A ministra de Fomento, Ana Pastor, negou que desde as institucións "se culpabilizase" ao condutor do tren sinistrado en Santiago de Compostela e pediu que se agarde a coñecer os resultados da investigación para poder "atopar a verdade", que espera que se coñeza "canto antes", tal e como advertiu nunha entrevista en La Sexta.
"Aquí non se culpabilizou a ninguén. O único que se dixo é que se vén unha curva de 80 km/h e se vai a máis velocidade, hai que frear e reducir a velocidade"
"Aquí non se culpabilizou a ninguén. O único que se dixo a preguntas dos xornalistas é que se vén unha curva de 80 km/h e se vai a máis velocidade, hai que frear e reducir a velocidade, pero nada máis, porque aquí hai que deixar traballar á investigación", sinalou a ministra de Fomento, que cre que unha vez se rematen as pescudas poderase "dar a maior tranquilidade posible" aos familiares e achegados das vitimas do sinistro de Angrois.
"Pedimos que se actúe con independencia e que se saiba a verdade", sinalou, logo de que horas antes, sen citar en ningún momento ao maquinista do tren, declarase que "quen opera o ferrocarril" debe cumprir as normas de seguridade.
Do mesmo xeito, Ana Pastor lembrou que o papel do Ministerio de Fomento nesta investigación será o de "dar á comisión de investigación todos os medios materiais e humanos para que poidan traballar e contar as causas, coa celeridade que poidan".