AGE pregunta onde inviste a Xunta a súa débeda se Contas di que non o fai en gasto social

Os deputados Ramón Vázquez e Eva Solla no Parlamento de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Cinco días despois da presentación polo Consello de Contas ante o Parlamento dos seus informes de fiscalización das administracións públicas galegas, o primeiro grupo parlamentario da oposición en comparecer de xeito público para dar a súa opinión dos mesmos foi este mércores AGE. Os deputados Ramón Vázquez e Eva Solla deron unha rolda de prensa para salientar as eivas que o ente fiscalizador detecta nas contas públicas salientando que alerta dun “escenario de insostibilidade” orzamentaria da Xunta, que “financia o gasto corrente con débeda”. Ao tempo, Contas constata unha “caída do gasto social”, polo que AGE preguntouse “en que está a investir a débeda a Xunta?” Do mesmo xeito os deputados criticaron a “opacidade das entidades adscritas ao Sergas” e pediron que sexan integradas no servizo galego de saúde.

O deputado Ramón Vázquez pide a saída do ente fiscalizador de Dositeo Rodríguez, que cesou nese cargo hai cinco meses.

Vázquez comezou a súa intervención salientando un feito en particular, que 35 entidades públicas de toda Galicia que teñen esa obriga non presentaran as súas contas para que fosen fiscalizadas, das que apuntou á Fundación Camilo José Cela, cuxos anteriores xestores están imputados por malversación de fondos públicos. O deputado de AGE criticou que un deles, Dositeo Rodríguez, ex-conselleiro de Fraga, é “actualmente conselleiro de Contas”.

“É absolutamente impresentable que Dositeo Rodríguez siga no seu posto”, insistiu Vázquez. Porén Dositeo Rodríguez non é conselleiro de Contas desde hai cinco meses. Preguntado por ese feito, Vázquez tentou argumentar que Rodríguez era ao mesmo tempo patrón da fundación Cela e conselleiro de Contas en 2014, ano do que critica que a entidade non se sometese a fiscalización. O deputado autonómico tamén tentou escusar o seu descoñecemento da saída de Rodríguez do Consello de Contas: “A nós non se nos trasladou ese cesamento”. Porén, é o Parlamento de Galicia o que nomea os conselleiros de Contas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.