AGE denuncia a "responsabilidade política" de José Blanco e Ana Pastor no accidente de Angrois

Obras da liña de alta velocidade en Angrois © Rusty_Chicken2011

A decisión do xuíz Luis Aláez de imputar, no marco da investigación sobre o accidente do Alvia no que o pasado verán morreron 79 persoas en Compostela, a todo o anterior equipo de dirección de Adif motivou que este sábado AGE subliñase as "responsabilidades políticas" de José Blanco e Ana Pastor, anterior e actual responsables de Fomento. Aláez sinala que intereses “circunstanciais e superpostos á seguridade na circulación” influíron na apertura “sen as medidas de seguridade suficientes” da liña de alta velocidade Ourense-Santiago. O auto do xuíz cita a declarar como imputados 11 ex altos cargos de Adif, responsables cando se inaugurou a liña en decembro de 2011.

“O ex ministro José Blanco é o primeiro responsable da rebaixa na seguridade da liña pero tamén aos posteriores responsables do Ministerio de Ana Pastor por non actuar e atallar as evidentes deficiencias"

Para AGE este auto "ratifica" as denuncias da formación, que "dende o primeiro momento sinalou o cambio no proxecto inicial que supuxo unha intolerable rebaixa en materia de seguridade este tramo". Para o deputado Antón Sánchez, o auto "evidencia sen lugar a dúbidas as responsabilidades políticas ao máis alto nivel no Ministerio de Fomento tanto na época de José Blanco como de Ana Pastor". “O ex ministro José Blanco e a súa equipa é o primeiro responsable da rebaixa na seguridade da liña pero tamén aos posteriores responsables do Ministerio de Ana Pastor por non actuar e atallar as evidentes deficiencias en materia de seguridade da liña para evitar accidentes como o que lamentablemente sufrimos o pasado mes de xullo e que acabou coa vida de 79 persoas” denunciou Sánchez.

No auto sinálase que "son os responsables de ADIF quen no ano 2010 tomaron a decisión da modificación do proxecto orixinario que supuxo eliminar a instalación do ERTMS nos quilómetros de entrada á estación de Santiago, e por iso na Curva da Grandeira, e aproveitar as instalacións do sistema ASFA co que viña explotándose o encrave da estación de Santiago, xerando, como se viu, unha situación de risco inexistente ou, mellor dito, incrementando o risco existente notablemente".

Sánchez defende que as novas imputacións deberían ser "o primeiro paso para derimir na súa totalidade todas as responsabilidades ata o máis alto nivel" e denuncia "o pacto de silencio entre os dous grandes partidos"

De igual xeito, Antón Sánchez criticou tamén "a hipocrisia" de Núñez Feijóo, “moi rápido en posar para a foto na inauguración da liña pero inmóvil á hora de se esixir que se garantise a seguridade”. Sánchez defende que as novas imputacións deberían ser "o primeiro paso para derimir na súa totalidade todas as responsabilidades ata o máis alto nivel" e denuncia "o pacto de silencio entre os dous grandes partidos que está a impedir a creación dunha comisión de investigación como reclamou en repetidas ocasións AGE no Parlamento".

 

“Esta UE que construíron as élites bipartidistas non nos serve"

Lidia Senra participou na noite do venres nun mitin en Lugo, acompañada polo voceiro de AGE no Parlamento de Galicia Xosé Manuel Beiras, a vicevoceira Yolanda Díaz e o deputado Ramón Vázquez. Senra dedicou parte da súa intervención ao candidato popular, Arias Cañete, "vello inimigo no sector agrario", do que sinalou que "ten demostrado que sabe xestionar ben, pero para os intereses das elites económicas dos agronegocios, que son a quen el representa".

Para Lidia Senra, Cañete "ten demostrado que sabe xestionar ben, pero para os intereses das elites económicas dos agronegocios, que son a quen el representa"

De igual xeito, Senra salientou que “esta UE que construíron as élites bipartidistas non nos sirve, porque é unha Unión europea ocupada e confiscada polo capitalismo e convertida en escrava das multinacionais”. Unha UE, engadiu, que "converte todo en mercadoría" e “pon a vida ao servizo do negocio”, incluídos os servizos públicos e os bens comúns. “É o marco no que se están a dar brutais ataques contra a cidadanía como os que se están a vivir no Hospital Lucus Augusti, onde a carencia de servizos sanitarios como a radioterapia obriga ás  persoas enfermas de cancro residentes nas comarcas máis afastadas a viaxar ata 400km pra recibir tratamento”, dixo.

Senra tamén tivo palabras para o candidato do PSdeG-PSOE, José Blanco, do que dixo que “é insultante que nos pida afán de superación, e mentras tanto alíase co PP para modificar o Artigo 135 da Constitución, obrigando a que non se podan destinar orzamentos á recuperación dos servizos públicos. E tamén van da man a nivel europeo, onde pactan os tratados que empobrecen á cidadanía da propia UE”.

Vítimas do accidente, nas inmediacións do Congreso dos deputados CC-BY-SA Plataforma Víctimas Alvia 04155
Obras da liña de alta velocidade en Angrois © Rusty_Chicken2011

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.