Alcaldesas de todo o Estado asinan na Declaración de María Pita o seu compromiso coa igualdade desde o eido local

As dezasete alcaldesas que asinaron na Coruña a Declaración de María Pita, diante do Concello na praza de María Pita © Concello da Coruña

Rexedoras galegas, asturianas, catalás, andaluzas, madrileñas, das dúas Castelas, murcianas, valencianas, aragonesas e vascas asinaron este xoves na Coruña a Declaración de María Pita para incorporar os  "obxectivos da axenda feminista" ás Administracións locais

Dezasete alcaldesas de todo o Estado reúnense na Coruña para asinar a Declaración de María Pita, un documento acordado entre as alcaldesas de capitais de provincia e cidades de máis de 100.000 habitantes co obxectivo de traballar pola igualdade dende os seus municipios. Trátase dun primeiro paso para amosar o compromiso das mulleres á fronte das corporacións locais cos "obxectivos da axenda feminista".

A Declaración de María Pita foi asinada este xoves na Coruña pola súa alcaldesa, Inés Rey, e máis polas alcaldesas de Alcorcón, Natalia de Andrés; Barakaldo, Amaia del Campo; Cartagena, Noelia Arroyo; Castellón, Amparo Marco; Ciudad Real, Eva María Masías; Gijón, Ana González; Getafe, Sara Hernández; Hospitalet de Llobregat, Nuria Marín; Jerez de la Frontera, María del Garmen Sánchez; Lugo, Lara Méndez; Móstoles, Noelia Posse; Sabadell, Marta Farrés; Santa Coloma de Gramanet, Nuria Parlón; Segovia, Clara Isabel Luquero; Toledo, Milagros Tolón; e Teruel, Emma Buj.

Reunión das representantes municipais que participan no I Encontro de Alcaldesas na Coruña © Concello da Coruña

A Declaración de María Pita está aberta a todas as alcaldesas do Estado, xa se sumaron mandatarias galegas de municipios por debaixo dos 100.000 habitantes

O acto de sinatura foi a primeira parada do I Encontro de Alcaldesas, baixo o lema 'O poder de facer as cousas ben', promovido dende o Concello da Coruña "co obxectivo de debater e reflexionar sobre o papel das mulleres nas institucións”. A organización salienta que a presenza de mulleres nas corporacións municipais segue sendo minoritaria. "Nas 8.131 entidades locais do Estado español as mulleres supoñen un 40% do total das corporacións, mentres que no tocante ás alcaldías, a cifra diminúe ata un 21%", detallan. 

Con esta declaración de María Pita, as alcaldesas comprométense non só a traballar por reverter estas cifras no eido local, senón tamén dende as súas correspondentes organizacións políticas para acadar o mesmo obxectivo en todas as Administracións. Por iso, convidaron ao resto de alcaldesas do Estado a adherirse a este documento, co obxectivo de "crear unha primeira rede de mulleres políticas comprometidas coa loita pola igualdade entre homes e mulleres dende o poder local".   

Ademais, outras quince mandatarias galegas de concellos de menor poboación asinaron a Declaración de María Pita este mesmo xoves. Foron Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; Alejandra Pérez, alcaldesa de Bergondo; María Barral, alcaldesa de Betanzos; Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas; Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas; Margarita Lamela, alcaldesa de Cee; María Sol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz; Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; Noelia Rodríguez, alcaldesa de Ribadavia; Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas; Patricia Domínguez, alcaldesa de A Pobra de Trives; María Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; María Loureiro, alcaldesa de Viveiro; e Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo de Limia.

Rexedoras asinates da Declaración de María Pita © Concello da Coruña

As alcaldesas comprométense a "denunciar publicamente os actos de misoxinia, machismo ou discriminación"

"Para que a igualdade sexa real e efectiva requírese un equilibrio na representación de mulleres e homes nos ámbitos político, económico, laboral e social", recolle a Declaración de María Pita, que evidencia o "déficit democrático" que supón a infrarrepresentación de mulleres nos órganos de decisión das Administracións públicas. "Aínda que a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes é un dereito fundamental, a igualdade real segue sen ser efectiva", asevera o texto asinado este xoves na Coruña.

Así, as alcaldesas comprométense tamén a "seguir esixindo medidas que garantan a igualdade real entre mulleres e homes no acceso a postos de responsabilidade e xestión", a "denunciar publicamente os actos de misoxinia, machismo ou discriminación contra mulleres electas no desempeño dos seus cargos ou contra mulleres candidatas polo feito de seren mulleres" e a "contribuír a reforzar a axenda inconclusa da paridade en todos os ámbitos e apostar, desde o local, por unha maior presenza de mulleres en todos os postos, contribuíndo á consolidación dos liderados femininos xa existentes".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.