A Catedral de Santiago acollerá, ás sete desta tarde, a celebración dun funeral católico polas vítimas do accidente de Angrois, unha cerimonia que será oficiada polo arcebispo, Julián Barrio, e na que está confirmada a asistencia de Rajoy, Núñez Feijóo e outras altas autoridades. Tamén confirmaron a súa presenza no acto o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, a portavoz do grupo parlamentario socialista, Soraya Rodríguez, o presidente da Comunidade de Madrid, Ignacio González, e a alcaldesa Ana Botella. Despois da cerimonia relixiosa, as autoridades saudarán os familiares das víctimas do accidente que estean presentes na catedral compostelá.
O sábado Xavier Vence propuxo a organización dun funeral civil "no que poidan verse representadas todas as vítimas"
A celebración deste acto relixioso ven espertando comentarios e críticas en moitos sectores e organizacións políticas. O mesmo sábado o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, remitiulle unha carta ao presidente da Xunta de Galicia propoñéndolle a organización dun funeral civil "no que poidan verse representadas todas as vítimas e no que poida participar toda a cidadanía, con independencia das súas crenzas relixiosas". Nesta carta Vence suxeriulle a Núñez Feijóo que o acto civil se celebrase na Praza do Obradoiro unha hora antes do comezo do funeral relixioso. O BNG tamén trasladou esta proposta aos demais grupos do Parlamento galego.
AGE afirma que "non participará en hipócritas cerimonias espectáculo"
De igual xeito, AGE vén de facer público un comunicado no que afirma que "non participará en hipócritas cerimonias espectáculo". Alternativa destaca neste comunicado "a impresionante resposta dos veciños do lugar, das traballadoras e traballadores da sanidade pública, dos bombeiros e dos equipos de psicólogos voluntarios". E sinala que "a sociedade civil autoorganizouse para se valer a si mesma no corazón dunha catástrofe. Nin a política reaccionaria que suprime e recorta os seus dereitos nin os erros na dirección dos dispositivos de rescate conseguiron paralizala". AGE "rexeita a criminalización do maquinista" e anuncia que "a partir de xa" traballará por que o Parlamento de Galicia "actúe canto antes" para "revelar as causas técnicas e responsabilidades políticas" do accidente de Angrois.