridade que o evitase ou paliase logo da desconexión do ERTMS. Segundo a documentación existente na causa, Adif e Renfe “exportaron” ao condutor o risco dun posible exceso de velocidade.
Un dos peritos chegara a cuantificar a posibilidade dun accidente catastrófico cada ano e, de feito, o sinistro produciuse un ano e un mes despois de que Adif autorizase que os Alvia circulasen por alí sen o control constante da velocidade
Segundo insistiu este martes ao remate da comparecencia o avogado do maquinista, Manuel Prieto, “é obrigatoria unha análise integral de riscos” que analizase tamén “o risco do factor humano, e non se fixo”. Para este letrado, “os que dirixen a seguridade na circulación en Adif” deben ser chamados a declarar na causa -o director desa área, Andrés Cortabitarte, negouse a facelo mentres estivo imputado-. Pola súa banda, e segundo indican varias fontes presentes na sala, a avogada do Estado que defende a Adif tentou evidenciar coas súas preguntas que nada obrigaba a realizar esas análises de riscos específicas.
As declaracións deste martes foron esixidas pola Audiencia ao instrutor cando reabriu a causa en maio. Este, pola súa parte, tamén encargou a outros tres peritos, os tres designados polo xulgado ao inicio da instrución, que lle elaboren “un só informe consensuado” sobre se o risco existente en Angrois foi correctamente analizado por Adif. Deses tres peritos xudiciais aos que insta a entendenderse, un, César Mariñas, foi elixido por sorteo de entre os mellores profesionais ofrecidos polo Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións e xa concluíu que Adif non analizou o risco de Angrois como esixía a normativa.
Á espera do que poida decidir o xuíz instrutor logo das declaracións deste martes, outros tres peritos, os tres designados polo xulgado ao inicio do proceso, deben entregar o seu informe “consensuado” antes de decembro
Os outros dous peritos xudiciais son funcionarios autonómicos impostos pola Xunta. Un deles, José Manuel Lamela, enxeñeiro de Industriais, centrouse na súa área de coñecemento e só analizou o tren, sen entrar en consideracións sobre a seguridade da liña. O outro, un enxeñeiro de Camiños, Juan Carlos Carballeira, que na súa peritaxe plaxiou diversos parágrafos da investigación oficial de Fomento, admitiu no seu momento que Adif non analizara en concreto a posibilidade dun exceso de velocidade na curva, pero deixou no aire se era obrigatorio, e considerou “razoable” o risco existente en Angrois. Este perito, admitindo así o seu descoñecemento sobre a cuestión, optou por encargar un estudo sobre as probabilidades de accidente ao antedito catedrático da Universidade de Cantabria Enrique Castillo, un dos que declarou hoxe. Á espera do que poida decidir o xuíz instrutor logo das declaracións deste martes, os tres peritos xudiciais deben entregar o seu informe “consensuado” antes de decembro.